13 de xaneiro de 2015

Homenaxe a Vivencio Freire Dapena

Diversas persoas e colectivos do barrio compostelán do Castiñeiriño, co apoio incondicional da Asociación de Veciños Raigame do Ensanche, estamos a preparar unha homenaxe a  Vivencio Freire Dapena, - eximio veciño -, como recoñecemento e amizade polos moitos anos de servizo a Compostela. O acto, aberto a toda a cidadanía, terá lugar o vindeiro sábado día 17 de xaneiro a partires das 12:00h da mañá no Centro S.C. "Agustín Bueno" do Castiñeiriño

Neste acto de recoñecemento, trataremos de transmitirlle en persoa o noso agarimo, afecto e admiración por toda a ilusión, esforzo e tempo, investidos na nosa cidade e para beneficio de tódolos composteláns. Logo do acto, tódolos asistentes poderán gozar dun bo xantar no Restaurante "Paz Nogueira", para acompañar e arroupar ó noso modélico veciño. Na sobremesa farémoslle entrega dun agasallo. 

Para asistir ó xantar, será preciso contactar con Raigame antes do xoves día 15; data na que pecharemos as reservas. Dende a Asociación de Veciños Reigame queremos contar coa vosa presenza nesta cita tan importante para nós e para boa parte da cidadanía compostelá. Estades tod@s convidad@s!

Queremos aproveitar esta boa nova para compartir con vos unhas verbas que lle adicamos a Vivencio no marzal do ano 2006, con motivo daquela primeira homenaxe que o Concello de Santiago tivo a ben facerlle ó noso prezado veciño:





VIVENCIO



"Vivencio  Freire Dapena  naceu en Soutelo, Forcarei. Moi  novo marchou a Lugo. Nos anos 50 emigrou a Caracas. Alí empezou de pinche en Luz Eléctrica de Venezuela, a empresa de electricidade máis importante do país. O igual que tantos galegos loitadores, foi pasando por todos os  postos, ata chegar a ser supervisor encargado de zona.

En  1975 voltou a Galicia,con Sara, a súa dona - galega de Sarria-, e dous fillos: Tino e Mari Luz. Instaláronse no Castiñeiriño. E cando no 1977 naceu a Asociación de Veciños O Castiñeiro, el xa botou unha man. Na cidade, en 1980, puxeron un pequeno comercio no que hoxe é a rúa Nova de Abaixo e que- nos oitenta - ía camiño de ser un barrio marxinal. Ata que en 1987, Vivencio e outros poucos residentes na chamada “Calle Nueva”, fundaron  a Asociación Veciñal do mesmo nome  - que en poucos meses pasou a ser, xa, Raigame - , e puideron deter esa marcha cara á degradación social.

Rematando os noventa, Vivencio xubilouse oficialmente. Pechou o seu negocio, e dixo que se ía adicar a familia: a súa dona, os dous fillos, os catro netos... E non foi certo. O barrio do Castiñeiriño, a Asociación Veciñal, sábeno ben.

En Raigame nomeámolo SOCIO DE HONRA -co nº 1- e gabámonos de contar coa súa amizade, axuda e consello. E no Castiñeiriño, onde vive, segue loitando polo que unha persoa, nobre e comprometida como el, pelexou toda a vida: o ben común, a xustiza, a mellora de vida dos que nos rodean. Sen agardar nada a cambio (ou, as veces, algunha mala cara e verbas que feren…). Non está xubilado do colectivo veciñal. Está traballando arreo na directiva do Castiñeiro.
Xa sabedes... queda tanto por facer, ¡aínda! Así que, moitas grazas Sara, Tino, Mari Luz, por compartir con  nós, cidadáns composteláns, a esta boa persoa, exemplo e guía  para o colectivo veciñal: Vivencio Freire Dapena"

Ningún comentario: