22 de xaneiro de 2019

O alcohol: unha cuestión de orde pública e de saúde pública

O consumo de alcohol en plena rúa está a causar problemas graves de convivencia no noso barrio. Un problema que se repite periodicamente e que nos últimos meses estase concentrando en determinadas rúas coa conseguinte indignación da veciñanza, non só polos ruídos se non tamén polos danos que se causan nas vivendas, nos locais comerciais e no mobiliario urbano público.
Dende RAIGAME entendemos que esta situación non debe continuar por máis tempo e se lle debe dar unha solución inmediata pero tamén entendemos que non é máis que un síntoma dunha "doenza social" máis grave. Detrás dela está a banalización do consumo de alcohol que leva a que a xuventude acceda a el a idades cada vez máis temperás e que hoxe xa está nos 13 anos e baixando.



Polas experiencias doutras cidades e países e polo traballo dos expertos, entendemos que a solución pasa pola implicación de toda a sociedade, tanto das forzas de orde públicas coma do sector da hostalería, das distintas administracións con competencias na materia, das nais e pais, dos centros educativos e da veciñanza. Traballando man a man cos profesionais na materia para que entre toda a sociedade lle podamos poñer remedio.
Por elo, decidimos convidar a todos os axentes socias a unha mesa redonda que terá lugar o vindeiro xoves 24 de xaneiro ás 20:30 horas no Centro Cívico do Ensanche e na cal participarán:
un representante do grupo de Participación Cidadá da Policía Nacional, unha representante da Policía Local, a Concelleira de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos, o secretario da Asociación Hostalería Compostela, un representante dunha ANPA e a Asociación de Veciños RAIGAME como moderadora da mesa.







Ningún comentario: