Mañá sábado, día 21 de febreiro, celebrarase unha feira na Rúa Ramón Cabanillas que contará con diferentes actuacións (contacontos, dúo musical e demostracións de educación canina) e descontos especiais nos comercios da zona. Haberá tamén postos de polbo á feira e filloas, polo que non podes faltar!
20 de febreiro de 2015
15 de febreiro de 2015
Planta unha árbore no Bosque de Galicia
Onte día 14 de febreiro de 2015 deu comezo a interesante iniciativa “Planta unha árbore no Bosque de Galicia”, promovida pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia en colaboración coa Fundación USC Deportiva, que nace para facer un chamamento á cidadanía e pedir a súa colaboración na fase de implantación do proxecto do Bosque de Galicia, apoiado pola Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega.
O propósito desta actividade, que deu comezo onte e que se celebrará durante os vindeiros días 21 e 28 de febreiro; 7, 14, 21 e 28 de marzo e 11, 18, 25 de abril, é o de dar a coñecer á sociedade galega este novo pulmón verde da cidade, explicar as accións que se están a desenvolver, e rematar a xornada plantando unha árbore. Toda a información referente a esta actividade (datas de realización, horarios, contido e inscricións) pode ser consultada no apartado de Actividades da páxina web da Fundación USC Deportiva ou premendo na seguinte ligazón:
23 de xaneiro de 2015
Raxoi reconsiderará o proxecto da Carreira do Conde
![]() |
| Imaxe: R.M. Santiago, La Voz de Galicia |
Parece que volve a normalidade ás rúas de Montero Ríos e a Carreira do Conde, ou iso é o que semella desprenderse das boas novas publicadas onte en distintos medios de comunicación logo da última reunión que mantivemos este pasado día 21 os comerciantes e veciños do Ensanche, representados pola Fundación Santiago Centro Área Comercial e a Asociación de Veciños Raigame, co actual rexedor compostelán Agustín Hernández. Froito do diálogo mantido nesta última xuntanza, o Alcalde comprometeuse a analizar as propostas presentadas e a procurar unha solución alternativa ó proxecto inicial sen renunciar a “humanizar” e suprimir o tráfico destas rúas.
Achegamos de seguido unha serie de ligazóns a diferentes medios de comunicación locais que se fixeron eco das conclusións extraídas desta xuntanza:
- "Raxoi cambiará el plan de Carreira do Conde por el rechazo a la grada". El Correo Gallego
- "Las gradas de Carreira do Conde se caen del proyecto". La Voz de Galicia
- "Agustín Hernández sobre as obras de Carreira do Conde: "É evidente que algo non funcionou". Radio Obradoiro
21 de xaneiro de 2015
Comezan as obras de peonalización do Ensanche compostelán
Logo de que boa parte dos comerciantes e veciños da Zona Nova de Compostela, -representados pola Fundación Santiago Centro Área Comercial e pola Asociación de Veciños Raigame-, nos reunísemos en máis dunha ocasión co actual rexedor do Concello de Santiago para comunicarlle a nosa oposición á realización dunhas obras que pretenden reducir os carrís de circulación, ampliar beirarrúas i eliminar todas as prazas de aparcamento en Montero Ríos e na Carreira do Conde, e de comprobar que as mesmas xa deron comezo, queremos expoñer unha serie de alegacións que presentamos hoxe día 21 de xaneiro de 2015 ante a Alcaldía do Concello de Santiago de Compostela:
Para eliminar as prazas de aparcamento en superficie, é dicir, para obrigar ó cidadán a que restrinxa o uso do coche privado, sen prexudicar ós residentes e ó pequeno e mediano comercio da zona ESIXIMOS,
1. Que se habilite unha ampla zona de aparcadoiros no Ensanche que favoreza o poder deixar o coche incluso nos días más chuviosos. Propoñemos a explanada do Colexio Peleteiro á que actualmente non se lle está dando ningún uso. Reivindicamos de igual modo, que se habilite outra ampla zona de aparcamento, pola entrada de Conxo onde hai bastante terreo para elo e onde os coches podan deixar sen custo ou como se facía no aparcamento de Cornes que nunca deberían habelo quitado.
2. Solicitamos un dialogo constante co Concello, para que nos manteñan informados dos cambios que pretendan realizar na nosa zona de influencia. Queremos ter todas as reunións que sexan necesarias para poder chegar a adoptar acordos que permitan un prezo máis razoable dos aparcadoiros da zona, agora mesmo son excesivos para a meirande parte da xente traballadora. Do mesmo xeito, prantexamos a necesidade de chegar a un acordo para que presentando o ticket de compra nos parkings, os clientes, obteñan un desconto significativo na hora de aparcamento ou unha hora de balde.
3. Consideramos moi necesario para fomentar que se empreguen menos os vehículos, aumentar as liñas do transporte público que garantan unha boa comunicación con servizos públicos, privados, de barrios e de poboacións próximas e máis afastadas. Isto é imprescindible para que o coche se utilice menos. Aumentar os horarios dos autobuses urbanos e interurbanos, até as 23:30 da noite, hora que permite acudir a actividades despois da xornada laboral e prescindir así do coche. Agora mesmo é un horario moi reducido.
4. O regreso do NOITEBUS durante as fins de semana, tamén evitaría o uso do coche e outros males maiores.
5. Adecuar os horarios de carga e descarga ó dos comercios.
Para impedir que se realicen estas obras, que xa deron comezo e que suprimen prazas de aparcamento sen ofrecer solucións ó problema que temos na cidade, dende a Fundación Santiago Centro Área Comercial e a Asociación de Veciños Raigame, estamos a recadar firmas de apoio da cidadanía a través da internet, no portelo web de Change.org ("STOP a las obras que eliminan plazas de aparcamiento sin ofrecer soluciones al problema que tenemos en Santiago de Compostela"), e tamén de xeito físico nos comercios da zona. Animámosvos a todos a asinar.
13 de xaneiro de 2015
Homenaxe a Vivencio Freire Dapena
Diversas persoas e colectivos do barrio compostelán do Castiñeiriño, co apoio incondicional da Asociación de Veciños Raigame do Ensanche, estamos a preparar unha homenaxe a Vivencio Freire Dapena, - eximio veciño -, como recoñecemento e amizade polos moitos anos de servizo a Compostela. O acto, aberto a toda a cidadanía, terá lugar o vindeiro sábado día 17 de xaneiro a partires das 12:00h da mañá no Centro S.C. "Agustín Bueno" do Castiñeiriño.
Neste acto de recoñecemento, trataremos de transmitirlle en persoa o noso agarimo, afecto e admiración por toda a ilusión, esforzo e tempo, investidos na nosa cidade e para beneficio de tódolos composteláns. Logo do acto, tódolos asistentes poderán gozar dun bo xantar no Restaurante "Paz Nogueira", para acompañar e arroupar ó noso modélico veciño. Na sobremesa farémoslle entrega dun agasallo.
Para asistir ó xantar, será preciso contactar con Raigame antes do xoves día 15; data na que pecharemos as reservas. Dende a Asociación de Veciños Reigame queremos contar coa vosa presenza nesta cita tan importante para nós e para boa parte da cidadanía compostelá. Estades tod@s convidad@s!
Queremos aproveitar esta boa nova para compartir con vos unhas verbas que lle adicamos a Vivencio no marzal do ano 2006, con motivo daquela primeira homenaxe que o Concello de Santiago tivo a ben facerlle ó noso prezado veciño:
VIVENCIO
"Vivencio Freire Dapena naceu en Soutelo, Forcarei. Moi novo marchou a Lugo. Nos anos 50 emigrou a Caracas. Alí empezou de pinche en Luz Eléctrica de Venezuela, a empresa de electricidade máis importante do país. O igual que tantos galegos loitadores, foi pasando por todos os postos, ata chegar a ser supervisor encargado de zona.
En 1975 voltou a Galicia,con Sara, a súa dona - galega de Sarria-, e dous fillos: Tino e Mari Luz. Instaláronse no Castiñeiriño. E cando no 1977 naceu a Asociación de Veciños O Castiñeiro, el xa botou unha man. Na cidade, en 1980, puxeron un pequeno comercio no que hoxe é a rúa Nova de Abaixo e que- nos oitenta - ía camiño de ser un barrio marxinal. Ata que en 1987, Vivencio e outros poucos residentes na chamada “Calle Nueva”, fundaron a Asociación Veciñal do mesmo nome - que en poucos meses pasou a ser, xa, Raigame - , e puideron deter esa marcha cara á degradación social.
Rematando os noventa, Vivencio xubilouse oficialmente. Pechou o seu negocio, e dixo que se ía adicar a familia: a súa dona, os dous fillos, os catro netos... E non foi certo. O barrio do Castiñeiriño, a Asociación Veciñal, sábeno ben.
En Raigame nomeámolo SOCIO DE HONRA -co nº 1- e gabámonos de contar coa súa amizade, axuda e consello. E no Castiñeiriño, onde vive, segue loitando polo que unha persoa, nobre e comprometida como el, pelexou toda a vida: o ben común, a xustiza, a mellora de vida dos que nos rodean. Sen agardar nada a cambio (ou, as veces, algunha mala cara e verbas que feren…). Non está xubilado do colectivo veciñal. Está traballando arreo na directiva do Castiñeiro.
Xa sabedes... queda tanto por facer, ¡aínda! Así que, moitas grazas Sara, Tino, Mari Luz, por compartir con nós, cidadáns composteláns, a esta boa persoa, exemplo e guía para o colectivo veciñal: Vivencio Freire Dapena"
23 de decembro de 2014
Solidariedade coa Plataforma Víctimas Alvia 04155
Dende a Asociación Veciñal Raigame queremos mostrar o noso apoio e solidariedade á Plataforma Víctimas Alvia 04155, que representa ás vítimas e familiares do accidente ferroviario ocorrido o pasado 24 de xullo de 2013 nas inmediacións da parroquia compostelá de Angrois, e que están a recadar fondos para a produción dun documental totalmente independente que conte a verdade e a realidade desta traxedia.
Esta plataforma, que xa vén de denunciar en reiteradas ocasións, pública e xudicialmente, e ante o mesmo Parlamento Europeo o pasado día 12 do presente mes de decembro, o incumprimento da normativa de seguridade ferroviaria e publicidade enganosa, co apoio de diferentes grupos políticos como o BNG, IU e UPyD, continúa loitando por que se faga xustiza e para evitar que esta traxedia volva a suceder no futuro.
Para levar a cabo este proxecto están a solicitar, a través da plataforma de Crowdfunding, fondos, apoio e difusión. Toda a información relativa a esta campaña está dispoñible nas seguintes ligazóns:
Dende a Asociación Veciñal Raigame queremos contribuír a difundir este proxecto e desexar que o mesmo poida chegar a ser toda unha realidade que contribúa a facer xustiza e a sacar á luz a verdade dunha traxedia que nunca debeu suceder.
26 de novembro de 2014
Comeza a Feira de Outono da Rúa Ramón Cabanillas
Hoxe, mércores día 26 de novembro de 2014, comeza a Feira do Outono na Rúa Ramón Cabanillas de Santiago de Compostela. A feira, promovida polos comercios da devandita rúa compostelá, contará con numerosas actividades a pé de rúa, tal que obradoiros para cativos, desfiles de moda, orquestra, pasarrúas, e todo tipo de descontos especiais e agasallos nos diferentes comercios da zona. Achegamos de seguido as diferentes actividades que tamén se celebrarán no CSC O Ensanche (Rua Frei Rosendo Salvado 14-16):
Mércores 26 de novembro ás 20.00h: Charla eco-saudable. Interpretacións erróneas da medicina polo Doutor Carlos Torres Fortich. Organiza APEGA e A cesta da saúde.
Xoves 27 novembro ás 20.00h: Charla eco-saudable. As oportunidades do outono pola psicóloga Carmen Morell. Organiza APEGA e A cesta da saúde.
Venres 28 novembro ás 18.30h: Curso-degustación de cociña con alimentos de outono pola cociñeira Gloria Domeneq. Inscricións no 607947795 Organiza APEGA e A cesta da saúde.
Sábado 29 de novembro dende ás 11.00h: Microcharlas eco-saudables. Organiza APEGA e A cesta da saúde.
Subscribirse a:
Comentarios (Atom)




