26 de febreiro de 2018

Aniversario de Rosalía de Castro 2018


Tal e como informamos hai uns días, o pasado sábado 24 de febreiro do 2018, a Asociación de Veciños Raigame celebrou, na céntrica Praza de Vigo, un íntimo acto no que se conmemoraría o nacemento de Rosalía de Castro neste recuncho da cidade e se rendiría unha pequena pero sentida homenaxe a esta nosa ilustre e luminosa musa das letras. Deseguido achéganse o texto íntegro da Asociación de Veciños Raigame e unha pequena mostra fotográfica do acto:

"Din que os ingleses conservan a casa natal de Shakespeare pero aquí estas cousas non se levan. Nin sequera Cervantes tivo esa honra, xa que tivo que conformarse cunha copia. Cando aos nosos governantes lles deron a escoller entre cultura e coches, sempre escolleron a cultura do coche, e se non que lle lo pregunten ao edificio Castromil!!  

Menos mal que aínda temos Catedral e Obradoiro. Ben seguro que a alguén se lle pasou pola cabeza un parking debaixo delas!!!

Hoxe estamos aquí para dar luz sobre un tesouro do noso Ensanche e que tamén forma parte das nosas Raigames. 

Tal día como hoxe, hai 181 anos, aquí naceu Rosalía de Castro -nai da literatura galega- na Casa da Parra do Agro das Barreiras, no recén nacido Concello de Conxo.

Estas son as nosas Raigames, as que debemos cultivar e regar diariamente. Porque xa se sabe o que sucede cando a unha árbore lle cortan as súas Raigames.

Parabéns a toda a cidadanía do Ensanche neste fermoso día de febreiro"



Asociación de Veciños Raigame

Febreiro, 2018





23 de febreiro de 2018

As Raigames do Ensanche

De seguro que o noso barrio do Ensanche non acadaría premio algún de arquitectura e, posiblemente, tampouco de urbanismo. Un arrabalde trazado e feito "a cordel" como diría un coñecido arquitecto picheleiro.

Probablemente foi a mestura explosiva de improvisación e especulación o que deu forma a este barrio no que agora vivimos e traballamos milleiros de persoas. Coma se dun ser vivo se tratara, cos seus anos ao lombo, cos seus achaques e doenzas, tentamos facerlle algunha operación de cirurxía, facerlle algún que outro transplante de tellas e algunha operación de cadeira, xa que moitos non podemos subir escaleiras.

Para milleiros de habitantes a nosa vida está aquí e aquí queremos que siga, polo tanto teremos que facer o que faga falla para que o barrio do Ensanche sexa o Santiago moderno que, xunto coa Compostela histórica, sume unha gran cidade dinámica e chea de vida. Para elo nada mellor que afondar nas nosas Raigames para coller pulo e encarar o futuro. 

Porque, aínda que non o pareza, o Ensanche ten unhas fermosas Raigames que nunca se puxeron en valor. Unha delas é o lugar de nacemento da nosa Nai da literatura galega, aquela que –desde as beiras do Sar- lle cantou ao Cruceiro de Ramírez. Si, estamos a falar de Rosalía de Castro, que naceu un 24 de  febreiro de 1837 nunha casa da Praza de Vigo, daquela era o concello de Conxo,  como así tamén era a maioría da parte baixa do Ensanche. 

Mañá sábado celebramos o aniversario do seu nacemento, e de nós depende que lle demos luz a este gran tesouro que temos no noso barrio.



Asociación de Veciños Raigame

Febreiro, 2018




Máis información:

O acto conmemorativo do Aniversario de Rosalía de Castro celebrarase mañá día 24 de febreiro ás 18:00h na Praza de Vigo. Asistirán, entre outros, Anxo Angueira da Fundación Rosalía de Castro, a Tenente Alcalde María Rozas e o noso Presidente, Xaquín Mato.

16 de febreiro de 2018

Programación do CIAC para o mes de marzo


O Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC) quere darlle a benvida á primavera facendo unha homenaxe ás nosas árbores, a eses seres vivos silenciosos que ademais de froitos, cores e recendos, bríndannos o osíxeno que precisamos para vivir. A programación que vén de presentar o CIAC para este marzal destaca pola celebración do "Día da Árbore" cun obradoiro sobre recoñecemento das árbores para os máis pequenos, seguido dun interesante roteiro interpretativo baixo o lema “Coñecendo as árbores do Parque de Belvís":


Sábado 24 de marzo  |  Celebración do Día da Árbore


      • Ás 11:30h | Obradoiro de Recoñecemento de Árbores: 

Con este obradoiro o CIAC quere transmitir aos pequenos e pequenas da casa a importancia que teñen as árbores para o planeta, en xeral, e para os seres humanos, en particular, e iniciar o seu coñecemento e recoñecemento das diferentes árbores que podemos encontrar en Compostela, concretamente no parque de Belvís. Esta dirixido a nenos e nenas a partires de 6 anos.

Esta actividade é de balde pero é preciso inscribirse. Podelo facer por calquera dos seguinte medios:

      • Ás 16:30h | Roteiro "Coñecendo as árbores do Parque de Belvís":

Os parques das cidades son sen dúbida un aspecto importantísimo para o medio ambiente e a calidade de vida da comunidade, onde se esconden unha grande biodiversidade, na que encontramos  diferentes especies de árbores.  Con este roteiro o CIAC pretende dar a coñecer máis profundamente as diferentes árbores que nos rodean e que vemos todos os días no Parque de Belvís, para saber diferencialas e ser conscientes da súa importancia. Está dirixido a todos os públicos (rapaces e rapazas a partires de 9 anos).

Esta actividade é de balde pero é preciso inscribirse. Podelo facer por calquera dos seguintes medios: