21 de marzo de 2026

SOMBRAS E CONTRADICIÓNS NA CONTESTACION ÁS ALEGACIONS VECIÑAIS PRESENTADAS CONTRA A FUTURA URBANIZACIÓN DO SOLAR DO VELLO COLEXIO PELETEIRO

 

Esta será a última oportunidade de dotar ao Ensanche dos servizos sociocomunitarios que tanto tempo levamos demandando e que durante tanto tempo se nos negaron.

De todas as demandas realizadas, só se nos ofrece un espazo de 900m2 para unha poboación envellecida dun total de 30.000 residentes dos cales a metade están censados neste barrio. Esperábamos que este espazo fose un futuro centro de día pero moito nos tememos que para cando sexa unha realidade xa estea sobresaturado tendo en conta a demanda existente. Tamén sería necesaria unha gardería pública se queremos revitalizar a Zona Nova compostelá.

O Ensanche é o barrio máis densamente poboado da cidade e o que menos dotación social e comunitaria ten en consideración á súa poboación. Un barrio cuxa degradación social e económica resulta cada día máis evidente.

No solar do vello colexio Peleteiro temos a oportunidade de dotarnos de espazos verdes que actúen coma refuxios climáticos para actividades de conciliación familiar e tamén espazos multiusos no que realizar actividades culturais, veciñais e comerciais que axuden a dinamizar social e comercialmente a nosa cidade.

Incluso poderíamos recuperar a actividade cultural que este barrio tivo anos atrás na desmantelada Aula de Cultura da Carreira do Conde.

Todas estas reivindicacións nunca foron atendidas porque a empresa propietaria do solar negouse sempre xa que a presión lucrativa urbanística primaba moito máis que a social.

Agora non debería existir esa presión especulativa xa que, según nos din, o solar pasará a ser propiedade da Empresa Pública de Vivenda CASA 47.

Se isto é así, por que o goberno municipal segue negando as dotacións sociocomunitarias tan necesarias e prefire facer baixos comerciais cando derredor hai tantos baixos pechados?

Por que actuou con alevosía e nocturnidade na tramitación desta modificación urbanística  do PXOM cando os dous anteriores alcaldes sempre quixeron chegar a acordos coa veciñanza?. Incluso a propia alcaldesa Goretti Sanmartín, mentras estaba na oposición, dixo que nunca aprobaría un proxecto sen antes consensualo coa veciñanza, cousa que nunca fixo cando chegou á alcaldía.

O goberno municipal opta por teimar, no fondo, co mesmo proxecto especulativo da anterior empresa. Un proxecto urbanístico aberrante para o Ensanche que insiste nos mesmos volúmes monstruosos e problemas urbanísticos construtivos que tanto se criticaron e que non se aplican noutras partes da cidade nin en ningunha cidade moderna europea.

Un proxecto que implicaría introducir 400 coches máis no aparcamento soterrado do futuro inmoble o que na práctica supón 400 vehículos máis no Ensanche cando o que se persegue coa humanización da rúa Santiago de Chile e outras rúas é reducir o tráfico rodado dentro da cidade e dar alternativas de aparcamento público arredor do barrio. Ou será que as máis de 170 prazas que se prevé eliminar nas rúas veciñas acabarán ofrecéndose no aparcamento soterrado privado no solar de vello colexio Peleteiro?

A día de hoxe o solar aínda non foi transferido á Empresa Pública de Vivenda CASA 47. Por máis que o repita a alcaldesa e a ministra.

Realmente a vivenda pública de promoción privada que se vai construír aquí vai resolver o problema habitacional na nosa cidade?

Hai abundantes modelos residencias públicos moito máis interesantes que se poderían aplicar e que solucionarían máis eficazmente o problema da vivenda.

Se non hai nada que ocultar, por que se optou polo procedemento simplificado na tramitación dun expediente de modificación do PXOM para un proxecto urbanístico de semellante calado?

Son preguntas que esperamos aclarar no contencioso administrativo que a veciñanza do solar interporá próximamente.




Ningún comentario: