20 de outubro de 2025

 

VIOLENCIA, DROGAS E ALCOHOL NA ZONA NOVA COMPOSTELÁ

Un problema social en aumento

 

Coma resumo do tratado e acordado na reunión veciñal do pasado luns día 13 de outubro, temos que dicir que constatamos coma se está contaxiando por toda a cidade un modelo de negocio de ocio nocturno onde uns poucos empresarios sen escrúpulos fan da rúa unha extensión gratuíta dos seus locais a onde botar aos violentos e onde o trapicheo de drogas faise sen que ninguén llelo impida. E isto faise ás portas destes locais e ata ben entrada a mañá e a plena luz do día.

Temos comprobado que menos do 2% do sector da hostalería causa o 98% das queixas veciñais. Un sector que na súa maioría cumpre a legalidade e cuxa reputación é manchada por unha minoría de empresarios neglixentes do negocio do ocio que actúan ao marxe da legalidade atentando contra os dereitos fundamentais da veciñanza, cousa penalmente punible.

Observamos como a partires das 4 da mañá, debido á mestura de alcohol e drogas, o nivel de violencia é extremo e os donos destes locais do negocio do ocio nocturno botan aos violentos á rúa onde teñen lugar as pelexas, os acoitelamentos e incluso a violencia contra as mulleres.

Só hai que ver a prensa dos dous últimos anos para darse conta que isto vai en aumento.

Este modelo de negocio conflitivo fixo que arredor destes locais crecera unha serie de negocios turbios que se aproveitan deste público alcolizado e drogado. Estamos a falar do tráfico de drogas.

Despois veñen os roubos a comercios por parte dos drogodependentes que necesitan diñeiro para consumir chegando a agredir incluso a veciños e comerciantes que na maioría dos casos non presentan denuncia por medo a represalias.

Por exemplo, no n°5 da rúa Santiago de Chile, hai un piso de traficantes e os veciños viven aterrados porque reciben ameazas para silencialos. Un tráfico de drogas que aumentou moito na Zona Nova nos últimos meses despois de que a presión social do Barrio de Santa Marta obrigara á intervención policial sobre dous pisos de traficantes e a distribución de drogas se trasladara ao noso.

O custo social e económico é moi grande. Custo social porque a percepción de inseguridade na que vive a veciñanza é cada vez maior e o medo vaise impoñendo.

O custo económico é enorme para a nosa cidade con propiedades que poden perder o seu valor ante o declive comercial e residencial desta zona da cidade.

  

RECOMENDACIÓNS E EXIXENCIAS:

 

  • Á veciñanza pedímoslle que visibilice as pelexas, apuñalamentos e o trapicheo de drogas. Que grave vídeos e os comparta con nós e cos seus amigos e achegados. Porque un problema que non se visibiliza non existe.

  • Aquelas persoas que sufren os ruídos de locais do negocio do ocio nocturno ou de pisos ruidosos, recomendámoslles que presenten denuncia por escrito ante o departamento de Disciplina Urbanística do Concello: https://sede.santiagodecompostela.gal/sta/CarpetaPublic/doEvent?APP_CODE=STA&PAGE_CODE=CATALOGO&DETALLE=6269000926179400599500&lang=ES

  • Aquelas persoas que teñen informes médicos que avalen a súa situación por non poder durmir, ou pola ansiedade que lles provoca vivir en condicións de inseguridade continúa, que actúen penalmente contra os causantes, sexan pisos ou locais de negocio do ocio nocturno. Trátase dunha vulneración dun dereito fundental e como tal é penalmente punible. Este custo pode estar cuberto polo seguro de vivenda que se teña contratado. Aquel dereito que non se defende nos tribunais non existe.

 

  • Aquelas Comunidades de Propietarios que sufren problemas de convivencia, recomendarlles que actúen legalmente contra aqueles pisos e locais de negocio de ocio que alteren a convivencia. É un dereito contemplado na Ley de División Horizontal. Este custo procesal pode estar cuberto polo seguro de responsabilidade civil que toda Comunidade ten contratado.

 

  • Ao Concello de Santiago e á súa alcaldesa exixímoslle que faga cumprir inmediatamente as Ordenanzas Municipais en materia de horarios, licenzas e sonómetros dos locais de negocio do ocio nocturno na nosa cidade e clausure os afters que están exercendo con licenza de bar en Santiago de Chile e Fernando III O Santo.

        Que adiante en 2 horas o peche de pubs e discotecas da nosa cidade, cousa que acaba         de facer recentemente os Concellos de Lugo e Coruña para protexer o descanso da                veciñanza.

 

  • Ao Goberno da Xunta de Galicia e á Consellería competente que adapte a normativa de horarios dos negocios do ocio nocturno á da Unión Europea e se inspire  na normativa actualmente en vigor no País Vasco.

 

  • Á Policía Local que actúe con dilixencia e non responda con desprezo cando reciba as chamadas da veciñanza molesta polo ruídos xenerados en pisos e locais de negocio de ocio. Ou cando se altere a orde na rúa con pelexas e consumo de drogas e alcohol na vía pública. 

 

  • Á Policía Nacional e ao Delegación do Goberno que actúe contundente e coordinadamente contra o narcotráfico crecente que impera con aparente impunidade para evitar que as actuacións puntuais trasladen o problema a outras zonas da cidade.

Ningún comentario: