5 de maio de 2016

ART&ECO, dous mercados simultáneos nas Festas da Ascensión 2016

Imaxe: arteeco.es

Este ano, co gallo das Festas da Ascensión 2016, os veciños de Santiago e da súa comarca, así como os moitos visitantes que por estas datas se achegan á capital, terán a oportunidade de gozar coas moitas actividades que xa se están a desenrolar polas rúas da cidade e que se suman á xa tradicional e variada oferta de ocio que de por si brindan estas festas.
Desta volta, dende a Asociación Veciñal Raigame queremos apoiar e compartir con todos vós as diferentes iniciativas privadas, coa colaboración municipal, que se levarán a cabo nas rúas do Ensanche dende o día 5 até o día 8 do presente mes de maio con motivo do Mercado ART&ECO. Este evento, promovido pola Fundación Santiago Centro Área Comercial en colaboración coa APEGA e coa Cesta da Saúde, trata de aunar simultaneamente dous mercados diferentes; unha Mostra de Artesanía e unha Feira Ecolóxica Labrega.
 
Así pois, animámosvos a que entredes na páxina do Mercado ART&ECO, onde poderedes atopar toda a información necesaria referente a este evento, premendo na seguinte ligazón:
 
Boas Festas da Ascensión 2016 para tod@s!

23 de marzo de 2016

Excursión á Pobra de Sanabria

A Rede Municipal de Centros Socioculturais está a organizar unha excursión á Pobra de Sanabria, prevista para o vindeiro domingo 10 de abril do presente 2016, que consistirá nun roteiro por esta histórica vila zamorana, a visita ó Castelo dos Condes de Benavente e ó Museo de xigantes e cabezudos, así como a posterior visita ó Parque Natural do Lago de Sanabria.
O prezo da excursión, que inclúe a viaxe, o seguro, as entradas, un guía e un xantar concertado nun local da zona, é de 27 euros por persoa. Dende Raigame queremos potenciar esta actividade dado o seu grande interese e valía.
Así pois, toda a información referente a esta excursión está dispoñible na seguinte ligazón:
Lembrade que o prazo para a inscrición nos CSC remata o vindeiro día 29 do presente mes de marzo!

7 de febreiro de 2016

O Concello instala unha caseta de información das obras de Montero Ríos


Dende a Asociación de Veciñ@s Raigame queremos informar á veciñanza de que, con motivo das obras de humanización que se están a levar a cabo na Rúa Montero Ríos, o Servizo de Proxectos e Obras do Concello de Santiago instalou unha caseta de información na Costa da Camelia que pretende ser un punto de atención ós veciños do Ensanche.
Así pois, tódolos veciños que precisen información ou desexen aclarar dúbidas no referente ás obras que se están a desenrolar nesta rúa, poderán achegarse até a citada caseta solicitando previamente a súa cita a través do teléfono 654 333 100, de luns a venres en horario de 10:00 a 13:00 e de 17:00 a 19:00 horas, ou a través da seguinte conta de correo electrónico: monterorios@xestionambiental.com

18 de xaneiro de 2016

Comezan as obras en Montero Ríos

Hoxe luns, día 18 de xaneiro do 2016, deron comezo as obras na Rúa Montero Ríos, e fixérono na intersección onde se xuntan a Rúa Nova de Abaixo, a Rapa da Folla e Montero Ríos, polo que o tráfico procedente da Rúa Nova de Abaixo deberá xirar obrigatoriamente á esquerda, cara a rúa Rosalía Castro.
 
Os teléfonos de interese son os que se citan deseguido:
  1. Concello de Santiago: 981 54 31 28 (Atención Cidadá) |  981 54 24 22 (Obras e Proxectos)
  2. Empresa Adxudicataria: 986 48 08 05
 
 
Máis información nas seguintes ligazóns:

15 de decembro de 2015

Chega o Nadal a Compostela!


 
Arranca o Nadal 2015 en Compostela cun total de 218 actividades, para grandes e pequenos, que se espallarán polos distintos barrios e parroquias da cidade durante estas datas. O Concello de Santiago vén de publicar na internet a web "Nadal en Compostela", un almanaque dixital a través do cal os veciños poden consultar, en función da idade, da parroquia e da actividade, os diferentes eventos que terán lugar e as horas previstas dos mesmos.

Os vindeiros días 20 e 27 de decembro a partires das 18:30h, a Praza Roxa acollerá as Regueifas con chocolate, un xeito doce e apetecible de coñecer unha manifestación da cultura popular a piques de desaparecer, na que dous contrincantes batallan nunha competición oral improvisada e, por suposto, cantada.

Dende a Asociación Veciñal Raigame desexámoslles unhas boas festas de Nadal!

4 de novembro de 2015

Magosto 2015 na Praza Roxa compostelá

 
 
Este sábado día 7 de novembro do 2015, as castañas volverán a ser as verdadeiras protagonistas na Praza Roxa compostelá, que acollerá un dos festexos máis tradicionais do noso país; o magosto. Os xogos populares, a iso das 17:00h, darán o pistoletazo de saída a este festexo cidadán e familiar aberto a grandes e pequenos. Non faltarán os contacontos nin os xogos de rúa. A partires das 19:00h haberá foliada a cargo do grupo compostelán "Do Fondo do Peto", que amenizará o reparto e degustación das castañas.
 
A organización deste outonal festexo correrá a cargo d@s veciñ@s do Ensanche, representad@s pola Asociación de Veciñ@s Raigame, e contará coa colaboración do Concello de Santiago, da Rede de Espazos Socioculturais de Santiago, da Deputación da Coruña e da Afundación de Abanca. Así que xa sabedes, se esta fin de semana aínda non fixéchedes plans, estades tod@s convidad@s a achegarvos até a Praza Roxa e gozar deste magosto picheleiro, vecinal e familiar.  

13 de setembro de 2015

Todo listo para a Festa dos 55 anos do Ensanche!


Imaxe: La Voz de Galicia

 
Tal e como viñemos informando, un activo grupo de comerciantes, veciños i entidades sociais de Compostela están a artellar unha feira do comercio e unha gran festa de conmemoración dos 55 anos do Ensanche, que terá lugar o vindeiro sábado día 26 de setembro na contorna das Casas de Ramírez. A data deste evento coincide co día no que se outorgaron os títulos de propiedade das Casas de Ramírez no ano 1960.

A xornada contará cunha feira do comercio na que medio centenar de empresarios exporá os seus produtos nas rúas de Ramón Cabanillas, San Pedro de Mezonzo, Diego de Muros e Rodríguez Carracido. Na festa tampouco faltarán actividades lúdicas e festivas encamiñadas, segundo os seus organizadores, a recuperar a memoria da zona i estimular o espírito de barrio. Haberá obradoiros de manualidades e maquillaxe, contacontos, pasarrúas a cargo do grupo "La Magnifique" e actuacións musicais da man de "Pablo Sanmamed", "Isaías Salazar Trío", "Coro da Rá" e "Vai Trío". Tamén haberá un xantar popular con polbeira na Praza Roxa.

Durante a xornada, os organizadores desta festa tamén porán á venda postais con imaxes antigas do Ensanche, cedidas polo fotógrafo santiagués José Guitián, para contribuír a financiar o evento. Xa sabedes, o vindeiro 26 de setembro, tod@s ó Ensanche a celebrar o 55 aniversario deste céntrico e importante barrio compostelán!
 
Máis información: