11 de novembro de 2018

A nosa gran Festa Vivindo O Ensanche 2018


Venres 21 de setembro de 2018. 
Mesa redonda "Rosalía de Castro no seu barrio natal"
Coa participación de Anxo Angueira, Branca Novoneyra, Juan Lema e Xaquín Mato


Sábado 22 de setembro de 2018
Final do Torneo de Xadrez das Oito Sedes.


Simultáneas co vixente campión galego de xadrez Fernando Sánchez Aller na Praza Roxa



 A Orquestra Pantasma fixo desfrutar a cativos e maiores.




 Non hai festa sen polbeiro!!


 Os máis pequenos xogaron e pasárono en grande 




 Exhibición de Carver Surf Skates a cargo de Core Surfing




 Exhibición de golf a cargo de Hoyo 0





Por último sorteamos 10 cheques de 100€ para mercar nos 48 comercios colaboradores.




13 de setembro de 2018

Vivindo O Ensanche 2018

O día 22 de setembro temos a nosa Festa "Vivindo O Ensanche 2018". Celebramos que somos un barrio cheo de vida porque, se hai algo que fai grande a unha cidade, somos as persoas que nela vivimos e as boas relacións que haxa entre nós.
Ven ao Ensanche e vai "de rúa en rúa". Descubre o que teñen para ti os establecementos colaboradores. Participa no "Torneo de Xadrez das 8 Sedes" ou no Obradoiro de Prensa para Escolares. Asiste á mesa redonda sobre "Rosalía no seu barrio natal" e o sábado 22 achégate á Praza Roxa a disfrutar da música, os xogos populares, a final do Torneo de Xadrez, ás exhibicións deportivas e do polbo á feira. E como traca final...ás 19h asiste ao sorteo de 10 cheques de 100€ para comprar nos establecementos colaboradores. Se queres participar ou ter máis información, escríbenos a: aavvraigame@gmail.com

De "Rúa en Rúa". Visita os establecementos do Ensanche e descubre quen é o persoeiro que lle dá nome á túa rúa. Poderás gañar un cheque de 100€ de compras no Ensanche. O día 22 de setembro ás 19h , na Praza Roxa, sorteamos 10 cheques de 100€ entre todas as persoas que estean presentes ese día e cubriran correctamente o cuestionario de 5 preguntas que poderedes solicitar, dende o luns 17, en todos os establecementos colaboradores. Tamén podedes acceder á na nosa páxina de Facebook e cubrilo on-line a partir do luns 17.  
O coñecemento do teu barrio ten premio. Hai máis de 1.000€ en compras!!!

"Torneo de Xadrez das 8 sedes". Inscríbete en aavvraigame@gmail.com e participa. Gran Final o día 22 de setembro na Praza Roxa.

Esperámoste o día 22 de setembro na Praza Roxa. Haberá música, xogos, exhibicións deportivas e...polbeiro!!!!

4 de setembro de 2018

Visita do Alcalde ás obras da Avd de Vilagarcía

RAIGAME acompañou ao Alcalde Martiño Noriega, ao Concelleiro Rafael Peña e ao técnico municipal durante a visita que realizaron ás obras da Avd de Vilagarcía.
Interesámonos pola situación das obras e poidemos comprobar que transcurrían según o previsto esperando rematen antes do Nadal.
Temos o compromiso que o monolito que conmemora o nacemento de Rosalía de Castro quede fora do peche do parque infantil e poida ser admirado pola veciñanza e persoas que nos visiten.

14 de agosto de 2018

É A ORA DO ENSANCHE

É A ORA DO ENSANCHE

Dende a AVV RAIGAME estamos preocupados polas novas que últimamente están aparecendo na prensa sobre o aparcamento en zona ORA no Ensanche.

Preocúpanos a imaxe que se está a dar do noso barrio e polo dano que esta pode ocasionar ao comercio e servizos do Ensanche.

Entendemos que se trata dunha polémica artificial que pode interesar a empresas privadas con intereses na xestión da ORA pero non á ciudadanía.

O Ensanche dispón de máis dunha decena de parkings privados con numerosas prazas pero con prezos altos. Ben sabemos o beneficio que trouxo a xestión privada dos parkings feitos en terreo público.

Cremos imprescindible a municipalización do servizo da ORA.
Entendemos moi positivo para o comercio e hostalería do Ensanche a rotación das prazas de aparcamento.
Cremos necesario habilitar zonas para aparcamento de longa duración tanto na zona do Campus Sur como na Pontepedriña.

Así mesmo cremos necesario estudar fórmulas que supoñan o abaratamento do servizo ás persoas que traballen no Ensanche, clientes e estudantes.
Agradecemos o esforzo municipal por axudar ao comercio do Ensanche para ofertar descontos nos parkings privados aos clientes que nos visiten, como así foi o compromiso coa asociación de comercio do Ensanche.


AVV RAIGAME

15 de xullo de 2018

Un Futuro para o noso Ensanche

Un futuro para o noso ENSANCHE

Co ánimo de sumar esforzos, a Asociación RAIGAME asume a responsabilidade de dar voz a toda a veciñanza presente no noso barrio para así elaborar un Futuro para todo O Ensanche.

Unha folla de ruta que nos conduza a un barrio no que sentirse ben. Un barrio limpo e saudable. Agarimoso con quen nos visite e no que todas as persoas que nel vivimos e que nel traballamos nos sintamos orgullosas de pertencer a el.

AVV RAIGAME



26 de febreiro de 2018

Aniversario de Rosalía de Castro 2018


Tal e como informamos hai uns días, o pasado sábado 24 de febreiro do 2018, a Asociación de Veciños Raigame celebrou, na céntrica Praza de Vigo, un íntimo acto no que se conmemoraría o nacemento de Rosalía de Castro neste recuncho da cidade e se rendiría unha pequena pero sentida homenaxe a esta nosa ilustre e luminosa musa das letras. Deseguido achéganse o texto íntegro da Asociación de Veciños Raigame e unha pequena mostra fotográfica do acto:

"Din que os ingleses conservan a casa natal de Shakespeare pero aquí estas cousas non se levan. Nin sequera Cervantes tivo esa honra, xa que tivo que conformarse cunha copia. Cando aos nosos governantes lles deron a escoller entre cultura e coches, sempre escolleron a cultura do coche, e se non que lle lo pregunten ao edificio Castromil!!  

Menos mal que aínda temos Catedral e Obradoiro. Ben seguro que a alguén se lle pasou pola cabeza un parking debaixo delas!!!

Hoxe estamos aquí para dar luz sobre un tesouro do noso Ensanche e que tamén forma parte das nosas Raigames. 

Tal día como hoxe, hai 181 anos, aquí naceu Rosalía de Castro -nai da literatura galega- na Casa da Parra do Agro das Barreiras, no recén nacido Concello de Conxo.

Estas son as nosas Raigames, as que debemos cultivar e regar diariamente. Porque xa se sabe o que sucede cando a unha árbore lle cortan as súas Raigames.

Parabéns a toda a cidadanía do Ensanche neste fermoso día de febreiro"



Asociación de Veciños Raigame

Febreiro, 2018





23 de febreiro de 2018

As Raigames do Ensanche

De seguro que o noso barrio do Ensanche non acadaría premio algún de arquitectura e, posiblemente, tampouco de urbanismo. Un arrabalde trazado e feito "a cordel" como diría un coñecido arquitecto picheleiro.

Probablemente foi a mestura explosiva de improvisación e especulación o que deu forma a este barrio no que agora vivimos e traballamos milleiros de persoas. Coma se dun ser vivo se tratara, cos seus anos ao lombo, cos seus achaques e doenzas, tentamos facerlle algunha operación de cirurxía, facerlle algún que outro transplante de tellas e algunha operación de cadeira, xa que moitos non podemos subir escaleiras.

Para milleiros de habitantes a nosa vida está aquí e aquí queremos que siga, polo tanto teremos que facer o que faga falla para que o barrio do Ensanche sexa o Santiago moderno que, xunto coa Compostela histórica, sume unha gran cidade dinámica e chea de vida. Para elo nada mellor que afondar nas nosas Raigames para coller pulo e encarar o futuro. 

Porque, aínda que non o pareza, o Ensanche ten unhas fermosas Raigames que nunca se puxeron en valor. Unha delas é o lugar de nacemento da nosa Nai da literatura galega, aquela que –desde as beiras do Sar- lle cantou ao Cruceiro de Ramírez. Si, estamos a falar de Rosalía de Castro, que naceu un 24 de  febreiro de 1837 nunha casa da Praza de Vigo, daquela era o concello de Conxo,  como así tamén era a maioría da parte baixa do Ensanche. 

Mañá sábado celebramos o aniversario do seu nacemento, e de nós depende que lle demos luz a este gran tesouro que temos no noso barrio.



Asociación de Veciños Raigame

Febreiro, 2018




Máis información:

O acto conmemorativo do Aniversario de Rosalía de Castro celebrarase mañá día 24 de febreiro ás 18:00h na Praza de Vigo. Asistirán, entre outros, Anxo Angueira da Fundación Rosalía de Castro, a Tenente Alcalde María Rozas e o noso Presidente, Xaquín Mato.

16 de febreiro de 2018

Programación do CIAC para o mes de marzo


O Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC) quere darlle a benvida á primavera facendo unha homenaxe ás nosas árbores, a eses seres vivos silenciosos que ademais de froitos, cores e recendos, bríndannos o osíxeno que precisamos para vivir. A programación que vén de presentar o CIAC para este marzal destaca pola celebración do "Día da Árbore" cun obradoiro sobre recoñecemento das árbores para os máis pequenos, seguido dun interesante roteiro interpretativo baixo o lema “Coñecendo as árbores do Parque de Belvís":


Sábado 24 de marzo  |  Celebración do Día da Árbore


      • Ás 11:30h | Obradoiro de Recoñecemento de Árbores: 

Con este obradoiro o CIAC quere transmitir aos pequenos e pequenas da casa a importancia que teñen as árbores para o planeta, en xeral, e para os seres humanos, en particular, e iniciar o seu coñecemento e recoñecemento das diferentes árbores que podemos encontrar en Compostela, concretamente no parque de Belvís. Esta dirixido a nenos e nenas a partires de 6 anos.

Esta actividade é de balde pero é preciso inscribirse. Podelo facer por calquera dos seguinte medios:

      • Ás 16:30h | Roteiro "Coñecendo as árbores do Parque de Belvís":

Os parques das cidades son sen dúbida un aspecto importantísimo para o medio ambiente e a calidade de vida da comunidade, onde se esconden unha grande biodiversidade, na que encontramos  diferentes especies de árbores.  Con este roteiro o CIAC pretende dar a coñecer máis profundamente as diferentes árbores que nos rodean e que vemos todos os días no Parque de Belvís, para saber diferencialas e ser conscientes da súa importancia. Está dirixido a todos os públicos (rapaces e rapazas a partires de 9 anos).

Esta actividade é de balde pero é preciso inscribirse. Podelo facer por calquera dos seguintes medios: