30 de outubro de 2014

Participación cidadá no medioambiente compostelán

O Centro de Interpretación Ambiental do Concello de Compostela (CIAC), sito no Parque de Belvís, está a enviar unha breve enquisa ás Asociacións de Veciñas e Veciños de Santiago de Compostela para realizar unha sondaxe sobre as inquedanzas da veciñanza encol do Medio Ambiente na cidade. O fin principal da mesma é obter unha serie de información útil co propósito de adaptar as actividades e contidos futuros do CIAC ás necesidades reais da cidadanía, amais de fomentar a implicación da mesma no centro. Dende a Asociación de Veciñas e Veciños Raigame queremos unírmonos a esta iniciativa e trasladar ós veciños a necesidade e a importancia de participaren nesta sondaxe. Podedes acceder á enquisa premendo na seguinte ligazón:


Dende o CIAC agradécese a difusión da citada enquisa, xa que segundo consideran, canta máis xente a cubra máis representativa será.



Máis información: 
Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC)
Rúa Camiño da Ameixaga s/n (Mapa: http://goo.gl/SjJLt1)
Teléfono: 981 543 145
Sitio web do CIAC: http://goo.gl/VM2q47 
Facebook do CIAC: https://www.facebook.com/CIACBelvis 

29 de outubro de 2014

Xornadas formativas en eficiencia enerxética

A Fundación Santiago Centro está a promover unhas xornadas formativas en eficiencia enerxética, para tratar de apoiar o comercio e a pequena empresa, e que van dirixidas a todo tipo de empresarios, consumidores e veciños. A preocupación polo custo da enerxía e os prexuízos ambientais das emisións de efecto invernadoiro, serán algúns dos temas a tratar. As charlas son de balde e celebraranse os vindeiros días 6, 13 e 20 de novembro en horario de 21:00h a 22:30h no Restaurante Paz Nogueira de Santiago de Compostela. Expóñense a continuación os temas principais a tratar:

1ª Xornada (6 de novembro): ¿Como entende-la factura eléctrica?

2ª Xornada (13 de novembro): ¿Como escoller unha iluminación adecuada? 

3ª Xornada (20 de novembro): ¿Que debería saber sobre climatiación?

Para asistir ás xornadas será preciso inscribirse previamente, ben sexa chamando ó 981 59 01 06, ou ben a través dos seguintes enderezos electrónicos:

info@fsantiagocentro.es  
www.fsantiagocentro.es 








11 de outubro de 2014

Comercio e veciños do Ensanche piden unha entrevista co Alcalde



O pasado día 8 de outubro de 2014, Santiago Centro Área Comercial e a Asociación de Veciños Raigame, en representación dos comerciantes e veciños do Ensanche, presentaron no Rexistro Xeral do Concello de Santiago un escrito conxunto solicitando unha entrevista co actual rexedor compostelán, Agustín hernández, co obxectivo de trasladarlle a nosa sorpresa e preocupación sobre dos acordos adoptados polo goberno local relativos á "peonalización" da Rúa Carreira do Conde e a urbanización da Rúa Montero Ríos. 


Novas relacionadas:



2 de setembro de 2014

Raigame reúnese co novo rexedor compostelán

O pasado 14 de xullo do presente ano 2014, a Asociación de Veciños Raigame presentou no Rexistro un escrito dándollela benvida ó novo Alcalde de Santiago, e, ó tempo, solicitando unha entrevista.

Agustín Hernández, acompañado do concelleiro de Relacións Veciñais e Medio Rural, José Rosende, recibiu, onte dia 1 de setembro, a membros da directiva da nosa Asociación, encabezados polo presidente Xaquín Mato.

Na reunión, cordial e atenta, deixóuselle ó novo rexedor copia dos últimos escritos dirixidos ó goberno municipal (problemas no subsolo da Avenida Rosalía Castro, contedores e recollida de lixo...) así como algunhas ideas e propostas sobre comercio, mobilidade, medio ambiente, sinalizacións, dinamización do barrio, etcétera. 

Dende Raigame valoramos positivamente a predisposición municipal para escoitar as nosas demandas, que seguiremos presentando e denunciando publicamente no caso de non ter solucións nun tempo razoable.

17 de xuño de 2014

O CSC O Ensanche prepara o San Xoán

Imaxe: CSCXM O Ensanche

Hoxe día 17 de xuño de 2014, co gallo da celebración do San Xoán, o Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal O Ensanche vén de acoller unha interesante charla sobre “Todo o que tes que saber do San Xoán”, a noite máis máxica do ano. Esta charla foi impartida por José Manuel Vázquez Varela, antropólogo e catedrático da USC, e nela analizáronse os porqués desta festa. Ademais desta charla, o CSCXM O Ensanche está a organizar uns roteiros para recoller, o vindeiro luns día 23, as plantas de San Xoán. Estes roteiros celebraranse ás 10.30h da mañá e ás 18.00h do serán. Para a quenda das 10:30h, a inscrición realizarase no CSC Ensanche. Para a quenda das 18:00h, a inscrición realizarase no CSC de Conxo.

Por se fose pouco, o vindeiro venres 20 de xuño ás 18:00h, no “venres en familia”, o CSCXM O Ensanche propón un SAFARI FOTOGRÁFICO pola Ruta do Sarela, co fin de que os máis pequenos da casa, acompañados de adultos, coñezan e identifiquen as diferentes plantas que vaian atopando por este fermoso parque compostelán. As inscricións poderanse realizar ata o vindeiro xoves 19 no CSC O Ensanche, na Rúa Frei Rosendo Salvado 14-16.


Máis información:

http://www.santiagosociocultural.org/

http://www.facebook.com/oensanche

http://oensanche.wordpress.com/

19 de maio de 2014

II Campus de Cociña Infantil CompH!ostelería


Hoxe, día 19 de maio de 2014, ábrese o prazo de inscrición para o II Campus de Cociña Infantil CompH!ostelería, que logo do éxito acadado na súa primeira edición, a Asociación Hostelería Compostela volverá a organizar por segundo ano consecutivo. Os obxectivos deste obradoiro, que se celebrará entre o 23 de xuño e o 18 de xullo de 2014 en horario de 09:00h a 14:30h, serán os de achegar ós máis cativos a cultura gastronómica e “crear unha conciencia de alimentación sa e saudable afondando en todos aqueles elementos que teñen que ver coa alimentación”. Este II Campus de Cociña Infantil vai destinado a nenas e nenos de entre 6 e 12 anos de idade. O número de prazas é limitado, e o criterio de admisión será por rigorosa orde de inscrición. Para inscribirse será preciso presentar debidamente cuberto o Formulario de Inscrición nas oficinas do Centro de Formación e Cultura Gastronómica (Rúa das Salvadas, 29 baixo)

Máis información en:
Centro de Formación e Cultura Gastronómica
Rúa das Salvadas, 29 baixo. Vista Alegre
Tlf: 981 583366 – Fax: 981 582041
formacion@santiagohosteleria.org
www.santiagohosteleria.com


"Tras a pista das Gárgolas" da A.VV. As Marías




Este pasado domingo 18 de maio de 2014, a Asociación Veciñal As Marías vén de organizar unha interesante actividade familiar, lúdica e didáctica, baixo o nome de “Tras a pista das Gárgolas”. Este “xogo de pistas” deu comezo ás seis do serán na Praza de San Martiño Pinario. Participaron @s máis  grandes e pequen@s da casa, que gozaron de percorrer a cidade ollando as abondosas gárgolas compostelás “na procura dun tesouro”.