Traballando para convivir e poder durmir.
Onte xoves 24 de xaneiro celebrouse a mesa redonda convocada por RAIGAME e
denominada “O alcohol: unha cuestión de orde pública e de saúde pública” na que
estiveron presentes Sergio Fernández, secretario da Asociación Hostalería
Compostela, o axente Neo do Grupo de Participación Cidadá da Policía Nacional,
a inspectora Diana Parente da Policía Local, Concha Fernández, concelleira de
Políticas Sociais, Saúde en calidade de responsable da UMAD.
No salón de actos do Centro Cívico déronse cita preto de 70 veciños e
veciñas do Ensanche para participar nesta mesa redonda.
O representante do sector da hostalería mostrouse preocupado pola situación
do consumo de alcohol na rúa e fixo fincapé en que a hostalería da cidade é a
máis interesada en que isto non suceda e mostrou a súa disposición para
arranxar esta situación. Tamén comentou a problemática existente co suposto consumo
de alcohol entre os menores dentro dos locais de ocio e comprometeuse a
comunicar a necesidade dun maior control por parte dos responsables dos establecementos
para non ter que expoñerse a cuantiosas multas ou incluso o peche do local.
A representante da Policía Local expuxo a labor de concienciación que se
fai nas escolas pero recoñeceu o baixo número de axentes existentes que trae
como consecuencia menos patrullas policiais para atender todas as demandas que se
producen. E que cando chegan ao lugar dos incidentes, fano tarde. Pese a todo,
van tratar de coordinar accións concretas de intervención policial en
coordinación coa Policía Nacional para identificar, sancionar e disolver as
concentracións de persoas que beban alcohol na rúa ou actúen do forma incívica.
O representante da Policía Nacional tamén falou do baixo número de
efectivos dispoñibles na Comisaría de Santiago pero así e todo van colaborar
con outros grupos policiais para realizar controis puntuais en determinadas
rúas conflitivas do Ensanche para identificar e sancionar a toda persoa que
beba alcohol na rúa. Tamén recoñeceu e lamentou que dende este corpo policial
non se puidera dar unha rápida resposta ante as denuncias de “menudeo” de
drogas e venda de bebidas alcohólicas a menores ou fora do horario legal.
A concelleira de Políticas Sociais e Saúde do Concello de Santiago expuxo
os datos cos que se traballa dende a UMAD relativos ao consumo de alcohol entre
menores de idade que evidencian o consumo de alcohol de 1 de cada 3 rapaces
como algo habitual á hora de divertirse en momentos de ocio e que tamén 1 de
cada 3 se emborrachara no último mes. Estes datos de Santiago de Compostela son
similares aos de Galicia e por debaixo da media española.
Tamén falou das accións e programas alternativos de ocio para a xuventude que
supuxeron nunha alternativa cultural ao alcohol.
Algunhas veciñas manifestaron a súa visión da situación en rúas como
Alfredo Brañas e Santiago de Chile e a súa preocupación por non poder durmir
ante as concentracións de persoas que bebendo alcohol nas rúas se comportan de
xeito incívico cos locais comercias, cos portais das vivendas ou co
mobiliario urbano. Tamén expuxeron a súa preocupación polo risco que supón a
velocidade excesiva de algúns coches a altas horas da madrugada.
Como conclusión, todos os participantes na Mesa Redonda comprometéronse a
manter unha canle de comunicación cos veciños para que a través da Asociación RAIGAME se lle
fagan chegar todos os incidentes e puntos conflitivos no barrio e poder así
actuar a demanda e con previsión de efectivos policiais.
Os datos de contacto da Asociación de Veciños RAIGAME son:
e-mail: aavvraigame@gmail.com teléfono: 981592595
Ningún comentario:
Publicar un comentario