8 de novembro de 2014

Xornada de Portas Abertas no Museo da Fundación Sotelo Blanco



O vindeiro sábado día 22 de novembro, o Museo de Antropoloxía e Etnografía da Fundación Sotelo Blanco, sito en San Marcos Nº 77, abrirá as súas portas a todas aquelas persoas e grupos organizados que desexen coñecer o xeito de vivir dos nosos antergos e descubrir o auténtico tesouro que custodia esta fundación. A xornada, que será de balde, guiada e contará con obradoiros e diversas actividades complementarias, terá como obxectivo redescubrir os vellos oficios e os apeiros que se empregaban nas labouras do campo, así como tamén para moer, tecer, ou traballar a pedra, a madeira e o ferro. 

Dende a Fundación cren que é “unha ocasión única” para coñecer as pezas deste museo “que garda a memoria dunha cultura que mirada desde a segunda década do século XXI podemos considerar perdida”, pero que “forma parte dos sinais diferenciais” que marcan a identidade do pobo galego. Dende a fundación tamén agradecen a todas aquelas persoas ou organizacións interesadas en asistir a esta xornada de portas abertas que comuniquen a hora prevista de chegada e a súa intención de participar nalgún dos obradoiros ou actividades programadas co fin de concretar o número aproximado de visitantes e garantir unha mellor atención. Para elo será preciso chamar ó teléfono 981 582 571 ou enviar unha mensaxe ó seguinte enderezo electrónico: museoantropoloxia@fundacionsoteloblanco.org 

Dende a Fundación agradecen a divulgación deste evento e convídannos a todas e todos a achegarnos a San Marcos para botar unha ollada atrás e recrear parte da historia do noso país e a realidade ou o xeito de vivir dos nosos antepasados; as nosas propias raigames.



Máis información:




Ningún comentario: