27 de novembro de 2023

Convivir sen contaminación acústica

Dende as asociacións veciñais Fonseca, Río Sarela e Raigame convidámosvos a unha reunión informativa o MÉRCORES 29 ás 20:00 horas no salón de actos do Instituto Rosalía de Castro, coa veciñanza e as asociacións veciñais compostelás para ver de como abordar os problemas derivados da contaminación acústica debida, principalmente, ao ocio nocturno e que veñen de moito tempo atrás afectando á nosa saúde, ao noso descanso nocturno e que está a provocar a expulsión das veciñas e veciños afectados, coa conseguinte perda de poboación e abandono de pisos e edificios

Quixéramos que a vosa asociación poidera asistir para ver os problemas de cada barrio en canto á contaminación acústica e ver como podemos afrontalo de forma conxunta para unha mellor convivencia.

Temos convidado a participar nesta reunión á Policía Local e á Policía Nacional de Santiago de Compostela.

Os obxectivos da presenza dos responsables dos dous corpos de Policía son para mellorar o coñecemento da veciñanza sobre:

1) As competencias de cada corpo ao respecto da contaminación acústica dentro dos edificios e mais na rúa.

2) Os medios de control das emisións sonoras contaminantes coas que conta cada un dos corpos policiais.

3) Persoal e medidas de control de emisións de ruído esixibles aos locais do ocio nocturno e a hostalaría.

4) As competencias sobre o control dos aforos dos locais do ocio nocturno.

En función da experiencia de ambos os dous corpos policiais, darnos pautas de actuación para acadar resultados positivos na loita contra desta Contaminación Acústica.


Por todo elo, gostaríanos contar coa vosa presenza.

Ningún comentario: