20 de decembro de 2022

ECLIPSE VECIÑAL COAS SOMBRAS DE BUGALLO


Temos que recoñecer que todas e todos estamos cansos, uns máis que outros, pero todos estamos fartos desta situación. Ano tras ano, reunión tras reunión, plano tras plano...nin que fora unha carreira a ver quen se cansa antes e se rinde aceptando calquera cousa con tal de rematar con esta situación.

Pero non debemos esquecer que hoxe ese solar estaría en plena construción se non fose polo que aconteceu hai 4 anos e o seu responsable está hoxe de alcalde.

Daquela había consenso coa anterior propietaria do antigo solar de Peleteiro, había consenso co tecido asociativo e coa veciñanza pero o Sr. Bugallo o impediu e agora nolo pon outra vez enriba da mesa sen consenso coa propiedade (iso é o que nos quere facer crer) e sen consenso coa veciñanza coa inseguridade xurídica que iso supón.

Esta situación só se pode entender dende un conflito de intereses; por unha banda os intereses especulativos dun fondo de inversión que quere o máximo rendemento posible a costa do que sexa. Doutra, os intereses lexítimos da veciñanza que non está disposta a que lle quiten o sol para llo dar aos especuladores para que así poidan vender mellor e máis caros os pisos.

Os servizos técnicos municipais recoñeceron a súa incapacidade para dar cunha solución que contente a todas as partes. Os nosos técnicos sí que atoparon solucións pero foron rexeitadas por non ser do agrado dos propietarios. Estas solucións serían perfectamente rendibles pero para os especuladores todo é pouco. Polo tanto, a responsabilidade agora é dos nosos representantes municipais.

Ante esta situación, entendemos que o papel dun político honesto e comprometido coa cidade e coa súa cidadanía é estar do lado das súas veciñas e veciños.

Chegados a esta situación na que, parece ser, non se conta co visto e prace da propiedade:

  •  Que lle impide ao goberno municipal aceptar a demanda veciñal? 
E se realmente conta coa oposición da propiedade, a seguridade xurídica está moi cuestionada:

  • Que garantías temos de que este proxecto que se nos presenta teña posibilidades de            execución?

Porque na “Documentación para a aprobación inicial” apreciamos erros graves xa que na “Memoria xustificativa” faise referencia a outro proxecto distinto que non é o que se vai levar ao Pleno Municipal do día 21. Por elo, sospeitamos que o proxecto que se vai presentar non conta con todos os informes preceptivos que debería. Motivo máis que suficiente para impugnala tanto no momento da exposición pública como despois nos tribunais.

A Zona Nova e a nosa cidade merecen un proxecto mellor e a altura dos tempos para o solar do antigo colexio Peleteiro. 

Por todo elo, as veciñas e veciños da Plataforma Veciñal e da Asociación Veciñal RAIGAME pedímoslles aos nosos representantes só unha cousa:

Que non permitan que nos quiten o sol para llo dar a un fondo de inversión americano.

Que non permitan unha inxustiza. Que non acepten ningunha proposta que prexudique ás veciñas e veciños que levamos vivindo aquí hai máis de 50 anos.

Ningún comentario: