As Asociacións Veciñais de Santiago de Compostela abaixo asinantes manifestan:
1. Que a auga é un recurso esencial para a vida humana e o planeta.
2. Que o acceso á auga e ao saneamento foi declarado pola ONU no ano 2010 como un dereito humano e polo tanto os poderes públicos deben garantir a universalidade e accesibilidade a este recurso para toda persoa con independencia da súa situación económica e do lugar onde viva, evitando a falla de subministro por motivos económicos ou sociais.
3. Como servizo esencial debería quedar á marxe de calquera operación de especulación. Debe responder a parámetros de sustentabilidade ambiental e debe ser prestado de forma eficaz, garantindo, ao mesmo tempo, que os beneficios da actividade retornen á sociedade, para mellorar o servizo e mellorar a calidade da auga que se devolve ao medio ambiente.
4. Que a auga é tamén un elemento fundamental para o desenvolvemento económico e social e fonte de enerxía para as actividades humanas.
5. Que a xestión da auga no noso municipio leva en mans privadas desde 1971, estando o actual contrato vixente desde 1985 con sucesivas prórrogas. A xestión e a súa falta de control por parte do Concello de Santiago foi cuestionada nun informe do Consello de Contas de Galicia xa no ano 2003. En dito informe cuestionábanse, fundamentalmente, as sucesivas prórrogas outorgadas a empresa concesionaria. Por todo elo, solicitamos unha auditoría externa imparcial sobre a xestión da auga en Santiago de Compostela.
6. Que despois de todo este tempo, o déficit de infraestruturas de abastecemento e saneamento é moi elevado así como a ausencia de adaptación á normativa europea. É de destacar a falta de servizos no rural e a necesidade de mellora das poucas que existen. Urxe avaliar e facerlle fronte a necesidade de renovación da rede de subministro e saneamento en moitos barrios e parroquias cun duplo obxectivo; que chegue a todos os núcleos poboacionais do concello, xa todos temos os mesmos dereitos, e que tamén permita unha mellora na calidade da auga e unha redución do impacto ambiental.
7. Que o tecido asociativo veciñal de Santiago como elemento vivo e con capacidade de pulsar o sentir e necesidades de Compostela, quere contribuír á reflexión e a busca de solucións para aqueles retos que debemos afrontar colectivamente.
En base a todo o anterior, consideramos urxente unha reflexión pública e transparente coa cidadanía sobre o modelo de xestión, discusión que, por outra parte, estase a facer en moitos outros lugares.
Entendemos que debemos debatir abertamente sobre a conveniencia ou non de que a xestión do servizo integral da auga en Santiago de Compostela continúe en mans privadas ou se deberíamos camiñar cara a un modelo de xestión pública da auga, antes de hipotecar por outros 25 anos máis, e ata 400 millóns de euros,ao Concello e a súa veciñanza.
Por todo o anterior solicitamos ao goberno municipal, e a todas as forzas políticas con representación no Concello de Santiago, que se articule e abra este debate para que se poida escoitar a voz dos composteláns.
Compostela, 30 maio de 2021
Asinantes :
FERUSA ( Federación de asociacións veciñais do rural de Santiago )
AV A Xuntanza
AV Santa Marta –Choupana
AV Casco Histórico
AV Raigame
AV de Coira
AV Camiño de Santiago de Bando
AV Alvaro Cunqueiro
AV Fonseca
AV Rego das Pedras de Marantes
AV do Castiñeiriño
AV As Marías
AV Plataforma de Galeras
AV Casa Agraria
AV Monte do Gozo de San Lázaro e Amio
AV Espazo Veciñal de Sar
AV de Enfesta
AV Conxo Aberto
AV Monte de Deus de Vite
Ningún comentario:
Publicar un comentario