Dende a Asociación Veciñal RAIGAME manifestamos que os acontecementos de violencia padecidos recentemente que se saldaron co falecemento dun menor e outro gravemente ferido poñen de manifesto un nivel de agresividade na sociedade en xeral e particularmente na mocidade moi preocupante ante o cal os responsables políticos e policiais deben actuar inmediatamente.
Observamos tamén un aumento considerable do tráfico de drogas nesta zona co seu consumo e menudeo a plena luz do día como o observado actualmente nas rúas do Ensanche.
Tamén chama a atención a incautación de droga hai poucas semanas durante o Nadal nunha redada na que interviñeron antidisturbios a primeira hora da mañá e relacionado con pisos de prostitución.
Droga e violencia son cousas que van da man como ben sabemos e padecemos hai anos nesta cidade.
Para os que amamos esta cidade é doloroso facer público estes feitos pero entendemos que é necesario para poder poñerlle solución.
Como primeira medida disuasoria solicitamos a presencia policial nos puntos conflitivos da Zona Nova entre as 5 e as 9 da mañá así como a súa presencia na Zona Nova durante o resto do día.
A posta en servizo da prometida Policía de Barrio de xeito inmediato.
A creación dunha comisión municipal interdisciplinar na que estean presentes todos os grupos municipais, policía, técnicos e a Universidade de Santiago a fin de realizar un diagnóstico correcto do que está a acontecer e establecer así as súas causas para despois poder actuar coas medidas adecuadas.
Solicitar a intervención dos servizos sociais municipais para que se preocupen pola situación dos xoves que se concentran en determinados puntos da cidade para evitar que sexan vítimas das drogas.
Comunicar tamén que hoxe mércores tivemos unha reunión co Concelleiro de Seguridade na que estaban presentes tamén representantes policiais.
Lamentamos o comportamento e a actitude vehemente do Concelleiro Gonzalo Muíños con reproches continuos, negándose a contestar ás nosas preguntas e limitándose a dicir que “habería presencia policial” para despois levantarse da mesa de reunións antes de que puidéramos formular todas as nosas preguntas. Consideramos que tal actitude é impropia do cargo que ocupa.
AV RAIGAME
En Santiago de Compostela, a 12 de xaneiro de 2023
Ningún comentario:
Publicar un comentario