23 de febreiro de 2018

As Raigames do Ensanche

De seguro que o noso barrio do Ensanche non acadaría premio algún de arquitectura e, posiblemente, tampouco de urbanismo. Un arrabalde trazado e feito "a cordel" como diría un coñecido arquitecto picheleiro.

Probablemente foi a mestura explosiva de improvisación e especulación o que deu forma a este barrio no que agora vivimos e traballamos milleiros de persoas. Coma se dun ser vivo se tratara, cos seus anos ao lombo, cos seus achaques e doenzas, tentamos facerlle algunha operación de cirurxía, facerlle algún que outro transplante de tellas e algunha operación de cadeira, xa que moitos non podemos subir escaleiras.

Para milleiros de habitantes a nosa vida está aquí e aquí queremos que siga, polo tanto teremos que facer o que faga falla para que o barrio do Ensanche sexa o Santiago moderno que, xunto coa Compostela histórica, sume unha gran cidade dinámica e chea de vida. Para elo nada mellor que afondar nas nosas Raigames para coller pulo e encarar o futuro. 

Porque, aínda que non o pareza, o Ensanche ten unhas fermosas Raigames que nunca se puxeron en valor. Unha delas é o lugar de nacemento da nosa Nai da literatura galega, aquela que –desde as beiras do Sar- lle cantou ao Cruceiro de Ramírez. Si, estamos a falar de Rosalía de Castro, que naceu un 24 de  febreiro de 1837 nunha casa da Praza de Vigo, daquela era o concello de Conxo,  como así tamén era a maioría da parte baixa do Ensanche. 

Mañá sábado celebramos o aniversario do seu nacemento, e de nós depende que lle demos luz a este gran tesouro que temos no noso barrio.



Asociación de Veciños Raigame

Febreiro, 2018




Máis información:

O acto conmemorativo do Aniversario de Rosalía de Castro celebrarase mañá día 24 de febreiro ás 18:00h na Praza de Vigo. Asistirán, entre outros, Anxo Angueira da Fundación Rosalía de Castro, a Tenente Alcalde María Rozas e o noso Presidente, Xaquín Mato.

Ningún comentario: