28 de setembro de 2017

O Alcalde presenta o cartel da terceira edición dos "Máis de 55 anos vivindo o Ensanche"

Presentación da programación das Festas do Ensanche no Pazo de Raxoi.
Foto: santiagodecompostela.gal 

O Alcalde de Santiago, Martiño Noriega, acompañado do noso Presidente de Raigame, Xaquín Mato; do Secretario de Santiago Centro, Delmiro Prieto e da Presidenta de Em-Rede, Eva López; vén de facer pública a programación da terceira edición das nosas festas; os “Máis de 55 anos vivindo o Ensanche”. No acto de presentación, que tería lugar onte día 26 de setembro no Pazo de Raxoi, o Alcalde amosaría a súa satisfacción pola consolidación da festa e remarcaría a importancia do traballo colectivo. Segundo Noriega, "un barrio organizado e os seus representantes traballando da man do Concello é unha garantía de éxito".

De esquerda a dereita; Xaquín Mato, Eva López, Delmiro Prieto e o Alcalde de Santiago, Martiño Noriega. 
Foto: santiagodecompostela.gal 

A Presidenta de Em-Rede, Eva López, en referencia á celebración da III Festa do Comercio, destacou que este ano "foi preciso ampliar o número de postos previsto”, confirmándose un total de 40 establecementos. Aqueles adicados ó textil, ós complementos ou á zapatería, exhibirán unha pequena mostra dos seus produtos no desfile “Moda a pé de rúa”, que se celebrará o venres 29 ás 19:00 h na Praza Roxa. 

Pola súa parte, Delmiro Prieto, anunciaría tamén a celebración dunha Marcha Ciclista que sairá o domingo día 1 de outubro da Praza Roxa e que promote consolidarse na programación das nosas festas. Segundo o Secretario de Santiago Centro, o tecido asociativo do Ensanche "quere ser partícipe do compromiso con outro modelo de mobilidade” e que esta nova actividade "sirva para concienciar aos condutores, pero tamén aos ciclistas, de cales deben ser as súas prácticas nas rúas para conseguir unha circulación máis segura".


Dende Raigame desexamos que todo este esforzo colectivo, tal e como tivo a ben sinalar o Alcalde, remate por ser“unha garantía de éxito”. Por terceiro ano consecutivo, desexámosvos a tod@s unhas boas Festas do Ensanche!



Máis información:

18 de setembro de 2017

Todo listo para as Festas do Ensanche 2017


Outro ano máis, os veciños do Ensanche compostelán teremos o enorme pracer de volver a conmemorar os máis de 55 anos de vida do noso barrio. E celebrarémolo como os dous anos anteriores; por todo o alto!  Temos todo listo para gozar dunha gran festa ateigada de actividades para os máis grandes e pequenos da casa.

O sábado 30, pecharemos setembro celebrando o día grande deste 57 aniversario do Ensanche. A música correrá a cargo de Kind of Soul, Mojo Experience, Jorge Casal, a Charanga Mekánika e pasarrúas de música tradicional. Tamén haberá exhibicións de baile, de deportes e un sen fin de xogos populares. E por se fose pouco, este ano tamén se celebrará o "I Torneo de Xadrez do Ensanche":


Ca fin de que o noso comercio teña tamén o seu oco neste 57 aniversario, ó longo das rúas do noso barrio celebrarase a "III Feira do Comercio", na que numerosos establecementos locais expoñerán os seus produtos e ofrecerán promocións especiais. Tamén haberá sorteos, desfiles de moda, exposicións de téxtil, de artesanía, e variados postos de alimentación.

Así que xa sabedes, os vindeiros días 29, 30 de setembro e 1 de outubro, estades todos convidados á gran festa do noso barrio; “Máis de 55 anos vivindo o Ensanche”.


Máis información: