3 de novembro de 2025

 

OCIO VANDÁLICO E DROGAS

AS DÚAS CARAS DUN PROBLEMA SOCIAL


N
os últimos anos estamos asistindo a un modelo de ocio nocturno moi violento que se manifesta en apuñalamentos ou pelexas multitudinarias ás portas de determinados locais de negocio do ocio nocturno.

Temos observado coma estes negocios atraen a persoas alcoholizadas e drogadas cuxa expresión máxima de violencia ten lugar ás portas de estes establecementos xa que son expulsadas do seu interior. Observamos tamén como arredor destes lugares proliferan outros negocios en pisos e locais, coma o tráfico de drogas, que se aproveitan deste público alcoholizado e drogado.

Ás molestias de ruídos exaxerados xerados nestes locais temos que sumarlle os comportamentos incívicos de todo tipo xerados na vía pública. Ata o punto de que os taxistas non acudan a estes lugares a partires das 4 de mañá por consideralos perigosos.

A veciñanza ten informado de incidentes repetidos de estas características en 10 puntos da Zona Nova que están en mans de 7 empresarios deste tipo de negocio.

Un total de 15 establecementos de ocio só na Zona Nova que a partires da hora de peche botan á rúa a centos de persoas, moitas delas bébedas, que deambulan polo barrio en busca dos 2 afters que actúan como recolledores. Cremos que todos somos conscientes que non hai policía suficiente para controlar semellante situación.

Stilo, TNT e La Grandota son os negocios que máis incidentes comunican. Pero tamén Guayaba, Vanitas, Gabbana, O de Sempre, Circus, The Capital e Blaster. Así como tamén pisos onde se trafica con droga a todas horas do día e da noite. O nº 5 da rúa Santiago de Chile é un exemplo de aparente impunidade.

Cremos que non seríamos xustos se víramos só un problema de orde pública e culpabilizáramos unicamente ás persoas alcoholizadas e drogadas.

Cal é a responsabilidade de estes 7 empresarios que obteñen o seu beneficio económico do consumo nos seus negocios ata altas horas da madrugada? En Francia e no País Vasco os empresarios destes locais son responsables do que fagan os seus clientes diante dos seus establecementos.

Sen embargo, os custos dos servizos sanitarios, policiais, de limpeza e os destrozos ocasionados no mobiliario público ten que sufragalos a veciñanza que os padece.

A isto hai que sumarlle a percepción de inseguridade a consecuencia das repetidas agresións, roubos, ruídos descontrolados, pelexas multitudinarias e actos vandálicos.

Exiximos como primeira medida o cumprimento da lexislación vixente en materia de licenzas, horarios, aforos e control dos sonómetros instalados en todos os locais de ocio nocturno da cidade.

En segundo lugar, exiximos a erradicación dos puntos de venta de drogas estendidos pola cidade.

Entendemos que debe actuarse a nivel de toda a cidade para non levar o problema a outros barrios.

Anunciamos que imos xudicializar as denuncias e pedímoslle á veciñanza que nos contacte para formalizar as denuncias correspondentes.

Tamén pedimos que aquelas persoas que padecen algún tipo de patoloxía agravada pola situación de ruídos e molestias ocasionadas por determinados negocios de ocio, acudan ao seu médico e soliciten informes da súa situación.

Con todo, poden contactar coa Asociación Veciñal RAIGAME a través do email: aavvraigame@gmail.com

29 de outubro de 2025

Intervención no Pleno Municipal do 30 de outubro de 2025

 AV RAIGAME

Levamos 10 anos loitando por unha modificación do PXOM no solar do Peleteiro. Unha modificación xusta para a veciñanza do barrio e para a cidade. 

Aló polo 2015 fomos a Asociación máis activa na formación da chamada Comisión Mixta que, por certo, nunca existiu para o actual goberno municipal nin para a súa alcaldesa. 

Xa daquela exixíamos equipamentos sociocomunitarios xustos e demandábamos se liquidara unha débeda histórica que os sucesivos gobernos municipais tiveron sempre co barrio máis densamente poboado da cidade. Aí están as hemerotecas para demostrar a nosa demanda. 

Un Centro de Día, unha gardería, unha biblioteca, espazos para a conciliación familiar, para as asociacións da cidade e para actividades do comercio local, e sobre todo, recuperar a actividade cultural que tiña a Zona Nova coa desmantelada Aula de Cultura da Carreira do Conde. 

No 2019 sumamos unha nova demanda cando a veciñanza de Rep. Arxentina nos pediu axuda e á cal se sumou a veciñanza da Rosa. Demanda que consideramos xusta porque se algo debe defender unha asociación Veciñal é aos seus veciños. Un total de 6 Comunidades de propietarios que presentaron alegacións á actual modificación do PXOM. 

Pero sempre tivemos a sensación de que en todas as sucesivas propostas de reforma do PXOM, o goberno  municipal sempre estivo de parte da propiedade da parcela e en contra dos intereses da veciñanza e da cidade. E coma se dunha loita de trincheiras se tratara, en cada nova reforma fomos gañando metros por Rep. Arxentina e rebaixando metros pola Rosa. 

Ao longo de todo este tempo aquí estades presentes moitas das persoas que participastes nesta lide. Algunhas expresastes os vosos intereses dende o principio e non os ocultastes. Outras, sen embargo, finxistes apoiar á veciñanza cando estabades na oposición para despois traizoala cando chegastes ao goberno.  

E a traizón é o que máis nos doe. Non pola traizón en si, que tamén, se non porque con ela mostrades unha total e absoluta falta de respecto á veciñanza que  a fin de contas é quen vos pon e quen vos quita destas cadeiras. 

Pero aínda hai algo peor, e é que hoxe somos nós os traizoados. Outro día serán outros veciños se así o ditan os vosos intereses. Despois disto, será difícil que poidamos confiar en vós. 

Pero se temos que mirar cara  adiante, da mesma maneira que se fixo cos Cines Fraga en Vigo, exixímosvos que esteades á altura da veciñanza desta cidade e, se fose necesario, vos poñades de acordo Deputación, Concello e Xunta para adquirir os locais suficientes da nova edificación para que aí se instalen os equipamentos sociais que tantos anos levamos demandando. 

Agora, só pediros que votedes en conciencia.

26 de outubro de 2025

 

COMUNICADO DA PLATAFORMA DAS COMUNIDADES AFECTADAS POLO PLAN PELETEIRO

Foto da manifestación veciñal e corte de tráfico en maio de 2022. Nela podemos ver á esquerda ao actual edil responsable da recollida do lixo, vías e obras Xesús Domínguez. Á dereita as edís Jorge Duarte e Marta Lois. A actual alcadesa Goretti Sanmartín tamén estivo presente.



Considerando as manifestacións realizadas pola alcaldesa Goretti Sanmartín e a ministra de vivienda Isabel Rodríguez o pasado mes de xuño anunciando o traspaso da parcela Peleteiro á nova Empresa Pública de Vivenda, entendemos que o interés lucrativo e especulativo da empresa propietaria da SAREB xa non se dá.

Sendo isto certo, entendemos que deberían ser prioritarias a vivenda pública e a dotación sociocomunitaria, así coma un maior espazo público e zonas verdes coma refuxio climático. Tamén un menor volume da edificación para non cometer os mesmos erros monstruosos da construción do Ensanche compostelá dos anos 70.

Cremos moi importante considerar a nula dotación sociocomunitaria que padecemos dende hai décadas nunha das zonas máis densamente poboadas da cidade. Agora temos a posibilidade de resarcir una débeda histórica que o Concello ten co noso barrio.

As mesmas dotacións públicas definidas no 2005 que xa as considerábamos irrisorias hai 20 anos; 900 m2 para equipamento sociocomunitario e 1.395 m2 para espazo libre son as dimensións que hoxe se contemplan no Plan.

Dende a Plataforma de Afectados consideramos imprescindible o seguinte equipamento sociocomunitario:

· Un Centro de Día dimensionado ás necesidades do noso barrio. Unha Zona Nova caracterizada por una medía de idade alta que precisa de equipamentos xustos.

·   Unha gardería e espazos para a conciliación familiar cos que manter a poboación máis nova e atraer a máis veciñanza.

·       Unha biblioteca pública

·   Salas de reunións versátiles para o tecido asociativo e comercial da cidade así como espazos de exposición para actividades de dinamización do comercio local.

·    É de lei a restitución das actividades culturais que hai anos se desenvolvían na Aula de Cultura da Carreira do Conde e que se desmantelaron. Exiximos que se recupere esa actividade cultural na Zona Nova para frear a degradación do barrio. Estamos convencidos que sería un gran motor de dinamización social e tamén para o comercio local e a hostalería máis respectuosa cunha zona residencial.

·       Unha praza pública suficientemente ampla que actúe coma refuxio climático e zona verde nun barrio carente de zonas verdes.


Solución arquitectónica proposta e máis xusta para todas as partes afectadas


Tamén consideramos una falta de respecto por parte da alcaldesa e do concelleiro de urbanismo a nula información a esta Plataforma que presentou alegacións por parte de 6 Comunidades de Propietarios e 1 familia particular. Temos que lembrar que tamén actuaron do mesmo xeito na anterior ocasión. Feitos que esta Plataforma considera unha traizón xa que cando estaba na oposición expresou publicamente que nunca aprobaría un Plan que non fora antes consensuado coa veciñanza directamente afectada.

Que as modificacións anunciadas  o pasado venres 24 de outubro son puramente de maquillaxe xa que non supoñen ningunha modificación substancial.

Que considerando o anunciado traspaso da parcela Peleteiro á Empresa Pública de Vivenda, non hai nada que impida que todos os baixos da futura edificación sexan destinados a equipamento sociocomunitario. Que a futura praza pública sexa verde e de maiores dimensión, que haxa a máxima vivenda protexida posible e que o volume da edificación respecte ás Comunidades da Rosa e Rep. Arxentina.

Con todo, queremos chamar a atención de toda a Corporación Municipal, que se expresará democráticamente este vindeiro xoves 30 de outubro, que teñen nas súas mans a posibilidade de facer algo xusto e necesario polo futuro do Ensanche e da cidade.

20 de outubro de 2025

 

VIOLENCIA, DROGAS E ALCOHOL NA ZONA NOVA COMPOSTELÁ

Un problema social en aumento

 

Coma resumo do tratado e acordado na reunión veciñal do pasado luns día 13 de outubro, temos que dicir que constatamos coma se está contaxiando por toda a cidade un modelo de negocio de ocio nocturno onde uns poucos empresarios sen escrúpulos fan da rúa unha extensión gratuíta dos seus locais a onde botar aos violentos e onde o trapicheo de drogas faise sen que ninguén llelo impida. E isto faise ás portas destes locais e ata ben entrada a mañá e a plena luz do día.

Temos comprobado que menos do 2% do sector da hostalería causa o 98% das queixas veciñais. Un sector que na súa maioría cumpre a legalidade e cuxa reputación é manchada por unha minoría de empresarios neglixentes do negocio do ocio que actúan ao marxe da legalidade atentando contra os dereitos fundamentais da veciñanza, cousa penalmente punible.

Observamos como a partires das 4 da mañá, debido á mestura de alcohol e drogas, o nivel de violencia é extremo e os donos destes locais do negocio do ocio nocturno botan aos violentos á rúa onde teñen lugar as pelexas, os acoitelamentos e incluso a violencia contra as mulleres.

Só hai que ver a prensa dos dous últimos anos para darse conta que isto vai en aumento.

Este modelo de negocio conflitivo fixo que arredor destes locais crecera unha serie de negocios turbios que se aproveitan deste público alcolizado e drogado. Estamos a falar do tráfico de drogas.

Despois veñen os roubos a comercios por parte dos drogodependentes que necesitan diñeiro para consumir chegando a agredir incluso a veciños e comerciantes que na maioría dos casos non presentan denuncia por medo a represalias.

Por exemplo, no n°5 da rúa Santiago de Chile, hai un piso de traficantes e os veciños viven aterrados porque reciben ameazas para silencialos. Un tráfico de drogas que aumentou moito na Zona Nova nos últimos meses despois de que a presión social do Barrio de Santa Marta obrigara á intervención policial sobre dous pisos de traficantes e a distribución de drogas se trasladara ao noso.

O custo social e económico é moi grande. Custo social porque a percepción de inseguridade na que vive a veciñanza é cada vez maior e o medo vaise impoñendo.

O custo económico é enorme para a nosa cidade con propiedades que poden perder o seu valor ante o declive comercial e residencial desta zona da cidade.

  

RECOMENDACIÓNS E EXIXENCIAS:

 

  • Á veciñanza pedímoslle que visibilice as pelexas, apuñalamentos e o trapicheo de drogas. Que grave vídeos e os comparta con nós e cos seus amigos e achegados. Porque un problema que non se visibiliza non existe.

  • Aquelas persoas que sufren os ruídos de locais do negocio do ocio nocturno ou de pisos ruidosos, recomendámoslles que presenten denuncia por escrito ante o departamento de Disciplina Urbanística do Concello: https://sede.santiagodecompostela.gal/sta/CarpetaPublic/doEvent?APP_CODE=STA&PAGE_CODE=CATALOGO&DETALLE=6269000926179400599500&lang=ES

  • Aquelas persoas que teñen informes médicos que avalen a súa situación por non poder durmir, ou pola ansiedade que lles provoca vivir en condicións de angustia e inseguridade continúa, que actúen penalmente contra os causantes, sexan pisos ou locais de negocio do ocio nocturno. Trátase dunha vulneración dun dereito fundental e como tal é penalmente punible. Este custo pode estar cuberto polo seguro de vivenda que se teña contratado. Aquel dereito que non se defende nos tribunais non existe.

 

  • Aquelas Comunidades de Propietarios que sufren problemas de convivencia, recomendarlles que actúen legalmente contra aqueles pisos e locais de negocio de ocio que alteren a convivencia. É un dereito contemplado na Ley de División Horizontal. Este custo procesal pode estar cuberto polo seguro de responsabilidade civil que toda Comunidade ten contratado.

 

  • Ao Concello de Santiago e á súa alcaldesa exixímoslle que faga cumprir inmediatamente as Ordenanzas Municipais en materia de horarios, licenzas e sonómetros dos locais de negocio do ocio nocturno na nosa cidade e clausure os afters que están exercendo con licenza de bar en Santiago de Chile e Fernando III O Santo.

        Que adiante en 2 horas o peche de pubs e discotecas da nosa cidade, cousa que acaba         de facer recentemente os Concellos de Lugo e Coruña para protexer o descanso da                veciñanza.

 

  • Ao Goberno da Xunta de Galicia e á Consellería competente que adapte a normativa de horarios dos negocios do ocio nocturno á da Unión Europea e se inspire  na normativa actualmente en vigor no País Vasco.

 

  • Á Policía Local que actúe con dilixencia e non responda con desprezo cando reciba as chamadas da veciñanza molesta polo ruídos xenerados en pisos e locais de negocio de ocio. Ou cando se altere a orde na rúa con pelexas e consumo de drogas e alcohol na vía pública. 

 

  • Á Policía Nacional e ao Delegación do Goberno que actúe contundente e coordinadamente contra o narcotráfico crecente que impera con aparente impunidade para evitar que as actuacións puntuais trasladen o problema a outras zonas da cidade.

7 de outubro de 2025

REUNIÓN VECIÑAL PARA  TOMAR MEDIDAS CONTRA AS RECENTES BATALLAS CAMPAIS NA ZONA NOVA

LUNS 13 DE OUTUBRO ÁS 20.30 HORAS NO CSC O ENSANCHE


Recentemente teñen acontecido varias batallas campais na Zona Nova a altas horas da madrugada que nos teñén alarmado.

O pasado xoves día 2 de outubro aconteceu unha pelexa multitudinaria no entorno da Praza Roxa e República do Salvador con moitas persoas implicadas que fixo necesaria a interveción de varias patrullas policiais e ambulancias arredor das 6:00 da mañá.

Poucos días despois, o sábado día 4 arredor das 5:00 da mañá, tivo lugar unha segunda pelexa multitudinaria no entorno da rúa Nova de Abaixo ás portas dun coñecido local de ocio nocturno na que se viron implicadas máis de 20 persoas e que obrigou á intervención de varias patrullas e ambulancias con numerosos feridos según relatan os veciños. 

Unha hora depois, arredor das 6:30 da mañá, tivo lugar unha segunda pelexa multitudinaria no entorno doutro local de ocio nocturno cuxo propietario tamén o é do anterior local. Nesta liorta agrediron a unha muller a cal non presentou denuncias. Según relatan os veciños que estaban presentes, as persoas implicadas ameazáronse con botellas cortadas en plena rúa e a cal non acudíu ningunha patrulla policial.

Presenciamos un día si e outro tamén pelexas en plena rúa arredor de determinados locais de ocio nocturno que nos teñen enormemente preocupados e no que as persoas implicadas ameázanse con navallas. Temos que lembrar que hai 2 anos morreu un persoa ás portas dun destes locais e pouco tempo despois feriron a outra persoa ás portas doutro local en Santiago del estero. Moito nos tememos que calquera día teñamos que lamentar outra desgracia.

Temos que alertar tamén da presencia de trapicheo de droga e de determinados pisos e locais de distribución neste entorno que contribúe a aumentar a violencia que se expresa nestas batallas campais nas que incluso se chega a agredir aos propios axentes e a veciños.

Dende AV Raigame consideramos necesario visibilizar estos problemas para que as autoridades competentes poñan solución.

Dende as Comunidade de Propietarios, actuar contra aqueles pisos e locais que alteren a convivencia.

Dende o Concello, non autorizar máis licenzas de discotecas e afters en zonas residenciais e adiantar o horario de peche ás 4:00 da mañá.

Dende o Consello de Relacións Veciañais canalizar as nosas demandas xunto con outras asociacións veciñais cos mesmos problemas como acontece na Zona Histórica ou en San Lourenzo.



25 de xuño de 2025

Alegacións presentadas ao Proxecto Peleteiro imposto polo Concello de Santiago de Compostela




A veciñanza compostelá e 7 Comunidades presentaron as seguintes alegacións ao Proxecto Peleteiro imposto polo goberno municipal. 

Un proxecto que non vai arranxar apenas ningún problema de vivenda se non que vai crear máis problemas aos que xa de por si padece o Ensanche compostelá. 

Alegacións documento 1

Alegacións documento 2


21 de marzo de 2025

 ASAMBLEA XERAL ORDINARIA 2025

LUNS 24 DE MARZO ÁS 20:00 NO CSC O ENSANCHE


Convócase Asamblea Xeral Ordinaria para o vindeiro 24 de marzo ás 20 horas en primeira

convocatoria e ás 20:30 horas en segunda convocatoria, no salón de actos do Centro Sociocultural O

Ensanche na rúa Frei Rosendo Salvado, 16.


Coa seguinte orde do día:


1.) Aprobar a acta da reunión anterior.


2.) Examinar e aprobar a memoria de actividades do ano 2024


3.) Examinar e aprobar as contas e balances do ano 2024


4.) Aprobar o plan de actividades para o ano 2025


5.) Aprobar os orzamentos de ingresos e gastos para o ano 2025


6.) Memoria de situación dos problemas da Zona Nova


7.) Aprobar a inclusión da AV RAIGAME na Federación Galega contra o ruído FEGACÚSTICA


8.) Rogos e preguntas

13 de febreiro de 2025

Día de Rosalía...conxense!!!

Un 23 de febreiro...

É sabido que naceu na que hoxe é a Praza de Vigo da nosa Zona Nova compostelá.


O que si non é tan coñecido é que Rosalía naceu conxense xa que daquela a Praza de Vigo eran predios do extinto Concello de Conxo do que este ano celebramos o centenario da súa anexión ao Concello de Santiago de Compostela.

Por todo elo, dende a Asociación Veciñal Raigame queremos convidaros aos actos de celebración do seu aniversario:

Comezarán o venres día 21 ás 10 da maña na Praza de Vigo coa participación do alumnado dos colexios San Xosé de Cluny e Quiroga Palacios que recitarán e cantarán algús dos poemas de Rosalía de Castro.

O domingo 23 terá lugar o acto oficial e ofrenda floral organizado pola Fundación Rosalía en colaboración con AV Raigame. Vinde a cantar a Alborada a Rosalía!!

Durante a semana do 17 ao 23 de febreiro, o comercio da Zona Nova e Conxo asociado ás asociacións EmRede e Comercio.Compostela agasallarán á súa clientela cun marcapáxinas conmemorativo.

Convidamos a toda a veciñanza a acompañarnos nestes actos así coma a celebralo tamén nas súas casas gozando dun Caldo de Gloria seguindo a receita da protagonista dun dos seus poemas.

Feliz Día de Rosalía!!!





14 de xaneiro de 2025

Cóidame, Polinízame e Cómeme!!!



Cóidame, Polinízame e Cómeme é un proxecto interdisciplinar da Asociación Veciñal RAIGAME en colaboración cos Centros Educativos relacionados coa Zona Nova compostelá. Nestos momentos están interesados en participar 11 grupos de 25 alumnos de educación primaria.

Con el pretendemos concienciar á cidadanía en valores cívicos como son o respeito a todos aqueles elementos que conforman a nosa cidade e o noso barrio traballando cara a unha maior cohesión social arredor dun proxecto común no que o alumnado participe e se sinta protagonista. 

Así, coa participación activa dos escolares no coidado e conservación de determinados elementos vivos (plantas, insectos e paxaros) en determinados lugares do noso barrio, esperamos que sintan a cidade coma algo seu que merece ser coidado e respetado. 

O proxecto ¨Cóidame, Polinízame e Cómeme¨ consiste en plantar en determinados lugares unha serie de plantas comestibles polinizadas por insectos e cuxos froitos son apreciados polos paxaros do noso entorno urbano.

Dende a Asociación Veciñal RAIGAME convidamos ao comercio local da nosa cidade a colaborar patrocinando cada un dos 11 maceteiros aos que están previstas 3 visitas que serán divulgadas nas nosas redes sociais e nos medios de comunicación para que toda a cidadanía tome conciencia da importancia de coidar o común. 

Se queres máis información, por favor, contacta con nós no email: aavvraigame@gmail.com