8 de abril de 2014

A Fundación USC Deportiva convoca o III Curso de Fotografía da Natureza


A Fundación USC Deportiva acaba de convocar o seu III Curso de Fotografía de Natureza, que terá lugar os días 9, 11 e 16 de maio do presente ano 2014 na Facultade de Formación do Profesorado, na Avenida de Ramón Ferreiro de Lugo. O curso, dunhas 14 horas, será impartido polo fotógrafo e profesor Andrés Fraga. Neste obradoiro trataranse, principalmente, temas como a paisaxe, a caza fotográfica de fauna e fotografía de vexetación.

A Fundación procurará mediante este curso fotográfico "que o alumno, afeccionado a saír ao monte coa súa cámara, coñeza as pautas básicas da fotografía de natureza, dende a fotografía de paisaxe á de plantas e animais". Ademais, este curso tratará de achegar ós seus alumnos as "técnicas máis utilizadas polos fotógrafos de natureza, das cales algunhas se poderán aplicar na próxima saída que fagan ao monte e outras, as máis complicadas de aplicar por cuestión de equipo ou dificultade, que se ben non se utilizarán nun primeiro momento, serviranlle para entender como se fan as imaxes que se ven a diario en revistas ou Internet". O curso ten un custo de 100 € e un cupo de 15 prazas que serán cubertas por rigorosa orde de inscrición. 

Lembrade:

  • Lugar: Facultade de Formación do Profesorado (Avda. de Ramón Ferreiro, s/n) Concello de Lugo
  • Datas: Venres 9 de maio (18:00 a 21:00 h), Domingo 11 de maio (10:00 a 18:00 h) e Venres 16 de maio (18:00 a 21:00 h)
  • Prezo: 100 €
  • Prazas: 15
Para facer a túa inscrición preme na seguinte ligazón: [Inscrición]