27 de xaneiro de 2026

Conclusións da reunión co Concelleiro de Urbanismo

Reunión sobre a Humanización das rúas Santiago de Chile e Praza de Vigo celebrada onte martes 27 de xaneiro no CSC O Ensanche.


Estiveron presentes os concelleiros Iago Lestegás de urbanismo e Xesús Domínguez de obras e recollida de lixo.

O concelleiro de urbanismo fixo unha exposición gráfica do concepto de rúa que se pretende, con maior espazo para as persoas que van a pé e menor espazo para as persoas que van en coche.

As conclusións da reunión de onte son as seguintes:

Según expresou a concelleiro de urbanismo, os obxectivos da intervención urbanísca na rúa Santiago de Chile van ser:

1) Ampliar as beirarrúas e facelas máis espaciosas para a persoas aliminando as prazas de aparcamento existentes hoxe en día en Zona Ora.
2) Reducir en gran medida o volume de tráfico desta rúa. Sobre todo o tráfico de paso.
3) Os colectores de lixo estarán en colocados en superficie por considerar que teñen máis capacidade e menor custo de mantemento.

Pero non aclarou cal vai ser a alternativa á eliminación das 170 prazas de aparcamento que se prevén eliminar nas rúas Santiago de Chile, Rep. Arxentina e San Pedro de Mezonzo.

Tampouco aclarou cal vai ser a alternativa ao tráfico de vehículos de paso que circulan pola rúa Santiago de Chile, que a falta dun estudo técnico, sospeitamos que na súa maior parte son persoas que se dirixen a outros comercios e servizos da Zona Nova.

Si se prestou a estudar alternativas ás paradas exprés de 10 min para dar servizo aos comercios desta rúa.

O concelleiro de obras e recollida de lixo expresou os motivos técnicos do porqué da futura instalación de colectores de lixo en superficie pero evitou explicar as medidas a adoptar por parte do servizo de recollida de lixo para minimizar o impacto dos desbordes que se observan a diario nos puntos de recollida en superficie hoxe existentes.


En relación á intervención urbanística na Praza de Vigo, o concelleiro de urbanismo prestouse a estudar alternativas ao sentido de circulación proposto do tráfico rodado pero non fixo mención algunha á proposta da Asociación Veciñal Raigame e da Fundación Rosalía para estudar a convocatoria dun concurso internacional de ideas para unha intervención artística/urbanística no lugar de nacemento de Rosalía de Castro que servira coma punto de atracción turística que axude a dinamizar a vida veciñal e comercial de Zona Nova.

Manifestou tamén que en breve estará accesible toda a información técnica sobre a proposta de humanización para que toda persoa que o desexe poda facer as súas achegas a través dun formulario.


Botamos en falta unha visión máis ampla da mobilidade na cidade e unha comprensión máis profunda dos fluxos das persoas que se desplazan en coche para que as intervencións urbanísticas que se acometan non xeneren problemas noutros puntos da cidade e así evitar seguir traballando tapando rotos con descosidos.

Con todo, queremos agradecer aos concelleiros de urbanismo e obras a súa participación neste encontro veciñal que seguro foi de proveito.

 estandarizado.

19 de xaneiro de 2026

INFÓRMATE!!

Martes 27 de xaneiro ás 20:30 horas no CSC O Ensanche


Ante o anuncio de reurbanización das rúas Santiago de Chile e Praza de Vigo é necesario que nos informemos e plantexemos as dúbidas, problemas e posibles solucións.

Convidamos ao comercio e veciñanza das rúas Santiago de Chile e Praza de Vigo a unha reunión o 

17 de xaneiro de 2026

Humanizar a Zona Nova compostelá

 Ante a nova anunciada esta semana polo concelleiro de urbanismo sobre a proposta de humanización das rúas Santiago de Chile e Praza de Vigo, dende AV Raigame temos que dicir o seguinte:

A humanización da Zona Nova é unha asignatura pendente dos distintos gobernos municipais. É necesario actuar en varias rúas que foron quedando atrás nas diferentes reformas que se foron facendo. As rúas Santiago de Chile, rúa Nova de Abaixo, Rep. Arxentina, Avd Rosalía de Castro, Doutor Teixeiro, Hórreo, etc...son rúas que foron esquecidas nas distintas reformas puntuais. Reformas que hoxe xa están obsotelas e tamén precisan de intervencións para eliminar as barreiras arquitectónicas.

Lembramos aquel famoso "Brañas Bulevar" cando no 2010 nos dixeron que sería o exemplo da moderna humanización da cidade. Van aló máis de 15 anos!!. Fixéronse varias probas pero, ao noso parecer, quizáis o modelo que mellor resultado deu ata o momento é o de "apaciguamento do tráfico" coma se fixo nas rúas Montero Ríos e Xeneral Pardiñas. Unha pseudo peatonalización sen barreiras arquitectónicas pero que permita a carga e descarga e a parada exprés á clientela.

Pero hai cousas urxentes que facer coma atallar os problemas que ameazan con devaluar, empobrecer e degradar a Zona Nova.

Tamén é urxente a municipalización dos aparcamentos soterrados da Praza de Vigo e a Praza de Galicia con prezos populares.

Pero a rúa Santiago de Chile ten un gran dinamismo comercial que seguramente sexa debido á posibilidade de aparcamento nun dos dous carriles que esa rúa ten. É frecuente ver coma o carril da dereita sempre ten coches parados en dobre fila. Isto é algo que se debería ter moi en conta se non queremos rematar con este dinamismo. Varias zonas de parada de 10 min seguindo o modelo do segundo tramo da Avd. de Vilagarcía cremos que podería ser unha boa solución para a clientela destes comercios. Tamén é preciso darlle unha alternativa ao aparcamento de superficie, por iso é necesario municipalizar primeiro o aparcamento da Praza de Vigo

Tamén é certo que é unha rúa que soporta unha gran densidade de tráfico de paso a outros puntos da cidade. Problema iste que se podería arranxar cunha boa planificación deste "tráfico de paso". 

Os atrancos frecuentes no cruce Santiago de Chile/Rep. Arxentina debido aos problemas que se atopan os autobuses interurbanos de gran tamaño tamén sería doado de arranxar se se trasladara a parada "provisional" da rúa da Rosa que vai camiño de ser permanente. Así solucionaríamos tamén os problemas que esta situación causa á veciñanza da rúa da Rosa.

Urxe tamén solucionar á acumulación desmesurada de lixo que desborda os contedores ubicados nos tres tramos da rúa Santiago de Chile e que debe ser solucionado antes de calquera outra cousa.

 Praza de Vigo: Ulo Rosalía?

En relación á reurbanización da Praza de Vigo, sorprende enormemente que o concelleiro de urbanismo esqueza o lugar de nacemento de Rosalía de Castro. Máis aínda nos sorprende que esqueza a entrevista que mantivemos en febreiro de 2024 coa alcaldesa e o concelleiro na que lle presentamos o proxecto dun concurso internacional de ideas para realizar unha interveción artística e urbanística na Praza de Vigo entorno á figura de Rosalía de Castro xa que este foi o seu lugar de nacemento o cal celebramos cada 23 de febreiro co apoio da Fundación Rosalía.

Esta é unha vella reivindicación de AV Raigame que busca tamén crear un punto de visita obrigada que axude a dinamizar comercialmente a Zona Nova e desconxestione a Zona Vella.

Outra demanda dende hai 8 anos é o arranxo do pavimento da beirarrúa da Avd de Vilagarcía e a eliminación do verdín do cal recibimos moitas queixas veciñais polos resbalóns que provoca. Esperemos que non se espere á realización das obras da Praza de Vigo para solucionar este problema que arrastramos dende aquela.

Os anuncios de humanización están ben pero hai cousas máis urxentes que facer. Esperemos que se fagan agora que as miradas da Alcaldía están postas na Zona Nova.




2 de xaneiro de 2026

Pechan as tendas e abren negocios de apostas: casualidade ou síntoma?

 




Hai uns meses o presidente da UPTA Unión de Profesionais, Traballadoras e Traballadores Autónomos alertaba moi seriamente das consecuencias do peche de máis de 100 comercios nos últimos 17 meses en Santiago de Compostela. Este decembro de 2025 dixeron adeus dúas tendas máis nas rúas Xeneral Pardiñas e República do Salvador, o que parece ser unha tendencia moi preocupante con consecuencias dramáticas non só para os profesionais, que deben buscar outro sustento económico, senón para toda a cidade.


Pero os males nunca veñen sós, e coma se dunha casualidade macabra se tratara, ao ritmo que pechan as tendas do comercio local van abrindo negocios de apostas e xogos online ocultándose incluso detrás de licenzas de cafetarías.


Onde se instalan os locais de xogo? Programa O Termómetro da TVG


Pero non é casualidade que nos últimos meses aumentaran este tipo de negocios, precisamente na parte da Zona Nova onde os baixos son máis baratos; segunda liña, que din as axencias inmobiliarias.


Así é que hoxe temos 8 negocios de apostas no Ensanche compostelán e 7 negocios de compra de ouro. Todo un síntoma do nivel de renda deste barrio e de toda a cidade. Síntoma que percibimos tanto a veciñanza coma o comercio local.


Ante esta situación, por parte da Alcaldía do Concello de Santiago só percibimos anuncios de apoio baleiros sen medidas reais concretas mentras o barrio e a cidade se desangran lentamente. Coma se as nosas autoridades non viran outra cura que a morfina para tratar unha hemorraxia.