Onte mércores 5 de maio, a ASOCIACIÓN DE VECIÑOS RAIGAME tivo unha reunión cos Concelleiros de Seguridade e Urbanismo do Concello de Santiago para tratar dous temas importantes para a veciñanza da Zona Nova compostelá.
Un dos temas tratados foi o ruído e os problemas de convivencia que ocasiona e que veñen padecendo veciños e Comunidades de Propietarios. Trasladámoslle a resolución adoptada por varias Comunidades de Propietarios o pasado luns 3 de maio que consiste en iniciar o trámites xudiciais en base ao artigo 7.2 da Lei de División Horizontal contra 4 establecementos dos que temos queixas e denuncias urbanísticas. Estes establecementos son:
TNT en Santiago de Chile n° 29
Discoteca Vanitas en Santiago del Estero n° 8
Gabanna Discoteca en Rep. Arxentina n° 24
Tamén lles trasladamos as denuncias efectuadas por ruídos contra o Gimnasio Espagat en Fernando III n° 12, Residencia de Estudantes Carmen e a Residencia de Estudantes Santi en Santiago de Chile n° 15 e o local de salsa Guayaba en rúa Nova de Abaixo n° 26. Denuncias realizadas a través do departamento de Disciplina Urbanística dende o ano 2023 e das cales os veciños aínda non tiveron contestación.
Manifestamos a nosa preocupación polas numerosas queixas recibidas pola invasión das beirarrúas e os ruídos xenerados en varios establecementos de hostalería das rúas Fernando III, Frei Rosendo Salvado e Praza Roxa
Se lles trasladaron as queixas recibidas por parte da veciñanza da Rosa pola masificación e molestias en determinados portais debido á presenza da parada que os buses interurbanos teñen nesta rúa e se lle preguntou polo traslado desta parada á Estación Intermodal.
Expresamos a nosa preocupación polos contínuos atropelos que acontecen reiteradamente nos cruces das rúas Santiago de Chile e República Arxentina e solicitamos a súa pronta solución.
Tamén puxemos de manifesto os contínuos atascos ocasionados polos coches aparcados en dobre fila á altura do n° 33 da rúa Rep. Arxentina e que ocasiona retencións de tráfico diarias nas rúas Romero Donallo e Santiago de Chile.
Expresamos o interés veciñal en revisar ás licenzas urbanísticas dos establecementos obxecto de queixas e instamos á toda a veciñanza a que curse as correspondentes denuncias urbanísticas a través da Oficina Virtual do Concello de Santiago independentemente das chamadas puntuais á Policía Local.
Ningún comentario:
Publicar un comentario