4 de novembro de 2015

Magosto 2015 na Praza Roxa compostelá

 
 
Este sábado día 7 de novembro do 2015, as castañas volverán a ser as verdadeiras protagonistas na Praza Roxa compostelá, que acollerá un dos festexos máis tradicionais do noso país; o magosto. Os xogos populares, a iso das 17:00h, darán o pistoletazo de saída a este festexo cidadán e familiar aberto a grandes e pequenos. Non faltarán os contacontos nin os xogos de rúa. A partires das 19:00h haberá foliada a cargo do grupo compostelán "Do Fondo do Peto", que amenizará o reparto e degustación das castañas.
 
A organización deste outonal festexo correrá a cargo d@s veciñ@s do Ensanche, representad@s pola Asociación de Veciñ@s Raigame, e contará coa colaboración do Concello de Santiago, da Rede de Espazos Socioculturais de Santiago, da Deputación da Coruña e da Afundación de Abanca. Así que xa sabedes, se esta fin de semana aínda non fixéchedes plans, estades tod@s convidad@s a achegarvos até a Praza Roxa e gozar deste magosto picheleiro, vecinal e familiar.  

13 de setembro de 2015

Todo listo para a Festa dos 55 anos do Ensanche!


Imaxe: La Voz de Galicia

 
Tal e como viñemos informando, un activo grupo de comerciantes, veciños i entidades sociais de Compostela están a artellar unha feira do comercio e unha gran festa de conmemoración dos 55 anos do Ensanche, que terá lugar o vindeiro sábado día 26 de setembro na contorna das Casas de Ramírez. A data deste evento coincide co día no que se outorgaron os títulos de propiedade das Casas de Ramírez no ano 1960.

A xornada contará cunha feira do comercio na que medio centenar de empresarios exporá os seus produtos nas rúas de Ramón Cabanillas, San Pedro de Mezonzo, Diego de Muros e Rodríguez Carracido. Na festa tampouco faltarán actividades lúdicas e festivas encamiñadas, segundo os seus organizadores, a recuperar a memoria da zona i estimular o espírito de barrio. Haberá obradoiros de manualidades e maquillaxe, contacontos, pasarrúas a cargo do grupo "La Magnifique" e actuacións musicais da man de "Pablo Sanmamed", "Isaías Salazar Trío", "Coro da Rá" e "Vai Trío". Tamén haberá un xantar popular con polbeira na Praza Roxa.

Durante a xornada, os organizadores desta festa tamén porán á venda postais con imaxes antigas do Ensanche, cedidas polo fotógrafo santiagués José Guitián, para contribuír a financiar o evento. Xa sabedes, o vindeiro 26 de setembro, tod@s ó Ensanche a celebrar o 55 aniversario deste céntrico e importante barrio compostelán!
 
Máis información:
 

18 de xullo de 2015

Festa de celebración dos 55 anos do Ensanche

Imaxe: "Festa 55 anos no Ensanche compostelan"

Un activo grupo de veciños e membros da Asociación Veciñal Reigame están a organizar unha gran festa para conmemorar os 55 anos da construción das Casas de Ramírez en Santiago de Compostela. Esta festa terá lugar o sábado día 26 de setembro do presente 2015 nas rúas do Ensanche. 

Podedes seguir o traballo destes veciños a través da páxina de Facebook “Festa 55 anos no Ensanche compostelán”. Nesta páxina, ademais, anímase a tódolos veciños a compartir fotografías antigas, e tamén recentes, deste céntrico barrio de Compostela. Seguiremos informando de tódalas novidades que vaian xurdindo sobre desta interesante iniciativa veciñal.


Máis información:


21 de xuño de 2015

O "Espazo Cidadán" das Festas de San Pedro

A Asociación Veciñal A Xuntanza, coa colaboración da Comisión de Festas do Barrio de San Pedro, está a organizar o Espazo Cidadán, un foro que terá lugar o vindeiro sábado 27 de xuño e que pretende ser un espazo aberto á conversa entre a cidadanía a través de mesas redondas, micros abertos, etc. Este Espazo Cidadán estará instalado na Praza 8 de Marzo, dende as 12 da mañá até as 20:30h do serán. 

A apertura desta xornada de participación cidadá correrá a cargo do noso prezado Secretario, Agustín Pena, - todo un referente do movemento veciñal -, Rosa Muñíz (Cidadanía) e o Alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, co “Artellando en común”. Os tres, en representación das asociacións veciñais, da cidadanía e do Concello, tratarán de pór voz ós problemas reais da cidade nunha conversa pública, así como artellar solucións en común.  Esta primeira mesa redonda terá lugar, como diciamos, na Praza 8 de Marzo, de 12 a 13:30h. 

Ó longo do día haberá outras dúas mesas redondas. A segunda, de 17 a 18:30h, terá como tema principal “Que fai unha moza coma tí nun lugar coma este? Mulleres no heteropatriarcado”. A terceira, de 19 a 20:30h; “Rar@s somos tod@s. Vidas Independentes”. Xa sabedes, o vindeiro día 27 estamos tod@s convidad@s a conversar, a debater, a que se nos escoite, a artellar en común o xeito de facer desta nosa cidade un lugar mellor para tod@s.

27 de abril de 2015

A primavera detense no Ensanche!


A Fundación Santiago Centro Área Comercial está a preparar unha gran festa do comercio baixo o título “A primavera o Ensanche altera”, coa finalidade de atraer clientes ós comercios da contorna do Ensanche e incrementar as súas vendas.  Esta actividade terá unha duración de case un mes para os asociados a Santiago Centro Área Comercial; concretamente, do día 20 de abril até o 16 de maio do presente ano 2015. 

Durante todo este tempo, os clientes poderán atopar nos comercios da zona unhas tarxetas de fidelidade. Estes cartóns teñen unhas casiñas para conseguir selos. Se o cliente merca algo por valor superior a 20€ (10 € en hostelería), unha vez lle selen e lle grampen o resgardo de compra e unha vez completo, terá dereito a un regalo directo. A entrega destes premios realizarase na xornada da "Festa do Comercio", o día 16 de maio, nun espazo habilitado a tal efecto e situado na Praza Roxa.

Na última xornada, é dicir, o sábado 16 de maio, culminarase esta campaña cunha gran “Festa do Comercio no Ensanche”, na que participarán tamén os comercios non asociados. Como a data desta feira coincide coas festas da Ascensión, dende a Fundación encargaranse de organizar actividades festivas durante todo o día, obradoiros de zumba, taichí, así como exhibicións de baile, pasarrúas, comparsas e charangas. 

Podedes informarvos de toda a programación prevista, as datas e os establecementos adheridos, na seguinte ligazón:



16 de abril de 2015

Raxoi informa das melloras nas obras da Carreira do Conde

Imaxe: www.santiagodecompostela.org

Onte, día 15 de abril de 2015, o alcalde do Concello de Santiago, Agustín Hernández, reuniuse de novo cos representantes de comerciantes e veciños da contorna do Ensanche para atender algunhas das demandas que lle achegamos, a través das asociacións Santiago Centro Área Comercial e Raigame, logo dos acordos adoptados en relación ás obras proxectadas para a “humanización” da rúa Carreira do Conde. 

Logo de dúas xuntanzas entre Santiago Centro Área Comercial, Raigame e o Alcalde, celebradas no Pazo de Raxoi os días 12 de novembro de 2014 e o 21 de xaneiro do presente 2015, nas que amosamos a nosa inquedanza ante as obras proxectadas e achegamos diferentes propostas que procuraban eliminar prazas de aparcamento sen prexudicar ós veciños e ós comerciantes, o rexedor comprometeuse a analizar as propostas presentadas e a procurar unha solución alternativa ó proxecto inicial sen renunciar a “humanizar” e suprimir o tráfico destas rúas. 

Nesta terceira e última reunión celebrada onte, Hernández, acompañado pola Concelleira de Urbanismo Teresa Gutiérrez, explicoulles a José María Fernández e Delmiro Prieto, de Santiago Centro Área Comercial, e a Xaquín Mato e Luís Prados, de Raigame, as melloras que se incorporarán ás obras da Carreira do Conde. 

Agustín Hernández comunicoulles que a rúa será parcialmente peonalizada, deixando o paso do tráfico e unha ringleira de estacionamentos a carón dun muro. Iso si,  sen renunciar nun futuro á súa completa peonalización cando se solventen os problemas de aparcamento do Ensanche. Hernández explicou tamén que negociará coas concesionarias dos aparcadoiros públicos para mellorar o sistema de pago e incorporar bonificacións que favorezan o comercio local e que estaban estudando a construción dun aparcadoiro na Avenida da Coruña.

Por outra banda, o Alcalde comprometeuse a incentivar o comercio local a través dunha campaña á que destinará un total de 100.000 euros, e insistiu nos beneficios ambientais e de calidade de vida para os cidadáns que traerán consigo as obras de humanización que xa se están a levar a cabo na Carreira do Conde.



Novas relacionadas:

20 de febreiro de 2015

Feira en Ramón Cabanillas



Mañá sábado, día 21 de febreiro, celebrarase unha feira na Rúa Ramón Cabanillas que contará con diferentes actuacións (contacontos, dúo musical e demostracións de educación canina) e descontos especiais nos comercios da zona. Haberá tamén postos de polbo á feira e filloas, polo que non podes faltar!