29 de outubro de 2025

Intervención no Pleno Municipal do 30 de outubro de 2025

 AV RAIGAME

Levamos 10 anos loitando por unha modificación do PXOM no solar do Peleteiro. Unha modificación xusta para a veciñanza do barrio e para a cidade. 

Aló polo 2015 fomos a Asociación máis activa na formación da chamada Comisión Mixta que, por certo, nunca existiu para o actual goberno municipal nin para a súa alcaldesa. 

Xa daquela exixíamos equipamentos sociocomunitarios xustos e demandábamos se liquidara unha débeda histórica que os sucesivos gobernos municipais tiveron sempre co barrio máis densamente poboado da cidade. Aí están as hemerotecas para demostrar a nosa demanda. 

Un Centro de Día, unha gardería, unha biblioteca, espazos para a conciliación familiar, para as asociacións da cidade e para actividades do comercio local, e sobre todo, recuperar a actividade cultural que tiña a Zona Nova coa desmantelada Aula de Cultura da Carreira do Conde. 

No 2019 sumamos unha nova demanda cando a veciñanza de Rep. Arxentina nos pediu axuda e á cal se sumou a veciñanza da Rosa. Demanda que consideramos xusta porque se algo debe defender unha asociación Veciñal é aos seus veciños. Un total de 6 Comunidades de propietarios que presentaron alegacións á actual modificación do PXOM. 

Pero sempre tivemos a sensación de que en todas as sucesivas propostas de reforma do PXOM, o goberno  municipal sempre estivo de parte da propiedade da parcela e en contra dos intereses da veciñanza e da cidade. E coma se dunha loita de trincheiras se tratara, en cada nova reforma fomos gañando metros por Rep. Arxentina e rebaixando metros pola Rosa. 

Ao longo de todo este tempo aquí estades presentes moitas das persoas que participastes nesta lide. Algunhas expresastes os vosos intereses dende o principio e non os ocultastes. Outras, sen embargo, finxistes apoiar á veciñanza cando estabades na oposición para despois traizoala cando chegastes ao goberno.  

E a traizón é o que máis nos doe. Non pola traizón en si, que tamén, se non porque con ela mostrades unha total e absoluta falta de respecto á veciñanza que  a fin de contas é quen vos pon e quen vos quita destas cadeiras. 

Pero aínda hai algo peor, e é que hoxe somos nós os traizoados. Outro día serán outros veciños se así o ditan os vosos intereses. Despois disto, será difícil que poidamos confiar en vós. 

Pero se temos que mirar cara  adiante, da mesma maneira que se fixo cos Cines Fraga en Vigo, exixímosvos que esteades á altura da veciñanza desta cidade e, se fose necesario, vos poñades de acordo Deputación, Concello e Xunta para adquirir os locais suficientes da nova edificación para que aí se instalen os equipamentos sociais que tantos anos levamos demandando. 

Agora, só pediros que votedes en conciencia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario