26 de febreiro de 2018

Aniversario de Rosalía de Castro 2018


Tal e como informamos hai uns días, o pasado sábado 24 de febreiro do 2018, a Asociación de Veciños Raigame celebrou, na céntrica Praza de Vigo, un íntimo acto no que se conmemoraría o nacemento de Rosalía de Castro neste recuncho da cidade e se rendiría unha pequena pero sentida homenaxe a esta nosa ilustre e luminosa musa das letras. Deseguido achéganse o texto íntegro da Asociación de Veciños Raigame e unha pequena mostra fotográfica do acto:

"Din que os ingleses conservan a casa natal de Shakespeare pero aquí estas cousas non se levan. Nin sequera Cervantes tivo esa honra, xa que tivo que conformarse cunha copia. Cando aos nosos governantes lles deron a escoller entre cultura e coches, sempre escolleron a cultura do coche, e se non que lle lo pregunten ao edificio Castromil!!  

Menos mal que aínda temos Catedral e Obradoiro. Ben seguro que a alguén se lle pasou pola cabeza un parking debaixo delas!!!

Hoxe estamos aquí para dar luz sobre un tesouro do noso Ensanche e que tamén forma parte das nosas Raigames. 

Tal día como hoxe, hai 181 anos, aquí naceu Rosalía de Castro -nai da literatura galega- na Casa da Parra do Agro das Barreiras, no recén nacido Concello de Conxo.

Estas son as nosas Raigames, as que debemos cultivar e regar diariamente. Porque xa se sabe o que sucede cando a unha árbore lle cortan as súas Raigames.

Parabéns a toda a cidadanía do Ensanche neste fermoso día de febreiro"



Asociación de Veciños Raigame

Febreiro, 2018





Ningún comentario: