27 de marzo de 2014

Manifesto por unha sanidade pública

Copia do rexistro de entrada do escrito na Consellería de Sanidade
 da Xunta de Galicia

A continuación achégase copia do Manifesto por unha sanidade pública, asinado pola meirande parte das asociacións veciñais urbanas de Santiago de Compostela e remitido á Consellería de Sanidade e ó Concello de Santiago o pasado 28 de febreiro do presente ano 2014:


Manifesto por unha sanidade pública

      "As asociacións veciñais somos e representamos á veciñanza compostelá, ás persoas que na cidade de Santiago pagan cos seus impostostos os servizos públicos sanitarios e tamén a aquelas xentes que traballan neles. 

      Por este motivo, estamos preocupados polas noticias que, cada día, amosan a degradación dun dos nosos dereitos fundamentais - o da saúde-, ou amenazan con re-pagos que converterán o que hoxe é de todos, nunha cousa reservada a aqueles que poidan pagalo.

      Os servizos sanitarios, como outras prestacións desenvolvidas polo estado do benestar, son froito do esforzo común; son un logro colectivo do que podemos presumir con orgullo, porque son universais, e porque son dunha calidade innegable. 
Pero nestes días vemos, con estupefacción, como os enfermos máis desfavorecidos non teñen acceso aos tratamentos; como a unha parte da poboación inmigrante se lle retira este dereito fundamental; como doentes de familias son desviados a hospitais arredados da súa casa. 
Ese non é o noso modelo. O dereito á saúde é inherente ás persoas, así é e así debe seguir sendo. Un servizo para todos e todas, próximo, universal e gratuíto.

      Vemos tamén como se reorganizan servizos e áreas sanitarias -como a de Santiago- sen pensar nas necesidades reais da poboación e ás recomendacións dos profesionais; como se "externaliza" o que é noso, baixo o principio de que o público non funciona cando é certo que a alta calidade do noso sistema de saúde débese, precisamente, a que é público e non se xestiona con criterios de beneficio económico.

      É por todo isto, que non comprendemos porqué teimamos en voltar atrás... e desmantelar o construído con tanto esforzo; porqué se xeran "recursos ociosos" que xustifiquen modificacións nas áreas sanitarias cando hai listas de agarda para acceder aos servizos; porqué se mina a confianza e bo facer dos traballadores e traballadoras da saúde que desenvolven a súa labor sen os medios materiais e humanos necesarios; porque se consente que haxa persoas excluídas do acceso á saúde pola súa orixe ou situación económica... Son tantas cousas as que non se entenden. A crise económica só é unha escusa, poderosa e demagóxica, a esta desfeita.

      É por todo isto que facemos un chamamento, alto e claro á Xunta de Galicia e ao goberno central, para que poñan fin a esta demolición e para que respecten os principios de igualdade, calidade e gratuidade que deben rexer a xestión dos servizos sanitarios. E ao Concello de Santiago para que impida que as decisións que afectan á nosa área sanitaria -como a reasignación ó CHUS, de pacientes da provincia de Pontevedra- afecten a calidade dos servizos ofrecidos aos seus veciños e veciñas.
Queremos o que temos -aínda que cada vez menos-: un servizo de saúde público, universal, gratuíto e de calidade".

En Santiago de Compostela, a 28 de Febreiro de 2014

Asinado polas Asociacións de Veciños de Santiago, que se detallan:

A.Vv. Alexandre Bóveda
A.Vv. A Xuntanza
A.Vv. As Brañas de Andrés
A.Vv. As Cancelas
A.Vv. As Marías
A.Vv. Doutor Maceira
A.Vv. Francisco Asorei
A.Vv. Monte de Dios
A.Vv. Monte do Gozo
A.Vv. O Castiñeiro
A.Vv. Polígono de Vite
A.Vv. Raigame
A.Vv. Sar
A.Vv. Río Sarela - San Lourenzo
A.Vv. Sandra Prego Rial

Copia do rexistro de entrada do escrito no Concello de Santiago


Ningún comentario: