NOVAS

Querer ou non querer

Carta de amor a unha cidade 

Malos tempos para a lírica, que dicían os meu paisanos na fin do século pasado. Non sei se algunha vez foron bos pero si sei que hoxe, máis que nunca, a lírica é tan necesaria como a auga.
Nada mellor que a lírica para expresar sentimentos de amor, solidariedade, altruísmo … amor sen condicións.

Non son persoa dotada para a lírica, aínda que gusto dela, así que escribireiche esta carta en prosa. Unha carta de amor a ti, Compostela.
Acollíchesme cando vin estudar, aquí me namorei e aquí quedei. Fixen vida na túa parte máis moderna, esa que moi poucos aprecian porque non conseguen ver a beleza da vida que nela escondes.  Eles só ven formigón, tráfico e ruído. Non queren ver os millóns de relacións humanas que tecen día a día a túa veciñanza e o teu comercio.
A veces penso que te desprezan ao ver en ti só engurras. A saída dunha cana é noticia de portada. Cando te queixas tardan meses en vir ver que tes. Rógoche que non llo teñas en conta, non paga a pena. Supoño que queren verte sempre moza e non reparan na beleza da idade madura, dunha moza chea de vida no seu interior.

Achéganse as eleccións municipais e todos vante queren para si. Han de expresar ese amor destrutivo que tanto nos caracteriza. Han de mostrar o teu lado menos favorable, quizais para que os outros non te queiran. Han dicir que es fea, que tes engurras na túa pel, que tes reuma nos teus ósos. Todo valerá con tal de posuírte. Un amor tan egoísta non é amor. Incluso ten algo de machista. Ese “amor” non o mereces.

Se é preciso ata te quitarán a depuradora que tanto precisas, procurarán que non durmas pola noite e ata boicotearán ás posibles solucións como así fixeron dous destacados representantes políticos o pasado día 24 de xaneiro na mesa redonda convocada a tal fin. Ou esa Policía Local que mira máis pola plusvalía das súas horas extras que pola túa seguridade.

Ante estas aldraxes ben podería mirar para outro lado pero considero honesto dicilo, en voz alta, para que todos o saiban.

En Compostela, a 10 de febreiro de 2019

M.X. Marmancou

* Editamos esta carta remitida por unha persoa socia de RAIGAME por considerar que reflexa moi ben a situación actual que estamos a vivir na cidade

No hay comentarios: