Dende o noso punto de vista, "humanizar" implica actuar a máis niveis que o estritamente urbanístico. Algo absolutamente necesario no Ensanche compostela. Pero se agora temos que atender ao estritamente urbanístico, temos que dicir que calquera actuación de humanización destes espazos debe contemplar tamén os seguintes puntos:
1) Consideramos necesario realizar un Plan Integral de Mobilidade actualizado da cidade previo a calquera actuación urbanística e de humanización xa que calquera intervención sobre o tráfico rodado nun punto vai repercutir noutros puntos da cidade.
Hai que ter en conta a cantidade de persoas que por mor das políticas urbanísticas aplicadas na nosa cidade nas últimas décadas, esta ocasionara que moitas persoas fixaran a súa residencia nos concellos limítrofes e que por motivos laborais e persoais se desplazan á cidade en vehículo privado ante a ausencia dun transporte urbano e interurbano eficaz.
2) Elaborar un estudo previo da situación actual dos fluxos de tráfico nas rúas Santiago de Chile e Praza de Vigo así como o impacto que a modificación destes fluxos vai ter no tráfico rodado da cidade, do Ensanche, na veciñanza e no comercio local.
Debemos ter en conta cal é a cantidade de vehículos "de paso" que circulan por estas zonas e establecer alternativas viables antes de calquera actuación.
3) Ante a eliminación proposta de 170 prazas de aparcamento, consideramos necesaria a municipalizacion previa dos aparcamentos soterrados de propiedade municipal da Praza de Vigo e Praza de Galicia así como a realización das obras necesarias para adecualos ás demandas de accesibilidade actuais.
Tamén cremos necesario o establecementos de convenios co aparcamento de propiedade municipal da rúa de Romero Donallo coa fin de que permita o aparcamento da veciñanza empadroada que non dispón de praza privadas nos seus edificios, das persoas traballadoras e da clientela.
4) Supresión inmediata da parada provisional dos autobuses interurbanos existente na rúa de A Rosa que dificultan e colapsan o tráfico nesta zona e supoñen un serio inconvinte á veciñanza dos primeiros portais.
5) No canto do anteproxecto anunciado, propoñemos que, si ben se amplíen as beirarrúas da rúa Santiago de Chile a conta do espazo hoxe destinado a aparcamento, se eliminen as barreiras arquitectónicas, se dote a rúa de máis espazos verdes e os cruces sexan de preferencia peonil, tamén se dispoña de dous carrís de circulación onde un deles sexa destinado a carril de servizo para zonas de carga e descarga, paradas de autobús urbano e aparcamento exprés para pasar a zona de aparcamento nocturno a partires das 20:30.
É necesario que se consideren as beirarrúas coma refuxios climáticos que fagan agradable o tránsito peonil evitando os excesos de formigón e asfalto.
Tamén sería moi importante considerar que a beirarrúa sexa maiormente para as persoas regulando eficazmente a superficie ocupada por terrazas.
6) A proposta de colectores de lixo en superficie non nos parece a mellor solución dados os problemas contínuos de insalubridade que padecemos debido aos desbordes contínuos dos colectores existentes na actualidade. Calquera que sexa a solución debería levar consigo un control máis eficaz dos desbordes.
7) Propoñemos unha intervención artística e urbanística na Praza de Vigo que dignifique o lugar de nacemento de Rosalía de Castro. Dita proposta foi realizada hai 2 anos conxuntamente por AV RAIGAME e a Fundación Rosalía de Castro sen que ata o momento tivéramos resposta nin se contemplara no anteproxecto proposto.
Consideramos necesario manter a circulación por Santiago de Chile e Avd de Vilagarcia podendo ampliar a Praza cara ao norte.

Ningún comentario:
Publicar un comentario