10 de decembro de 2023

Plataforma Veciñal pola Convivencia. Convocatoria de reunión das AV integrantes o mércores 13 ás 20:30 no local social da AV Sarela

 

Dende a Plataforma Veciñal queremos informarvos das conclusións da reunión celebrada o pasado mércores 29 de novembro no Instituto Rosalía de Castro.

As Asociacións convocantes foron: AV Fonseca, AV Río Sarela e AV Raigame.

Nesta reunión asistiron un numeroso grupo de veciñas e veciños de Compostela que expuxeron os seus casos e quedou patente a urxencia de actuación ante a gravidade das situacións na que viven diariamente.

Manifestaron a súa vontade de incorporación a dita Plataforma a AV Conxo Aberto, AV Plataforma de Galeras, AV Álvaro Cunqueiro e a AV Os Loureiros.

Estaban convidadas a Policía Local e a Policía Nacional pero só acudeu unha representante da Policía Nacional.

Por parte da Policía Local non escusaron a súa ausencia nin tivemos noticias ata o día de hoxe.

As conclusións que puidemos extraer da reunión son as seguintes:

1º Constatamos que é necesario afondar en visibilizar un problema que se ten feito crónico co paso do tempo afectando a un número crecente de veciños e veciñas.

2º Tamén se fai necesario sensibilizar á sociedade para que sexamos conscientes dos efectos negativos que este tipo de contaminación ambiental ten sobre a saúde das persoas e a degradación social dos nosos barrios.

3º Queda clara a escaseza de medios humanos e materiais cos que contan os corpos de Policía para facer a súa labor de vixilancia e de sanción.

4º Pero tamén se constata a falta de unha resposta axeitada e eficaz ás denuncias da veciñanza neste eido concreto, tanto dende a Policía Local como dende os servizos de Inspección Urbanística.

5º Os Concellos están incumprindo o que prescribe a Lei de Espectáculos de Galicia ao non utilizar a potestade sancionadora que esta Lei lles outorga.

6º Non se están aplicando Plans de Inspección e Programas de Acción en materia de loita contra a Contaminación Acústica Nocturna nin a propia competencia sancionadora de oficio ante o consumo de alcohol na vía pública.

7º Queda camiño por andar e os pasos seguintes serán solicitar entrevistas tanto a Fiscalía de Medio Ambiente de Galicia, como a Valedora do Pobo, para coñecer as súas visións sobre esta Contaminación e as ferramentas que podemos utilizar na nosa defensa.

Para seguir desenrolando o traballo proposto, propoñemos unha reunión das AV integrantes da Plataforma para o mércores día 13 de decembro ás 20:30 horas no local social da AV Sarela na carballeira de San Lourenzo coa seguinte orde do día:

1º Resumo da situación de cada AV. Solicítase traer relacionadas as situacións concretas coas que se atopa a veciñanza afectada nos distintos barrios.

2º Preparación dunha reunión cos representantes municipais e cos corpos de seguridade.

3º Preparación dunha reunión coa Valedora do Pobo para coñecer as ferramentas das que podemos dispoñer.

4º Situación actual da Federación Galega de Asociacións Veciñais contra o Ruído.

5º Pasos a seguir e propostas de accións a tomar a corto, medio e longo prazo.

6º Rogos e preguntas

Saúdos

Plataforma Veciñal pola Convivencia

27 de novembro de 2023

Convivir sen contaminación acústica

Dende as asociacións veciñais Fonseca, Río Sarela e Raigame convidámosvos a unha reunión informativa o MÉRCORES 29 ás 20:00 horas no salón de actos do Instituto Rosalía de Castro, coa veciñanza e as asociacións veciñais compostelás para ver de como abordar os problemas derivados da contaminación acústica debida, principalmente, ao ocio nocturno e que veñen de moito tempo atrás afectando á nosa saúde, ao noso descanso nocturno e que está a provocar a expulsión das veciñas e veciños afectados, coa conseguinte perda de poboación e abandono de pisos e edificios

Quixéramos que a vosa asociación poidera asistir para ver os problemas de cada barrio en canto á contaminación acústica e ver como podemos afrontalo de forma conxunta para unha mellor convivencia.

Temos convidado a participar nesta reunión á Policía Local e á Policía Nacional de Santiago de Compostela.

Os obxectivos da presenza dos responsables dos dous corpos de Policía son para mellorar o coñecemento da veciñanza sobre:

1) As competencias de cada corpo ao respecto da contaminación acústica dentro dos edificios e mais na rúa.

2) Os medios de control das emisións sonoras contaminantes coas que conta cada un dos corpos policiais.

3) Persoal e medidas de control de emisións de ruído esixibles aos locais do ocio nocturno e a hostalaría.

4) As competencias sobre o control dos aforos dos locais do ocio nocturno.

En función da experiencia de ambos os dous corpos policiais, darnos pautas de actuación para acadar resultados positivos na loita contra desta Contaminación Acústica.


Por todo elo, gostaríanos contar coa vosa presenza.

24 de febreiro de 2023

Preocupacion veciñal ante a concentración de establecementos de xogo na Zona Nova



En relación ás novas publicadas recentemente nos medios de comunicación locais de Santiago de Compostela sobre a solicitude de apertura dun casino na Zona Nova compostelá, manifestamos a nosa preocupación pola proliferación deste tipo de negocios na cidade nunha rúa na que xa existe unha sala de xogos, casa de apostas e un bingo. Pero ademáis a poucos metros existen outros dous establecementos de estas características nunha zona escolar co colexio Cluny e o instituto Rosalía de Castro nas proximidades.

Por elo, solicitamos das administracións competentes que poñan límite á proliferación de este tipo de establecementos.

15 de febreiro de 2023

DÍA DE ROSALÍA 2023 NO SEU LUGAR DE NACEMENTO

 


A celebración terá lugar o vindeiro 23 de febreiro no seu lugar de nacemento a actual Praza de Vigo de Santiago de Compostela.

Durante ese día máis de 40 locais de hostalería da nosa cidade ofrecerán un Caldo de Gloria para celebralo xunto con un pousavasos conmemorativo.

Comezarán os actos ás 10:30 da mañá coa participación dos colexios Cluny e Quiroga Palacios cuio alumnado recitará varios poemas de Rosalía de Castro.
Ás 11 terá lugar a ofrenda floral e recitado de poemas por parte do alumnado da Casa do Neno de San Lázaro e tamén a ofrenda floral da Fundación Rosalía coa intervención das autoridades presentes no acto.

Organizan:
AV RAIGAME
Fundación Rosalía

Patrocina:
Concello de Santiago

Colaboran:
Xunta de Galicia
Colexio Cluny
Colexio Quiroga Palacios
Colexio Casa do Neno
Asociación Hostalería.gal
Asociación Hostelería Compostela
Asociación Amigos de Conxo

12 de xaneiro de 2023

Que está a pasar na Zona Nova? A veciñanza ante a droga e a violencia


Dende a Asociación Veciñal RAIGAME manifestamos que os acontecementos de violencia padecidos recentemente que se saldaron co falecemento dun menor e outro gravemente ferido poñen de manifesto un nivel de agresividade na sociedade en xeral e particularmente na mocidade moi preocupante ante o cal os responsables políticos e policiais deben actuar inmediatamente.

Observamos tamén un aumento considerable do tráfico de drogas nesta zona co seu consumo e menudeo a plena luz do día como o observado actualmente nas rúas do Ensanche.

Tamén chama a atención a incautación de droga hai poucas semanas durante o Nadal nunha redada na que interviñeron antidisturbios a primeira hora da mañá e relacionado con pisos de prostitución.

Droga e violencia son cousas que van da man como ben sabemos e padecemos hai anos nesta cidade.

Para os que amamos esta cidade é doloroso facer público estes feitos pero entendemos que é necesario para poder poñerlle solución.

Como primeira medida disuasoria solicitamos a presencia policial nos puntos conflitivos da Zona Nova entre as 5 e as 9 da mañá así como a súa presencia na Zona Nova durante o resto do día.

A posta en servizo da prometida Policía de Barrio de xeito inmediato.

A creación dunha comisión municipal interdisciplinar na que estean presentes todos os grupos municipais, policía, técnicos e a Universidade de Santiago a fin de realizar un diagnóstico correcto do que está a acontecer e establecer así as súas causas para despois poder actuar coas medidas adecuadas.

Solicitar a intervención dos servizos sociais municipais para que se preocupen pola situación dos xoves que se concentran en determinados puntos da cidade para evitar que sexan vítimas das drogas.

Comunicar tamén que hoxe mércores tivemos unha reunión co Concelleiro de Seguridade na que estaban presentes tamén representantes policiais.

Lamentamos o comportamento e a actitude vehemente do Concelleiro Gonzalo Muíños con reproches continuos, negándose a contestar ás nosas preguntas e limitándose a dicir que “habería presencia policial” para despois levantarse da mesa de reunións antes de que puidéramos formular todas as nosas preguntas. Consideramos que tal actitude é impropia do cargo que ocupa.


AV RAIGAME

En Santiago de Compostela, a 12 de xaneiro de 2023

8 de xaneiro de 2023

VIOLENCIA, DROGAS E PROSTITUCIÓN

Dende a pandemia estamos observando un aumento dos pisos de prostitución e paralelamente a elo un aumento do tráfico de drogas en determinados puntos da Zona Nova.
Todos somos coñecedores  dos últimos casos de violencia, o apuñalamento e posterior falecemento dun mozo na rúa Santiago de Chile e onte, lamentablemente,  outro apuñalamento na rúa Nova de Abaixo. Uns días antes tivo lugar unha redada antidroga en Santiago de Chile coa incautación dun vehículo nun coñecido parking dese rúa. Meses atrás menores de idade adicábanse ao tráfico de drogas no entorno da Praza Roxa.

Para a veciñanza non son descoñecidas algunhas lavanderías de autoservicio e pisos nos que se exerce o tráfico de drogas e pisos nos que se exerce a prostitución. Vimos presentando queixas por distintas canles ao Concello e á Policía do que está a acontecer.

Dende a Asociación Veciñal Raigame solicitamos das autoridades unha implicación real, efectiva e unha actuación inmediata da policia en esas zonas conflictivas que ben coñecen.


Pedimos a presencia policial entre as 5 e as 9 da mañá en determinados lugares que son,dende hai tempo, máis conflictivos: Fernando III, Santiago de Chile, República Arxentina, Avd. de Vilagarcía e Rúa Nova de Abaixo co fin de disuadir de comportamentos violentos que se producen en plena rúa e diante de determinados locais de ocio.


Pedimos unha colaboración policial real, efectiva e colaboradora coa cidadanía durante o día polas damáis rúas, cousa que hai tempo que se bota en falta a pesar de ser reclamada polos veciños e prometida en periodo electoral, como aconteceu coa denominada "Policía de Barrio" da que nada sabemos.


Pedimos que por parte do departamento de "Participación Cidadá" da Policia Nacional se preste máis atención ás chamadas da veciñanza que, sabemos, se fixeron sobre estes pisos e locais onde hai venda de drogas.

Tamén solicitamos a colaboración das veciñas e veciños, dos propietarios de locais de ocio e das comunidades de propietarios para que comuniquen ben á policía ben a Raigame todas aquelas situacións e accións que consideren sospeitosas para que así se poida actuar antes de que esta situación se nos vaia das mans.

2 de xaneiro de 2023

VÉNDESE SOL

 


En resposta ás novas aparecidas na prensa local estes días pasados sobre o debate para unha solución xusta e negociada para o solar do antigo colexio Peleteiro, dende o asociacionismo veciñal comunicamos:

Que a veciñanza organizada na Plataforma Veciñal e a Asociación Veciñal RAIGAME demandamos dos grupos municipais o seu apoio e a súa palabra de que "nunca apoiarían un proxecto que non contara cas veciñas e veciños". Palabra que se cumplíu no Pleno Municipal do pasado día 21. Por elo, agradecemos o apoio expresado democraticamente polos grupos municipais do PP, CA, BNG e o concelleiro non adscrito Javier Fernández.

Que lamentamos a utilización política deste asunto e a confusión que se trata de crear sobre o motivo real desta demanda veciñal e que non é outra que unha solución dialogada e xusta para a veciñanza do Ensanche.

Por todo elo, comunicamos tamén o inicio dunha campaña de concienciación veciñal "VÉNDESE SOL" para chamar a atención da cidadanía sobre este asunto xa que é un problema social que acontece en moitas cidades. Por elo, solicitamos ás veciñas e veciños a colocación deste cartel A3 nalgunha das ventanas que miran á rúa e así visivilizar a necesidade dunha solución xusta.