28 de setembro de 2017

O Alcalde presenta o cartel da terceira edición dos "Máis de 55 anos vivindo o Ensanche"

Presentación da programación das Festas do Ensanche no Pazo de Raxoi.
Foto: santiagodecompostela.gal 

O Alcalde de Santiago, Martiño Noriega, acompañado do noso Presidente de Raigame, Xaquín Mato; do Secretario de Santiago Centro, Delmiro Prieto e da Presidenta de Em-Rede, Eva López; vén de facer pública a programación da terceira edición das nosas festas; os “Máis de 55 anos vivindo o Ensanche”. No acto de presentación, que tería lugar onte día 26 de setembro no Pazo de Raxoi, o Alcalde amosaría a súa satisfacción pola consolidación da festa e remarcaría a importancia do traballo colectivo. Segundo Noriega, "un barrio organizado e os seus representantes traballando da man do Concello é unha garantía de éxito".

De esquerda a dereita; Xaquín Mato, Eva López, Delmiro Prieto e o Alcalde de Santiago, Martiño Noriega. 
Foto: santiagodecompostela.gal 

A Presidenta de Em-Rede, Eva López, en referencia á celebración da III Festa do Comercio, destacou que este ano "foi preciso ampliar o número de postos previsto”, confirmándose un total de 40 establecementos. Aqueles adicados ó textil, ós complementos ou á zapatería, exhibirán unha pequena mostra dos seus produtos no desfile “Moda a pé de rúa”, que se celebrará o venres 29 ás 19:00 h na Praza Roxa. 

Pola súa parte, Delmiro Prieto, anunciaría tamén a celebración dunha Marcha Ciclista que sairá o domingo día 1 de outubro da Praza Roxa e que promote consolidarse na programación das nosas festas. Segundo o Secretario de Santiago Centro, o tecido asociativo do Ensanche "quere ser partícipe do compromiso con outro modelo de mobilidade” e que esta nova actividade "sirva para concienciar aos condutores, pero tamén aos ciclistas, de cales deben ser as súas prácticas nas rúas para conseguir unha circulación máis segura".


Dende Raigame desexamos que todo este esforzo colectivo, tal e como tivo a ben sinalar o Alcalde, remate por ser“unha garantía de éxito”. Por terceiro ano consecutivo, desexámosvos a tod@s unhas boas Festas do Ensanche!



Máis información:

Ningún comentario: