26 de novembro de 2014

Comeza a Feira de Outono da Rúa Ramón Cabanillas



Hoxe, mércores día 26 de novembro de 2014, comeza a Feira do Outono na Rúa Ramón Cabanillas de Santiago de Compostela. A feira, promovida polos comercios da devandita rúa compostelá, contará con numerosas actividades a pé de rúa, tal que obradoiros para cativos, desfiles de moda, orquestra, pasarrúas, e todo tipo de descontos especiais e agasallos nos diferentes comercios da zona. Achegamos de seguido as diferentes actividades que tamén se celebrarán no CSC O Ensanche (Rua Frei Rosendo Salvado 14-16): 

Mércores 26 de novembro ás 20.00h: Charla eco-saudable. Interpretacións erróneas da medicina polo Doutor Carlos Torres Fortich. Organiza APEGA e A cesta da saúde.

Xoves 27 novembro ás 20.00h: Charla eco-saudable. As oportunidades do outono pola psicóloga Carmen Morell. Organiza APEGA e A cesta da saúde.

Venres 28 novembro ás 18.30h: Curso-degustación de cociña con alimentos de outono pola cociñeira Gloria Domeneq. Inscricións no 607947795 Organiza APEGA e A cesta da saúde.

Sábado 29 de novembro dende ás 11.00h: Microcharlas eco-saudables. Organiza APEGA e A cesta da saúde.

25 de novembro de 2014

Veciños e responsables municipais analizan os problemas da cidade


Foto: Sandra Alonso, La Voz de Galicia

O noso presidente Xaquín Mato vén de participar xunto con outros representantes veciñais, políticos e técnicos locais, nun foro promovido por La Voz de Santiago e Radio Voz, e celebrado no CSC Aurelio Aguirre de Conxo, co obxectivo de analizar e debater encol dos diferentes problemas, as carencias e as principais necesidades que afectan a boa parte da cidadanía compostelá. Tamén foron achegadas numerosas suxestións, tanto dende a Asociación Veciñal Reigame, por medio do noso presidente, Xaquín Mato, como tamén das compañeiras e compañeiros de San Pedro (A.Vv. A Xuntanza); Sar (A.Vv. Sar); Pelamios-Vista Alegre (A.Vv. As Brañas de Andrés) ou Cesar (A.Vv. Cesar). 



Froito dese foro celebrado no Centro Sociocultural Aurelio Aguirre de Conxo, este pasado domingo día 23, a edición impresa do xornal La Voz de Galicia abriría a súa portada local cunha fotografía dos participantes no foro e cun contundente titular: “Los vecinos quieren un Santiago más humanizado y equilibrio inversor”. Nas páxinas interiores, concretamente na L2 e na L3, o xornal facíase eco dalgunhas das declaracións dos participantes. O edil de Seguridade cidadá, Alejandro Sánchez-Brunete, recoñecía que dende o comezo da crise minguaron os medios da Policía Local, mentres que Teresa Barral, Vicepresidenta da A.Vv. As Brañas de Andrés, e o noso presidente, Xaquín Mato, denunciaron a necesidade que viven as familias e os barrios. No que respecta á mobilidade, os representantes veciñais incidiron na necesidade non so de plans concretos entorno a obras recentes como a de San Pedro, Conxo ou a Carreira do Conde, senón dun plan de mobilidade para todo o conxunto da cidade. O Concello comprométese, pola súa banda, a reducir progresivamente os viais para o tráfico e a eliminar aparcadoiros en superficie, medidas apoiadas polos representantes veciñais e responsables municipais. Humanizar a cidade e o equilibrio inversor son as principais conclusións extraídas deste foro.


Máis información:

20 de novembro de 2014

Xuntanza co Alcalde de Santiago, Agustín Hernández


Froito da petición conxunta formulada por Santiago Centro Área Comercial e a Asociación Veciñal Raigame, -en representación de comerciantes e veciños do Ensanche compostelán-, o dia 8 de outubro do 2014 no Rexistro Xeral do Concello de Santiago, fomos convocados o pasado dia 12 de novembro polo actual alcalde, Agustín Hernández, para tratar a suposta "peonalización" da Rúa Carreira do Conde e a urbanización da Rúa Montero Ríos.

O Sr. Hérnandez explicounos que a reforma da Carreira do Conde é un tema pechado. Está subvencionado pola Xunta de Galicia e sae a licitación segundo os planos que se achegan na seguinte ligazón: 


Como o rexedor compostelán non tiña moi claros os detalles máis miúdos (plan de tráfico alternativo, situación da gasolineira, prazas de aparcamento eliminadas, etc....) acordamos outra xuntanza cos Concelleiros de Urbanismo e de Tráfico para falar de todo o que esa obra supón, con fin de poder informar ós veciños e comerciantes da zona. 
   


8 de novembro de 2014

Xornada de Portas Abertas no Museo da Fundación Sotelo Blanco



O vindeiro sábado día 22 de novembro, o Museo de Antropoloxía e Etnografía da Fundación Sotelo Blanco, sito en San Marcos Nº 77, abrirá as súas portas a todas aquelas persoas e grupos organizados que desexen coñecer o xeito de vivir dos nosos antergos e descubrir o auténtico tesouro que custodia esta fundación. A xornada, que será de balde, guiada e contará con obradoiros e diversas actividades complementarias, terá como obxectivo redescubrir os vellos oficios e os apeiros que se empregaban nas labouras do campo, así como tamén para moer, tecer, ou traballar a pedra, a madeira e o ferro. 

Dende a Fundación cren que é “unha ocasión única” para coñecer as pezas deste museo “que garda a memoria dunha cultura que mirada desde a segunda década do século XXI podemos considerar perdida”, pero que “forma parte dos sinais diferenciais” que marcan a identidade do pobo galego. Dende a fundación tamén agradecen a todas aquelas persoas ou organizacións interesadas en asistir a esta xornada de portas abertas que comuniquen a hora prevista de chegada e a súa intención de participar nalgún dos obradoiros ou actividades programadas co fin de concretar o número aproximado de visitantes e garantir unha mellor atención. Para elo será preciso chamar ó teléfono 981 582 571 ou enviar unha mensaxe ó seguinte enderezo electrónico: museoantropoloxia@fundacionsoteloblanco.org 

Dende a Fundación agradecen a divulgación deste evento e convídannos a todas e todos a achegarnos a San Marcos para botar unha ollada atrás e recrear parte da historia do noso país e a realidade ou o xeito de vivir dos nosos antepasados; as nosas propias raigames.



Máis información:




30 de outubro de 2014

Participación cidadá no medioambiente compostelán

O Centro de Interpretación Ambiental do Concello de Compostela (CIAC), sito no Parque de Belvís, está a enviar unha breve enquisa ás Asociacións de Veciñas e Veciños de Santiago de Compostela para realizar unha sondaxe sobre as inquedanzas da veciñanza encol do Medio Ambiente na cidade. O fin principal da mesma é obter unha serie de información útil co propósito de adaptar as actividades e contidos futuros do CIAC ás necesidades reais da cidadanía, amais de fomentar a implicación da mesma no centro. Dende a Asociación de Veciñas e Veciños Raigame queremos unírmonos a esta iniciativa e trasladar ós veciños a necesidade e a importancia de participaren nesta sondaxe. Podedes acceder á enquisa premendo na seguinte ligazón:


Dende o CIAC agradécese a difusión da citada enquisa, xa que segundo consideran, canta máis xente a cubra máis representativa será.



Máis información: 
Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC)
Rúa Camiño da Ameixaga s/n (Mapa: http://goo.gl/SjJLt1)
Teléfono: 981 543 145
Sitio web do CIAC: http://goo.gl/VM2q47 
Facebook do CIAC: https://www.facebook.com/CIACBelvis 

29 de outubro de 2014

Xornadas formativas en eficiencia enerxética

A Fundación Santiago Centro está a promover unhas xornadas formativas en eficiencia enerxética, para tratar de apoiar o comercio e a pequena empresa, e que van dirixidas a todo tipo de empresarios, consumidores e veciños. A preocupación polo custo da enerxía e os prexuízos ambientais das emisións de efecto invernadoiro, serán algúns dos temas a tratar. As charlas son de balde e celebraranse os vindeiros días 6, 13 e 20 de novembro en horario de 21:00h a 22:30h no Restaurante Paz Nogueira de Santiago de Compostela. Expóñense a continuación os temas principais a tratar:

1ª Xornada (6 de novembro): ¿Como entende-la factura eléctrica?

2ª Xornada (13 de novembro): ¿Como escoller unha iluminación adecuada? 

3ª Xornada (20 de novembro): ¿Que debería saber sobre climatiación?

Para asistir ás xornadas será preciso inscribirse previamente, ben sexa chamando ó 981 59 01 06, ou ben a través dos seguintes enderezos electrónicos:

info@fsantiagocentro.es  
www.fsantiagocentro.es 








11 de outubro de 2014

Comercio e veciños do Ensanche piden unha entrevista co Alcalde



O pasado día 8 de outubro de 2014, Santiago Centro Área Comercial e a Asociación de Veciños Raigame, en representación dos comerciantes e veciños do Ensanche, presentaron no Rexistro Xeral do Concello de Santiago un escrito conxunto solicitando unha entrevista co actual rexedor compostelán, Agustín hernández, co obxectivo de trasladarlle a nosa sorpresa e preocupación sobre dos acordos adoptados polo goberno local relativos á "peonalización" da Rúa Carreira do Conde e a urbanización da Rúa Montero Ríos. 


Novas relacionadas: