21 de marzo de 2026

SOMBRAS E CONTRADICIÓNS NA CONTESTACION ÁS ALEGACIONS VECIÑAIS PRESENTADAS CONTRA A FUTURA URBANIZACIÓN DO SOLAR DO VELLO COLEXIO PELETEIRO

 

Esta será a última oportunidade de dotar ao Ensanche dos servizos sociocomunitarios que tanto tempo levamos demandando e que durante tanto tempo se nos negaron.

De todas as demandas realizadas, só se nos ofrece un espazo de 900m2 para unha poboación envellecida dun total de 30.000 residentes dos cales a metade están censados neste barrio. Esperábamos que este espazo fose un futuro centro de día pero moito nos tememos que para cando sexa unha realidade xa estea sobresaturado tendo en conta a demanda existente. Tamén sería necesaria unha gardería pública se queremos revitalizar a Zona Nova compostelá.

O Ensanche é o barrio máis densamente poboado da cidade e o que menos dotación social e comunitaria ten en consideración á súa poboación. Un barrio cuxa degradación social e económica resulta cada día máis evidente.

No solar do vello colexio Peleteiro temos a oportunidade de dotarnos de espazos verdes que actúen coma refuxios climáticos para actividades de conciliación familiar e tamén espazos multiusos no que realizar actividades culturais, veciñais e comerciais que axuden a dinamizar social e comercialmente a nosa cidade.

Incluso poderíamos recuperar a actividade cultural que este barrio tivo anos atrás na desmantelada Aula de Cultura da Carreira do Conde.

Todas estas reivindicacións nunca foron atendidas porque a empresa propietaria do solar negouse sempre xa que a presión lucrativa urbanística primaba moito máis que a social.

Agora non debería existir esa presión especulativa xa que, según nos din, o solar pasará a ser propiedade da Empresa Pública de Vivenda CASA 47.

Se isto é así, por que o goberno municipal segue negando as dotacións sociocomunitarias tan necesarias e prefire facer baixos comerciais cando derredor hai tantos baixos pechados?

Por que actuou con alevosía e nocturnidade na tramitación desta modificación urbanística  do PXOM cando os dous anteriores alcaldes sempre quixeron chegar a acordos coa veciñanza?. Incluso a propia alcaldesa Goretti Sanmartín, mentras estaba na oposición, dixo que nunca aprobaría un proxecto sen antes consensualo coa veciñanza, cousa que nunca fixo cando chegou á alcaldía.

O goberno municipal opta por teimar, no fondo, co mesmo proxecto especulativo da anterior empresa. Un proxecto urbanístico aberrante para o Ensanche que insiste nos mesmos volúmes monstruosos e problemas urbanísticos construtivos que tanto se criticaron e que non se aplican noutras partes da cidade nin en ningunha cidade moderna europea.

Un proxecto que implicaría introducir 400 coches máis no aparcamento soterrado do futuro inmoble o que na práctica supón 400 vehículos máis no Ensanche cando o que se persegue coa humanización da rúa Santiago de Chile e outras rúas é reducir o tráfico rodado dentro da cidade e dar alternativas de aparcamento público arredor do barrio. Ou será que as máis de 170 prazas que se prevé eliminar nas rúas veciñas acabarán ofrecéndose no aparcamento soterrado privado no solar de vello colexio Peleteiro?

A día de hoxe o solar aínda non foi transferido á Empresa Pública de Vivenda CASA 47. Por máis que o repita a alcaldesa e a ministra.

Realmente a vivenda pública de promoción privada que se vai construír aquí vai resolver o problema habitacional na nosa cidade?

Hai abundantes modelos residencias públicos moito máis interesantes que se poderían aplicar e que solucionarían máis eficazmente o problema da vivenda.

Se non hai nada que ocultar, por que se optou polo procedemento simplificado na tramitación dun expediente de modificación do PXOM para un proxecto urbanístico de semellante calado?

Son preguntas que esperamos aclarar no contencioso administrativo que a veciñanza do solar interporá próximamente.




19 de marzo de 2026

Proposta de AV Raigame ao anteproxecto de humanización do Ensanche


Dende o noso punto de vista, "humanizar" implica actuar a máis niveis que o estritamente urbanístico. Algo absolutamente necesario no Ensanche compostela. Pero se agora temos que atender ao estritamente urbanístico, temos que dicir que calquera actuación de humanización destes espazos debe contemplar tamén os seguintes puntos:

1) Consideramos necesario realizar un Plan Integral de Mobilidade actualizado da cidade previo a calquera actuación urbanística e de humanización xa que calquera intervención sobre o tráfico rodado nun punto vai repercutir noutros puntos da cidade.

Hai que ter en conta a cantidade de persoas que por mor das políticas urbanísticas aplicadas na nosa cidade nas últimas décadas, esta ocasionara que moitas persoas fixaran a súa residencia nos concellos limítrofes e que por motivos laborais e persoais se desplazan á cidade en vehículo privado ante a ausencia dun transporte urbano e interurbano eficaz.

2) Elaborar un estudo previo da situación actual dos fluxos de tráfico nas rúas Santiago de Chile e Praza de Vigo así como o impacto que a modificación destes fluxos vai ter no tráfico rodado da cidade, do Ensanche, na veciñanza e no comercio local.

Debemos ter en conta cal é a cantidade de vehículos "de paso" que circulan por estas zonas e establecer alternativas viables antes de calquera actuación.

3) Ante a eliminación proposta de 170 prazas de aparcamento, consideramos necesaria a municipalizacion previa dos aparcamentos soterrados de propiedade municipal da Praza de Vigo e Praza de Galicia así como a realización das obras necesarias para adecualos ás demandas de accesibilidade actuais.

Tamén cremos necesario o establecementos de convenios co aparcamento de propiedade municipal da rúa de Romero Donallo coa fin de que permita o aparcamento da veciñanza empadroada que non dispón de praza privadas nos seus edificios, das persoas traballadoras e da clientela.

4) Supresión inmediata da parada provisional dos autobuses interurbanos existente na rúa de A Rosa que dificultan e colapsan o tráfico nesta zona e supoñen un serio inconvinte á veciñanza dos primeiros portais.

5) No canto do anteproxecto anunciado, propoñemos que, si ben se amplíen as beirarrúas da rúa Santiago de Chile a conta do espazo hoxe destinado a aparcamento, se eliminen as barreiras arquitectónicas, se dote a rúa de máis espazos verdes e os cruces sexan de preferencia peonil, tamén se dispoña de dous carrís de circulación onde un deles sexa destinado a carril de servizo para zonas de carga e descarga, paradas de autobús urbano e aparcamento exprés para pasar a zona de aparcamento nocturno a partires das 20:30.

É necesario que se consideren as beirarrúas coma refuxios climáticos que fagan agradable o tránsito peonil evitando os excesos de formigón e asfalto.  

Tamén sería moi importante considerar que a beirarrúa sexa maiormente para as persoas regulando eficazmente a superficie ocupada por terrazas.

6) A proposta de colectores de lixo en superficie non nos parece a mellor solución dados os problemas contínuos de insalubridade que padecemos debido aos desbordes contínuos dos colectores existentes na actualidade. Calquera que sexa a solución debería levar consigo un control máis eficaz dos desbordes.

7) Propoñemos unha intervención artística e urbanística na Praza de Vigo que dignifique o lugar de nacemento de Rosalía de Castro. Dita proposta foi realizada hai 2 anos conxuntamente por AV RAIGAME e a Fundación Rosalía de Castro sen que ata o momento tivéramos resposta nin se contemplara no anteproxecto proposto.

Consideramos necesario manter a circulación por Santiago de Chile e Avd de Vilagarcia podendo ampliar a Praza cara ao norte.

10 de marzo de 2026

Campaña por unha Compostela limpa

 



Dende AV Raigame iniciamos unha campaña de concienciación animando á veciñanza a depositar as bolsas de lixo no interior dos colectores e evitar así os desbordes que se teñen observado de cotio en moitos puntos da Zona Nova. 


Animámosvos a imprimir e pegar estes carteis nos bozóns dos colectores da vosa rúa.


Hai dúas semanas que están colocados e xa deron os seus froitos


A iniciativa xa foi comunicada ao Concello











2 de marzo de 2026

Os problemas seguen cos negocios de ocio nocturno.

O ocio nocturno e o tráfico de drogas son dous dos problemas cos que temos que vivir e non durmir no Ensanche compostelán.

En relación aos problemas xerados fóra e dentro dos negocios de ocio nocturno temos que lamentar dous novos incicentes na madrugada deste sábado 28 de febreiro, un no Makumba e outro no interior de La Grandota.

Stilo, TNT, Gabanna, Circus, Moon, Bodegón Latino, The Capital, Vanitas, Makumba, La Taquilla, Sosa, La Grandota, Blaster, Maycar, O de Sempre...

Quince negocios de ocio nocturno nunha zona residencial que supoñen máis gastos á cidadanía que beneficios.

Custo policiais, custos sanitarios, custos de reposición do mobiliario urbano, custo do servizo de limpeza...

Por que o Concello e os partidos políticos da nosa corporación non queren poñer solución a este problema?

Outras cidades universitarias máis civilizadas ca nosa puxeron remedio a esta situación adiantando o horario de peche ás 4 da madrugada. Porque é a partires desta hora cando acontecen a gran maioría dos problemas, cando os clientes xa están sobrepasados de alcohol e drogas.

Exiximos ao Concello e á nosa corporación municipal:

1) Que faga cumprir as ordenanzas municipais no tocante a licenzas, aforos, horarios e limitadores de son.
2) O peche definitivo dos "afters" con licenza de bar: Stilo e TNT
3) O adianto de dúas horas dos negocios de ocio nocturno en zonas residencias. No caso das discotecas sería ás 4 da madrugada no canto das 6.

Da mesma maneira, exiximos á Xunta de Galicia que adiante en dúas horas o horario dos negocios de ocio nocturno en zonas residencias en Galicia. Equiparándonos a outra autonomías que xa o fixeron para así protexer á veciñanza e ao comercio local.