18 de decembro de 2016

Este Nadal agardámosvos no Ensanche!



Veciños e comerciantes do Ensanche, froito do esforzo e da colaboración entre a AAVV Raigame e Santiago Centro Área Comercial, estamos a unir forzas a prol de engalanar e dinamizar o noso barrio nestas datas de Nadal. Algunhas das moitas actividades que estivemos a artellar para celebrar por todo o alto este Nadal 2016 -2017, son as que se resumen a continuación:

  • Decoración propia - completando a iluminación do Concello - de comercios e rúas. Podedes votar a que máis vos guste a través da seguinte páxina de Facebook: “Nadal no Ensanche”
  • Actividades diversas: desde talleres, xogos, exposicións nunha carpa na Praza Roxa, ata actuacións sorpresa...
  • Premio por mercar no Ensanche! Con cada compra, os comercios entregarán unha rifa para o sorteo dunha espectacular Cesta de Nadal -exposta no nº 20 da rúa da Rosa-, que faremos o mércores 4 de xaneiro..., as rifas son de balde! 


O Ensanche é atractivo, é céntrico, é próximo, capaz de competir coas grandes áreas comerciais. É un comercio xusto e de cercanía onde nunca falta a atención personalizada, a orientación desinteresada e onde a calidade é a mellor das garantías. 

Este Nadal agardámosvos no Ensanche!



Máis información:


26 de setembro de 2016

Festa dos "Máis de 55 anos vivindo o Ensanche"


Logo duns cantos meses de duro traballo organizativo en colaboración coa Fundación Santiago Centro, Panxea Comercio Xusto, EmRede, Santiago Futsal e o Concello de Santiago, comprácenos convidarvos a unha gran festa que celebraremos o vindeiro sábado día 1 de Outubro nas diferentes rúas do noso barrio; os 56 anos de vida do Ensanche compostelán. 

Para conmemorar este 56º aniversario do noso barrio, temos preparada unha gran festa ateigada de música e de actividades para os máis grandes e pequenos da casa. A música correrá a cargo de Nastasia Zurcher, Dani Barreiro e Cantata Vernácula. Celebraranse torneos de xadrez, de baloncesto infantil e xuvenil 3x3, un taller de prensa para maiores de 11 anos, así como diversos xogos populares. Como en toda boa festa que se prece, tamén haberá pasarrúas e unha polbeira na Praza Roxa.

Ca fin de que o comercio do noso barrio teña tamén o seu oco neste aniversario, numerosos establecementos ofrecerán promocións especiais aos seus clientes. Os establecementos que ofrecerán estas promocións terán na entrada do comercio un globo verde para indicalo. Ao remate da feira do comercio sortearanse máis de 50 agasallos doados por varios establecementos da cidade.

Así que xa sabedes, o vindeiro 1 de Outubro estades todos convidados á gran festa do noso barrio; “Máis de 55 anos vivindo o Ensanche”



Máis información:


5 de maio de 2016

ART&ECO, dous mercados simultáneos nas Festas da Ascensión 2016

Imaxe: arteeco.es

Este ano, co gallo das Festas da Ascensión 2016, os veciños de Santiago e da súa comarca, así como os moitos visitantes que por estas datas se achegan á capital, terán a oportunidade de gozar coas moitas actividades que xa se están a desenrolar polas rúas da cidade e que se suman á xa tradicional e variada oferta de ocio que de por si brindan estas festas.
Desta volta, dende a Asociación Veciñal Raigame queremos apoiar e compartir con todos vós as diferentes iniciativas privadas, coa colaboración municipal, que se levarán a cabo nas rúas do Ensanche dende o día 5 até o día 8 do presente mes de maio con motivo do Mercado ART&ECO. Este evento, promovido pola Fundación Santiago Centro Área Comercial en colaboración coa APEGA e coa Cesta da Saúde, trata de aunar simultaneamente dous mercados diferentes; unha Mostra de Artesanía e unha Feira Ecolóxica Labrega.
 
Así pois, animámosvos a que entredes na páxina do Mercado ART&ECO, onde poderedes atopar toda a información necesaria referente a este evento, premendo na seguinte ligazón:
 
Boas Festas da Ascensión 2016 para tod@s!

23 de marzo de 2016

Excursión á Pobra de Sanabria

A Rede Municipal de Centros Socioculturais está a organizar unha excursión á Pobra de Sanabria, prevista para o vindeiro domingo 10 de abril do presente 2016, que consistirá nun roteiro por esta histórica vila zamorana, a visita ó Castelo dos Condes de Benavente e ó Museo de xigantes e cabezudos, así como a posterior visita ó Parque Natural do Lago de Sanabria.
O prezo da excursión, que inclúe a viaxe, o seguro, as entradas, un guía e un xantar concertado nun local da zona, é de 27 euros por persoa. Dende Raigame queremos potenciar esta actividade dado o seu grande interese e valía.
Así pois, toda a información referente a esta excursión está dispoñible na seguinte ligazón:
Lembrade que o prazo para a inscrición nos CSC remata o vindeiro día 29 do presente mes de marzo!

7 de febreiro de 2016

O Concello instala unha caseta de información das obras de Montero Ríos


Dende a Asociación de Veciñ@s Raigame queremos informar á veciñanza de que, con motivo das obras de humanización que se están a levar a cabo na Rúa Montero Ríos, o Servizo de Proxectos e Obras do Concello de Santiago instalou unha caseta de información na Costa da Camelia que pretende ser un punto de atención ós veciños do Ensanche.
Así pois, tódolos veciños que precisen información ou desexen aclarar dúbidas no referente ás obras que se están a desenrolar nesta rúa, poderán achegarse até a citada caseta solicitando previamente a súa cita a través do teléfono 654 333 100, de luns a venres en horario de 10:00 a 13:00 e de 17:00 a 19:00 horas, ou a través da seguinte conta de correo electrónico: monterorios@xestionambiental.com

18 de xaneiro de 2016

Comezan as obras en Montero Ríos

Hoxe luns, día 18 de xaneiro do 2016, deron comezo as obras na Rúa Montero Ríos, e fixérono na intersección onde se xuntan a Rúa Nova de Abaixo, a Rapa da Folla e Montero Ríos, polo que o tráfico procedente da Rúa Nova de Abaixo deberá xirar obrigatoriamente á esquerda, cara a rúa Rosalía Castro.
 
Os teléfonos de interese son os que se citan deseguido:
  1. Concello de Santiago: 981 54 31 28 (Atención Cidadá) |  981 54 24 22 (Obras e Proxectos)
  2. Empresa Adxudicataria: 986 48 08 05
 
 
Máis información nas seguintes ligazóns: