3 de novembro de 2025

 

OCIO VANDÁLICO E DROGAS

AS DÚAS CARAS DUN PROBLEMA SOCIAL


N
os últimos anos estamos asistindo a un modelo de ocio nocturno moi violento que se manifesta en apuñalamentos ou pelexas multitudinarias ás portas de determinados locais de negocio do ocio nocturno.

Temos observado coma estes negocios atraen a persoas alcoholizadas e drogadas cuxa expresión máxima de violencia ten lugar ás portas de estes establecementos xa que son expulsadas do seu interior. Observamos tamén como arredor destes lugares proliferan outros negocios en pisos e locais, coma o tráfico de drogas, que se aproveitan deste público alcoholizado e drogado.

Ás molestias de ruídos exaxerados xerados nestes locais temos que sumarlle os comportamentos incívicos de todo tipo xerados na vía pública. Ata o punto de que os taxistas non acudan a estes lugares a partires das 4 de mañá por consideralos perigosos.

A veciñanza ten informado de incidentes repetidos de estas características en 10 puntos da Zona Nova que están en mans de 7 empresarios deste tipo de negocio.

Un total de 15 establecementos de ocio só na Zona Nova que a partires da hora de peche botan á rúa a centos de persoas, moitas delas bébedas, que deambulan polo barrio en busca dos 2 afters que actúan como recolledores. Cremos que todos somos conscientes que non hai policía suficiente para controlar semellante situación.

Stilo, TNT e La Grandota son os negocios que máis incidentes comunican. Pero tamén Guayaba, Vanitas, Gabbana, O de Sempre, Circus, The Capital e Blaster. Así como tamén pisos onde se trafica con droga a todas horas do día e da noite. O nº 5 da rúa Santiago de Chile é un exemplo de aparente impunidade.

Cremos que non seríamos xustos se víramos só un problema de orde pública e culpabilizáramos unicamente ás persoas alcoholizadas e drogadas.

Cal é a responsabilidade de estes 7 empresarios que obteñen o seu beneficio económico do consumo nos seus negocios ata altas horas da madrugada? En Francia e no País Vasco os empresarios destes locais son responsables do que fagan os seus clientes diante dos seus establecementos.

Sen embargo, os custos dos servizos sanitarios, policiais, de limpeza e os destrozos ocasionados no mobiliario público ten que sufragalos a veciñanza que os padece.

A isto hai que sumarlle a percepción de inseguridade a consecuencia das repetidas agresións, roubos, ruídos descontrolados, pelexas multitudinarias e actos vandálicos.

Exiximos como primeira medida o cumprimento da lexislación vixente en materia de licenzas, horarios, aforos e control dos sonómetros instalados en todos os locais de ocio nocturno da cidade.

En segundo lugar, exiximos a erradicación dos puntos de venta de drogas estendidos pola cidade.

Entendemos que debe actuarse a nivel de toda a cidade para non levar o problema a outros barrios.

Anunciamos que imos xudicializar as denuncias e pedímoslle á veciñanza que nos contacte para formalizar as denuncias correspondentes.

Tamén pedimos que aquelas persoas que padecen algún tipo de patoloxía agravada pola situación de ruídos e molestias ocasionadas por determinados negocios de ocio, acudan ao seu médico e soliciten informes da súa situación.

Con todo, poden contactar coa Asociación Veciñal RAIGAME a través do email: aavvraigame@gmail.com

Ningún comentario:

Publicar un comentario