23 de decembro de 2014

Solidariedade coa Plataforma Víctimas Alvia 04155

Dende a Asociación Veciñal Raigame queremos mostrar o noso apoio e solidariedade á Plataforma Víctimas Alvia 04155, que representa ás vítimas e familiares do accidente ferroviario ocorrido o pasado 24 de xullo de 2013 nas inmediacións da parroquia compostelá de Angrois, e que están a recadar fondos para a produción dun documental totalmente independente que conte a verdade e a realidade desta traxedia. 

Esta plataforma, que xa vén de denunciar en reiteradas ocasións, pública e xudicialmente, e ante o mesmo Parlamento Europeo o pasado día 12 do presente mes de decembro, o incumprimento da normativa de seguridade ferroviaria e publicidade enganosa, co apoio de diferentes grupos políticos como o BNG, IU e UPyD, continúa loitando por que se faga xustiza e para evitar que esta traxedia volva a suceder no futuro.

Para levar a cabo este proxecto están a solicitar, a través da plataforma de Crowdfunding, fondos, apoio e difusión. Toda a información relativa a esta campaña está dispoñible nas seguintes ligazóns: 



Dende a Asociación Veciñal Raigame queremos contribuír a difundir este proxecto e desexar que o mesmo poida chegar a ser toda unha realidade que contribúa a facer xustiza e a sacar á luz a verdade dunha traxedia que nunca debeu suceder.