A Asociación Veciñal A Xuntanza, coa colaboración da Comisión de Festas do Barrio de San Pedro, está a organizar o Espazo Cidadán, un foro que terá lugar o vindeiro sábado 27 de xuño e que pretende ser un espazo aberto á conversa entre a cidadanía a través de mesas redondas, micros abertos, etc. Este Espazo Cidadán estará instalado na Praza 8 de Marzo, dende as 12 da mañá até as 20:30h do serán.
A apertura desta xornada de participación cidadá correrá a cargo do noso prezado Secretario, Agustín Pena, - todo un referente do movemento veciñal -, Rosa Muñíz (Cidadanía) e o Alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, co “Artellando en común”. Os tres, en representación das asociacións veciñais, da cidadanía e do Concello, tratarán de pór voz ós problemas reais da cidade nunha conversa pública, así como artellar solucións en común. Esta primeira mesa redonda terá lugar, como diciamos, na Praza 8 de Marzo, de 12 a 13:30h.
Ó longo do día haberá outras dúas mesas redondas. A segunda, de 17 a 18:30h, terá como tema principal “Que fai unha moza coma tí nun lugar coma este? Mulleres no heteropatriarcado”. A terceira, de 19 a 20:30h; “Rar@s somos tod@s. Vidas Independentes”. Xa sabedes, o vindeiro día 27 estamos tod@s convidad@s a conversar, a debater, a que se nos escoite, a artellar en común o xeito de facer desta nosa cidade un lugar mellor para tod@s.