16 de abril de 2015

Raxoi informa das melloras nas obras da Carreira do Conde

Imaxe: www.santiagodecompostela.org

Onte, día 15 de abril de 2015, o alcalde do Concello de Santiago, Agustín Hernández, reuniuse de novo cos representantes de comerciantes e veciños da contorna do Ensanche para atender algunhas das demandas que lle achegamos, a través das asociacións Santiago Centro Área Comercial e Raigame, logo dos acordos adoptados en relación ás obras proxectadas para a “humanización” da rúa Carreira do Conde. 

Logo de dúas xuntanzas entre Santiago Centro Área Comercial, Raigame e o Alcalde, celebradas no Pazo de Raxoi os días 12 de novembro de 2014 e o 21 de xaneiro do presente 2015, nas que amosamos a nosa inquedanza ante as obras proxectadas e achegamos diferentes propostas que procuraban eliminar prazas de aparcamento sen prexudicar ós veciños e ós comerciantes, o rexedor comprometeuse a analizar as propostas presentadas e a procurar unha solución alternativa ó proxecto inicial sen renunciar a “humanizar” e suprimir o tráfico destas rúas. 

Nesta terceira e última reunión celebrada onte, Hernández, acompañado pola Concelleira de Urbanismo Teresa Gutiérrez, explicoulles a José María Fernández e Delmiro Prieto, de Santiago Centro Área Comercial, e a Xaquín Mato e Luís Prados, de Raigame, as melloras que se incorporarán ás obras da Carreira do Conde. 

Agustín Hernández comunicoulles que a rúa será parcialmente peonalizada, deixando o paso do tráfico e unha ringleira de estacionamentos a carón dun muro. Iso si,  sen renunciar nun futuro á súa completa peonalización cando se solventen os problemas de aparcamento do Ensanche. Hernández explicou tamén que negociará coas concesionarias dos aparcadoiros públicos para mellorar o sistema de pago e incorporar bonificacións que favorezan o comercio local e que estaban estudando a construción dun aparcadoiro na Avenida da Coruña.

Por outra banda, o Alcalde comprometeuse a incentivar o comercio local a través dunha campaña á que destinará un total de 100.000 euros, e insistiu nos beneficios ambientais e de calidade de vida para os cidadáns que traerán consigo as obras de humanización que xa se están a levar a cabo na Carreira do Conde.



Novas relacionadas:

No hay comentarios: