31 de decembro de 2025
Balance do 2025 e desexos para 2026
26 de decembro de 2025
Conto de Nadal dende a eterna Zona Nova compostelá
Seguramente non será doado crer o que vos vou contar, a non ser que sexades de andar de festa máis aló das 4 da madrugada ou residades nalgún dos 11 puntos negros da miña xeografía
Sexa coma for, todo o que aquí vos conto está nas hemerotecas da prensa local.
A pesar de ter cumpridos xa os 65 anos e de que o 24% da miña poboación supera esta idade, sigo sendo nova porque a miña poboación segue a ser nova, na súa maioría.
Nacín co Babyboom dos anos 60, un pouco ás présas coma así reflexa a calidade das miñas construcións.
Aquí investiron os seus aforros moitos emigrantes das comarcas limítrofes a Compostela cando comezaba a estar de moda investir en cemento. Moda que nunca cesou.
Aquí tamén comezaron vivindo os seus soños moitos de aqueles 40000 estudantes universitarios
que axudaron a crear o ambiente xuvenil e de negocios de ocio nocturno arredor
desta poboación flotante que durante os meses de verán voltaban aos seus
fogares familiares para regresar co inicio do curso académico e no que, en
moitos casos, reservaban os pisos dun curso para outro.
Pasei unha mala época coa circulación da heroína polas miñas rúas. Corrían os loucos anos 80 e a droga fixo anacos moitos de aqueles soños xuvenís. Pero foi a presión veciñal da rúa Nova de Abaixo e as súas protestas veciñais as que fixeron posible o nacemento da Asociación Veciñal RAIGAME. Daquela
convulsa época foi tamén a creación da bridada nocturna da policía local para
frear os graves problemas de inseguridade cos que tivemos que convivir naquela
época.
Foron pasando os
anos e aqueles pisos foron envellecendo xunto cos seus edificios e cuxos
propietarios non os foron reformando coa velocidade que as novas xeracións
demandaban, o que fixo que moitos universitarios foran buscando outras
residencias fóra da Zona Nova. Pisos novos en Conxo, no Castiñeiriño ou en
Santa Marta. Incluso moitos teñen que buscar agora piso no veciño concello de
Ames ante a falta de oferta de aluguer estudantil. Á pouca oferta temos que
sumarlle tamén o elevado prezo dos alugueiros e o aumento dos pisos turísticos
cunha rendibilidade máis alta que o uso
residencial de media ou longa duración, o que fai que teñamos maís de 1000 pisos turísticos na cidade.
Nos últimos anos
vivimos a chegada dunha nova poboación extranxeira para quen a Zona Nova
resultou máis acaída que outras ao ter pisos grandes nos que poder vivir
familias tamén máis numerosas.
Esta nova poboación
axudou a rexuvenecer novamente a Zona Nova onde moitas destas persoas traballan
por conta propia collendo traspasos de bares e cafetarías, instalando bazares,
perruquerías ou negocios de alimentación. Outras moitas traballan por conta
allea na hostalería ou no reparto con empregos precarios e salarios máis baixos
que os habituais. Outras coidan dos nosos maiores, normalmente sen asegurar,
nunha situación económica moi precaria.
Unha poboación que
se incrementou na cidade un 60% dende o ano 2021 e que fixo que a cidade
superara os 100.000 habitantes por primeira vez na súa historia e na que un 25%
é maior de 65 anos.
A vida nocturna
Pero a vida
nocturna segue na actualidade cos seus máis de 15 negocios de ocio nocturno,
para desgusto da veciñanza que ten que sufrir os ruídos e molestias que este
tipo de negocios ocasiona na súa vida diaria.
Temos que lembrar o
caso da batalla campal protagonizada por 2000 persoas nun ¨botellón¨ organizado
ás portas do Ruta no 2021 ou os graves problemas e disturbios dese mesmo ano que
tivo que soportar a veciñanza da discoteca La Facultad en Alfredo Brañas, cuxo
nivel de ruído superaba ata 20 veces o nivel límite. Neste caso tivemos que
asistir atónitos como o persoal técnico do Concello de Santiago xustificou ao
propietario do negocio no xuízo para reducir o aforo deste local de 711 a 400
persoas, xuízo que gañaron as Comunidades demandantes. Pero o custo desta
situación pagárona aquelas veciñas que vivían enriba desta discoteca que
tiveron que mudarse para poder durmir. Ese tamén foi o caso de Alicia na rúa
Santiago de Chile polos ruídos de dúas residencias de estudantes arredor da súa
vivenda. Ou Eduardo na rúa Nova de Abaixo por mor dos ruídos xerados polo Guayaba
que tiña debaixo. Estes son algúns dos moitos outros casos que seguen a acontecer,
coma o de Carme enriba do Gabanna ou Xaime e Andrea enriba do Blaster. Por non
falar da veciñanza e comerciantes que viven e traballan arredor de La Grandota
a onde os taxistas non acoden de madrugada pola perigosidade que supón a zona
de Santiago de Chile e Fernando III O Santo.
A agresividade e
o consumo de droga aumenta
Creo que todos
somos conscientes do aumento da agresividade na poboación dende a pandemia.
Agresividade que se torna moi violenta de madrugada cando xa se consumiu demasiado
alcohol e outras drogas. Este grao de violencia vén a incrementar os problemas
de ruídos e altercados que xa viñamos sufrindo anos atrás pero que ultimamente
están collendo unha nova dimensión como reflexan as agresións a un camareiro na
Praza Roxa en maio de 2025 ou as batallas campais acontecidas este outubro neste
mesmo lugar e dous días despois ás portas do Guayaba. Ao que temos que sumar as
agresións sufridas por un dependente do 24H O de Sempre este pasado mes de
novembro. Situación que se reflexa no recente informe publicado do Ministerio
do Interior no que constata o incremento de lesións e leas tumultuarias en máis
dun 43% no último ano ou o aumento dos roubos en establecementos comerciais que
se incrementou nun 25%.
A este escenario de
violencia crecente temos que sumarlle o incremento do tráfico de drogas e
recentemente tamén a incremento no consumo de heroína. Lembramos a famosa
“Operación Barrido” de 2020 que se saldou con 14 acusados por tráfico de drogas.
A finais do 2022 fomos espectadores da redada antidroga na Cervexaría La Jarra
onde incautaron un coche cargado de cocaína nun aparcadoiro próximo. Ou a
operación policial deste novembro de 2025 nos negocios de ocio nocturno Stilo e
TNT onde se incautaron drogas e numerosas armas brancas.
Pero seguimos asistindo
impotentes ao tráfico de drogas en pisos do nº 5 de Santiago de Chile ou no nº
6 de Alfredo Brañas e en varias lavandarías e garaxes do Ensanche compostelán
con chamativa impunidade.
Ocio vandálico.
Unha nova modalidade de desfase.
Pero un novo
problema se está a instalar na Zona Nova e espallándose a outras partes da
cidade. Unha nova modalidade na que a rúa se converte nunha extensión gratuíta
e impune dos negocios de ocio a onde botar ás persoas violentas ou que consomen
drogas no interior dos locais. Para evitar estas responsabilidades penais os
negocios de ocio aumentaron o seu persoal de seguridade que é o encargado de
expulsar aos violentos e conflitivos.
Por iso, somos a
veciñanza quen tén que padecer e custear os disturbios, problemas e ruídos
ocasionados por un público alcoholizado e drogado e ante os cales os donos
destes negocios non teñen ningunha responsabilidade do que fagan os seus
clientes ás portas dos seus locais.
No 2022 asistimos á
pelexa entre un peruano, un colombiano e un senegalés a carón do after TNT no
que os tres individuos resultaron gravemente feridos polos cortes sufridos con
botellas rotas.
No 2023 o barrio
quedou conmocionado cando faleceu un mozo dominicano acoitelado por outros dous
mozos colombianos ás portas da discoteca La Grandota. Poucos días despois un mozo
dominicano acoitela a outro ás portas da
discoteca Vanitas e no mesmo mes de xaneiro e no mesmo local, un mozo
compostelán ingresa no hospital por ser agredido por outro cun vaso.
En maio de 2023 un
menor marroquí resulta acoitelado na Alameda durante as Festas da Ascensión
dese ano.
O mes pasado un
mozo compostelán acoitela a outro rapaz na Alameda causándolle feridas graves.
Estes son algúns
dos casos que transcenderon á prensa.
O Stilo e o TNT
relevan á Tita
O lamentable
historial de altercados de La Tita foi superado con creces polos seus
descendentes cando este famoso after de Romero Donallo pechou as súas portas en
2016.
No 2017 e ante as
molestias ocasionadas por máis de 20 persoas concentradas ás portas do bar
Stilo, unha redada policial con máis de 30 axentes sáldase con sete persoas
denunciadas por posesión de drogas e dous menores por consumo de alcohol no seu
interior, o que ocasionou a imposición dunha sanción aos propietarios deste
negocio.
En 2019 volve ser
obxecto de denuncias veciñais que reclaman a presenza policial polos desfases
cometidos pola súa clientela na rúa e a primeiras horas da mañá.
Despois do peche
obrigado da pandemia, no 2022 unha nova pelexa protagonizada por un español, un
uruguaio e un dominicano no interior do local, trasládase á rúa e cesando unha
vez que se presentou a policía.
No 2024 ante unha
lea multitudinaria, a veciñanza volve a reclamar a presenza policial na que
ningún dos implicados interpuxo denuncia.
En novembro de
2025, unha redada policial nos bares Stilo e TNT sáldase con varios detidos por
posesión de drogas e a incautación de numerosas navallas e coitelos.
Isto é só a punta do iceberg dun problema de moita máis grande dimensión que está a degradar a Zona Nova e do cal as autoridades políticas e policiais son ben coñecedoras.
Se lle sumamos a impotencia policial e a pasividade da alcadía, teremos unha explicación bastante certeira do porqué desta situación. No entanto tamén é evidente cal é a solución.
https://www.elcorreogallego.es/galicia/2016/12/05/clausuran-pub-tita-motivos-tecnicos-110268637.html
https://www.elcorreogallego.es/santiago/2023/01/29/herido-joven-impactarle-vaso-cara-109679175.html
https://www.elperiodico.com/es/sucesos/20251201/joven-apunalo-santiago-queda-libertad-124329541
https://www.elcorreogallego.es/santiago/2025/12/03/santiago-supera-100-000-habitantes-124372827.html
https://www.elcorreogallego.es/galicia/2016/12/05/clausuran-pub-tita-motivos-tecnicos-110268637.html
Asociación Veciñal RAIGAME exixe á alcaldía do Concello de Santiago que controle o cumprimento das licenzas, dos aforos, dos horarios e dos limitadores de son dos bares que traballan coma afters, pubs e discotecas, especialmente nestas Festas.
Temos que lembrar que durante estes días, numerosos negocios de ocio infrinxen as normativas e ordenanzas municipais amparadas polas súas licenzas.
Exiximos tamén un Plan Especial de vixiancia e seguridade nas rúas para que non se repitan as escenas de menores consumindo alcohol ás portas destes negocios de ocio coma o pasado día 24 así coma as escenas de violencia que estamos a sufrir nos últimos anos, especialmente por estas fechas.
9 de novembro de 2025
QUE PODES FACER TI?
Campaña informativa sobre inseguridade, ruídos e tráfico de drogas
Dende a Asociación Veciñal RAIGAME queremos poñer fin
aos crecentes problemas de inseguridade, ruídos e tráfico de drogas que van
invadindo O Ensanche e prexudicando a nosa calidade de vida. Coa túa
colaboración podemos conseguilo.
Dende AV RAIGAME agradecemos que axudes a distribuílo entre a veciñanza e o comercio local.
3 de novembro de 2025
OCIO VANDÁLICO E
DROGAS
AS DÚAS CARAS DUN
PROBLEMA SOCIAL
Temos observado
coma estes negocios atraen a persoas alcoholizadas e drogadas cuxa expresión
máxima de violencia ten lugar ás portas de estes establecementos xa que son
expulsadas do seu interior. Observamos tamén como arredor destes lugares
proliferan outros negocios en pisos e locais, coma o tráfico de drogas, que se
aproveitan deste público alcoholizado e drogado.
Ás molestias de
ruídos exaxerados xerados nestes locais temos que sumarlle os comportamentos
incívicos de todo tipo xerados na vía pública. Ata o punto de que os taxistas
non acudan a estes lugares a partires das 4 de mañá por consideralos perigosos.
A veciñanza ten
informado de incidentes repetidos de estas características en 10 puntos da Zona
Nova que están en mans de 7 empresarios deste tipo de negocio.
Un total de 15
establecementos de ocio só na Zona Nova que a partires da hora de peche botan á
rúa a centos de persoas, moitas delas bébedas, que deambulan polo barrio en
busca dos 2 afters que actúan como recolledores. Cremos que todos somos
conscientes que non hai policía suficiente para controlar semellante situación.
Stilo, TNT e La
Grandota son os negocios que máis incidentes comunican. Pero tamén Guayaba,
Vanitas, Gabbana, O de Sempre, Circus, The Capital e Blaster. Así como tamén
pisos onde se trafica con droga a todas horas do día e da noite. O nº 5 da rúa
Santiago de Chile é un exemplo de aparente impunidade.
Cremos que non
seríamos xustos se víramos só un problema de orde pública e culpabilizáramos unicamente
ás persoas alcoholizadas e drogadas.
Cal é a
responsabilidade de estes 7 empresarios que obteñen o seu beneficio económico do consumo nos seus negocios ata altas horas da madrugada? En Francia e no País Vasco os empresarios destes locais son responsables do que fagan os seus clientes diante dos seus
establecementos.
Sen embargo, os
custos dos servizos sanitarios, policiais, de limpeza e os destrozos
ocasionados no mobiliario público ten que sufragalos a veciñanza que os padece.
A isto hai que
sumarlle a percepción de inseguridade a consecuencia das repetidas agresións,
roubos, ruídos descontrolados, pelexas multitudinarias e actos vandálicos.
Exiximos como
primeira medida o cumprimento da lexislación vixente en materia de licenzas,
horarios, aforos e control dos sonómetros instalados en todos os locais de ocio
nocturno da cidade.
En segundo lugar,
exiximos a erradicación dos puntos de venta de drogas estendidos pola cidade.
Entendemos que debe
actuarse a nivel de toda a cidade para non levar o problema a outros barrios.
Anunciamos que imos
xudicializar as denuncias e pedímoslle á veciñanza que nos contacte para
formalizar as denuncias correspondentes.
Tamén pedimos que
aquelas persoas que padecen algún tipo de patoloxía agravada pola situación de
ruídos e molestias ocasionadas por determinados negocios de ocio, acudan ao seu
médico e soliciten informes da súa situación.
Con todo, poden
contactar coa Asociación Veciñal RAIGAME a través do email:
aavvraigame@gmail.com
29 de outubro de 2025
Intervención no Pleno Municipal do 30 de outubro de 2025
AV RAIGAME
Levamos 10 anos loitando por unha modificación do PXOM no solar do Peleteiro. Unha modificación xusta para a veciñanza do barrio e para a cidade.
Aló polo 2015 fomos a Asociación máis activa na formación da chamada Comisión Mixta que, por certo, nunca existiu para o actual goberno municipal nin para a súa alcaldesa.
Xa daquela exixíamos equipamentos sociocomunitarios xustos e demandábamos se liquidara unha débeda histórica que os sucesivos gobernos municipais tiveron sempre co barrio máis densamente poboado da cidade. Aí están as hemerotecas para demostrar a nosa demanda.
Un Centro de Día, unha gardería, unha biblioteca, espazos para a conciliación familiar, para as asociacións da cidade e para actividades do comercio local, e sobre todo, recuperar a actividade cultural que tiña a Zona Nova coa desmantelada Aula de Cultura da Carreira do Conde.
No 2019 sumamos unha nova demanda cando a veciñanza de Rep. Arxentina nos pediu axuda e á cal se sumou a veciñanza da Rosa. Demanda que consideramos xusta porque se algo debe defender unha asociación Veciñal é aos seus veciños. Un total de 6 Comunidades de propietarios que presentaron alegacións á actual modificación do PXOM.
Pero sempre tivemos a sensación de que en todas as sucesivas propostas de reforma do PXOM, o goberno municipal sempre estivo de parte da propiedade da parcela e en contra dos intereses da veciñanza e da cidade. E coma se dunha loita de trincheiras se tratara, en cada nova reforma fomos gañando metros por Rep. Arxentina e rebaixando metros pola Rosa.
Ao longo de todo este tempo aquí estades presentes moitas das persoas que participastes nesta lide. Algunhas expresastes os vosos intereses dende o principio e non os ocultastes. Outras, sen embargo, finxistes apoiar á veciñanza cando estabades na oposición para despois traizoala cando chegastes ao goberno.
E a traizón é o que máis nos doe. Non pola traizón en si, que tamén, se non porque con ela mostrades unha total e absoluta falta de respecto á veciñanza que a fin de contas é quen vos pon e quen vos quita destas cadeiras.
Pero aínda hai algo peor, e é que hoxe somos nós os traizoados. Outro día serán outros veciños se así o ditan os vosos intereses. Despois disto, será difícil que poidamos confiar en vós.
Pero se temos que mirar cara adiante, da mesma maneira que se fixo cos Cines Fraga en Vigo, exixímosvos que esteades á altura da veciñanza desta cidade e, se fose necesario, vos poñades de acordo Deputación, Concello e Xunta para adquirir os locais suficientes da nova edificación para que aí se instalen os equipamentos sociais que tantos anos levamos demandando.
Agora, só pediros que votedes en conciencia.
26 de outubro de 2025
Foto da manifestación veciñal e corte de tráfico en maio de 2022. Nela podemos ver á esquerda ao actual edil responsable da recollida do lixo, vías e obras Xesús Domínguez. Á dereita as edís Jorge Duarte e Marta Lois. A actual alcadesa Goretti Sanmartín tamén estivo presente.
Considerando as manifestacións realizadas pola alcaldesa Goretti Sanmartín e a ministra de vivienda Isabel Rodríguez o pasado mes de xuño anunciando o traspaso da parcela Peleteiro á nova Empresa Pública de Vivenda, entendemos que o interés lucrativo e especulativo da empresa propietaria da SAREB xa non se dá.
Sendo isto certo, entendemos que deberían ser prioritarias a vivenda pública e a dotación sociocomunitaria, así coma un maior espazo público e zonas verdes coma refuxio climático. Tamén un menor volume da edificación para non cometer os mesmos erros monstruosos da construción do Ensanche compostelá dos anos 70.
Cremos moi importante considerar a nula dotación sociocomunitaria que padecemos dende hai décadas nunha das zonas máis densamente poboadas da cidade. Agora temos a posibilidade de resarcir una débeda histórica que o Concello ten co noso barrio.
As mesmas dotacións públicas definidas no 2005 que xa as considerábamos irrisorias hai 20 anos; 900 m2 para equipamento sociocomunitario e 1.395 m2 para espazo libre son as dimensións que hoxe se contemplan no Plan.
Dende a Plataforma de Afectados consideramos imprescindible o seguinte equipamento sociocomunitario:
· Un Centro de Día dimensionado ás necesidades do noso barrio. Unha Zona Nova caracterizada por una medía de idade alta que precisa de equipamentos xustos.
· Unha gardería e espazos para a conciliación familiar cos que manter a poboación máis nova e atraer a máis veciñanza.
· Unha biblioteca pública
· Salas de reunións versátiles para o tecido asociativo e comercial da cidade así como espazos de exposición para actividades de dinamización do comercio local.
· É de lei a restitución das actividades culturais que hai anos se desenvolvían na Aula de Cultura da Carreira do Conde e que se desmantelaron. Exiximos que se recupere esa actividade cultural na Zona Nova para frear a degradación do barrio. Estamos convencidos que sería un gran motor de dinamización social e tamén para o comercio local e a hostalería máis respectuosa cunha zona residencial.
· Unha praza pública suficientemente ampla que actúe coma refuxio climático e zona verde nun barrio carente de zonas verdes.
Tamén consideramos una falta de respecto por parte da alcaldesa e do concelleiro de urbanismo a nula información a esta Plataforma que presentou alegacións por parte de 6 Comunidades de Propietarios e 1 familia particular. Temos que lembrar que tamén actuaron do mesmo xeito na anterior ocasión. Feitos que esta Plataforma considera unha traizón xa que cando estaba na oposición expresou publicamente que nunca aprobaría un Plan que non fora antes consensuado coa veciñanza directamente afectada.
Que as modificacións anunciadas o pasado venres 24 de outubro son puramente de maquillaxe xa que non supoñen ningunha modificación substancial.
Que considerando o anunciado traspaso da parcela Peleteiro á Empresa Pública de Vivenda, non hai nada que impida que todos os baixos da futura edificación sexan destinados a equipamento sociocomunitario. Que a futura praza pública sexa verde e de maiores dimensión, que haxa a máxima vivenda protexida posible e que o volume da edificación respecte ás Comunidades da Rosa e Rep. Arxentina.
Con todo, queremos chamar a atención de toda a Corporación Municipal, que se expresará democráticamente este vindeiro xoves 30 de outubro, que teñen nas súas mans a posibilidade de facer algo xusto e necesario polo futuro do Ensanche e da cidade.






