26 de decembro de 2025

Conto de Nadal dende a eterna Zona Nova compostelá


Seguramente non será doado crer o que vos vou contar, a non ser que sexades de andar de festa máis aló das 4 da madrugada ou residades nalgún dos 11 puntos negros da miña xeografía

Sexa coma for, todo o que aquí vos conto está nas hemerotecas da prensa local.

A pesar de ter cumpridos xa os 65 anos e de que o 24% da miña poboación supera esta idade, sigo sendo nova porque a miña poboación segue a ser nova, na súa maioría.

Nacín co Babyboom dos anos 60, un pouco ás présas coma así reflexa a calidade das miñas construcións.

Aquí investiron os seus aforros moitos emigrantes das comarcas limítrofes a Compostela cando comezaba a estar de moda investir en cemento. Moda que nunca cesou.

Aquí tamén comezaron vivindo os seus soños moitos de aqueles 40000 estudantes universitarios que axudaron a crear o ambiente xuvenil e de negocios de ocio nocturno arredor desta poboación flotante que durante os meses de verán voltaban aos seus fogares familiares para regresar co inicio do curso académico e no que, en moitos casos, reservaban os pisos dun curso para outro.

Pasei unha mala época coa circulación da heroína polas miñas rúas. Corrían os loucos anos 80 e a droga fixo anacos moitos de aqueles soños xuvenís. Pero foi a presión veciñal da rúa Nova de Abaixo e as súas protestas veciñais as que fixeron posible o nacemento da Asociación Veciñal RAIGAME. Daquela convulsa época foi tamén a creación da bridada nocturna da policía local para frear os graves problemas de inseguridade cos que tivemos que convivir naquela época.

Foron pasando os anos e aqueles pisos foron envellecendo xunto cos seus edificios e cuxos propietarios non os foron reformando coa velocidade que as novas xeracións demandaban, o que fixo que moitos universitarios foran buscando outras residencias fóra da Zona Nova. Pisos novos en Conxo, no Castiñeiriño ou en Santa Marta. Incluso moitos teñen que buscar agora piso no veciño concello de Ames ante a falta de oferta de aluguer estudantil. Á pouca oferta temos que sumarlle tamén o elevado prezo dos alugueiros e o aumento dos pisos turísticos cunha rendibilidade máis alta  que o uso residencial de media ou longa duración, o que fai que teñamos maís de 1000 pisos turísticos na cidade.

Nos últimos anos vivimos a chegada dunha nova poboación extranxeira para quen a Zona Nova resultou máis acaída que outras ao ter pisos grandes nos que poder vivir familias tamén máis numerosas.

Esta nova poboación axudou a rexuvenecer novamente a Zona Nova onde moitas destas persoas traballan por conta propia collendo traspasos de bares e cafetarías, instalando bazares, perruquerías ou negocios de alimentación. Outras moitas traballan por conta allea na hostalería ou no reparto con empregos precarios e salarios máis baixos que os habituais. Outras coidan dos nosos maiores, normalmente sen asegurar, nunha situación económica moi precaria.

Unha poboación que se incrementou na cidade un 60% dende o ano 2021 e que fixo que a cidade superara os 100.000 habitantes por primeira vez na súa historia e na que un 25% é maior de 65 anos.

A vida nocturna

Pero a vida nocturna segue na actualidade cos seus máis de 15 negocios de ocio nocturno, para desgusto da veciñanza que ten que sufrir os ruídos e molestias que este tipo de negocios ocasiona na súa vida diaria.

Temos que lembrar o caso da batalla campal protagonizada por 2000 persoas nun ¨botellón¨ organizado ás portas do Ruta no 2021 ou os graves problemas e disturbios dese mesmo ano que tivo que soportar a veciñanza da discoteca La Facultad en Alfredo Brañas, cuxo nivel de ruído superaba ata 20 veces o nivel límite. Neste caso tivemos que asistir atónitos como o persoal técnico do Concello de Santiago xustificou ao propietario do negocio no xuízo para reducir o aforo deste local de 711 a 400 persoas, xuízo que gañaron as Comunidades demandantes. Pero o custo desta situación pagárona aquelas veciñas que vivían enriba desta discoteca que tiveron que mudarse para poder durmir. Ese tamén foi o caso de Alicia na rúa Santiago de Chile polos ruídos de dúas residencias de estudantes arredor da súa vivenda. Ou Eduardo na rúa Nova de Abaixo por mor dos ruídos xerados polo Guayaba que tiña debaixo. Estes son algúns dos moitos outros casos que seguen a acontecer, coma o de Carme enriba do Gabanna ou Xaime e Andrea enriba do Blaster. Por non falar da veciñanza e comerciantes que viven e traballan arredor de La Grandota a onde os taxistas non acoden de madrugada pola perigosidade que supón a zona de Santiago de Chile e Fernando III O Santo.

A agresividade e o consumo de droga aumenta

Creo que todos somos conscientes do aumento da agresividade na poboación dende a pandemia. Agresividade que se torna moi violenta de madrugada cando xa se consumiu demasiado alcohol e outras drogas. Este grao de violencia vén a incrementar os problemas de ruídos e altercados que xa viñamos sufrindo anos atrás pero que ultimamente están collendo unha nova dimensión como reflexan as agresións a un camareiro na Praza Roxa en maio de 2025 ou as batallas campais acontecidas este outubro neste mesmo lugar e dous días despois ás portas do Guayaba. Ao que temos que sumar as agresións sufridas por un dependente do 24H O de Sempre este pasado mes de novembro. Situación que se reflexa no recente informe publicado do Ministerio do Interior no que constata o incremento de lesións e leas tumultuarias en máis dun 43% no último ano ou o aumento dos roubos en establecementos comerciais que se incrementou nun 25%.

A este escenario de violencia crecente temos que sumarlle o incremento do tráfico de drogas e recentemente tamén a incremento no consumo de heroína. Lembramos a famosa “Operación Barrido” de 2020 que se saldou con 14 acusados por tráfico de drogas. A finais do 2022 fomos espectadores da redada antidroga na Cervexaría La Jarra onde incautaron un coche cargado de cocaína nun aparcadoiro próximo. Ou a operación policial deste novembro de 2025 nos negocios de ocio nocturno Stilo e TNT onde se incautaron drogas e numerosas armas brancas.

Pero seguimos asistindo impotentes ao tráfico de drogas en pisos do nº 5 de Santiago de Chile ou no nº 6 de Alfredo Brañas e en varias lavandarías e garaxes do Ensanche compostelán con chamativa impunidade.

Ocio vandálico. Unha nova modalidade de desfase.

Pero un novo problema se está a instalar na Zona Nova e espallándose a outras partes da cidade. Unha nova modalidade na que a rúa se converte nunha extensión gratuíta e impune dos negocios de ocio a onde botar ás persoas violentas ou que consomen drogas no interior dos locais. Para evitar estas responsabilidades penais os negocios de ocio aumentaron o seu persoal de seguridade que é o encargado de expulsar aos violentos e conflitivos.

Por iso, somos a veciñanza quen tén que padecer e custear os disturbios, problemas e ruídos ocasionados por un público alcoholizado e drogado e ante os cales os donos destes negocios non teñen ningunha responsabilidade do que fagan os seus clientes ás portas dos seus locais.

No 2022 asistimos á pelexa entre un peruano, un colombiano e un senegalés a carón do after TNT no que os tres individuos resultaron gravemente feridos polos cortes sufridos con botellas rotas.

No 2023 o barrio quedou conmocionado cando faleceu un mozo dominicano acoitelado por outros dous mozos colombianos ás portas da discoteca La Grandota. Poucos días despois un mozo dominicano acoitela a outro ás portas da discoteca Vanitas e no mesmo mes de xaneiro e no mesmo local, un mozo compostelán ingresa no hospital por ser agredido por outro cun vaso.

En maio de 2023 un menor marroquí resulta acoitelado na Alameda durante as Festas da Ascensión dese ano.

O mes pasado un mozo compostelán acoitela a outro rapaz na Alameda causándolle feridas graves.

Estes son algúns dos casos que transcenderon á prensa.

 

 

O Stilo e o TNT relevan á Tita

O lamentable historial de altercados de La Tita foi superado con creces polos seus descendentes cando este famoso after de Romero Donallo pechou as súas portas en 2016.

No 2017 e ante as molestias ocasionadas por máis de 20 persoas concentradas ás portas do bar Stilo, unha redada policial con máis de 30 axentes sáldase con sete persoas denunciadas por posesión de drogas e dous menores por consumo de alcohol no seu interior, o que ocasionou a imposición dunha sanción aos propietarios deste negocio.

En 2019 volve ser obxecto de denuncias veciñais que reclaman a presenza policial polos desfases cometidos pola súa clientela na rúa e a primeiras horas da mañá.

Despois do peche obrigado da pandemia, no 2022 unha nova pelexa protagonizada por un español, un uruguaio e un dominicano no interior do local, trasládase á rúa e cesando unha vez que se presentou a policía.

No 2024 ante unha lea multitudinaria, a veciñanza volve a reclamar a presenza policial na que ningún dos implicados interpuxo denuncia.

En novembro de 2025, unha redada policial nos bares Stilo e TNT sáldase con varios detidos por posesión de drogas e a incautación de numerosas navallas e coitelos.

Isto é só a punta do iceberg dun problema de moita máis grande dimensión que está a degradar a Zona Nova e do cal as autoridades políticas e policiais son ben coñecedoras.

Se lle sumamos a impotencia policial e a pasividade da alcadía, teremos unha explicación bastante certeira do porqué desta situación. No entanto tamén é evidente cal é a solución.

 

https://www.elcorreogallego.es/galicia/2016/12/05/clausuran-pub-tita-motivos-tecnicos-110268637.html

 

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/santiago/2023/01/04/fallece-hombre-apunalado-trifulca-santiago-compostela/00031672832536479445633.htm

 

https://www.abc.es/espana/galicia/herido-menor-acuchillado-madrugada-santiago-compostela-20230108113858-nt.html

 

https://www.elcorreogallego.es/santiago/2023/01/29/herido-joven-impactarle-vaso-cara-109679175.html

 

https://www.elcorreogallego.es/santiago/2025/09/12/piden-cuatro-anos-prision-joven-rompio-vaso-cara-otro-suceso-agresion-santiago-discoteca-vanitas-121496873.html

 

https://www.elperiodico.com/es/sucesos/20251201/joven-apunalo-santiago-queda-libertad-124329541

 

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/santiago/2022/05/07/ano-medio-carcel-mujer-partio-brazo-pelea-bar-stilo-santiago/00031651927330384887280.htm

 

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/santiago/2023/05/20/policia-nacional-detiene-menor-apunalamiento-chico-14-anos-fiestas-ascension-santiago/00031684572232464154507.htm

 

https://www.elcorreogallego.es/videos/santiago/2025/06/16/tres-detenidos-agresion-camarero-plaza-roja-118663826.amp.html

 

https://www.elcorreogallego.es/santiago/2025/11/16/cliente-revienta-madrugada-nariz-dependiente-tienda-24-horas-santiago-ensanche-123762322.html

 

https://www.elcorreogallego.es/santiago/2025/10/08/vecinos-ensanche-santiago-pediran-adelantar-hora-cierre-ocio-nocturno-peleas-pubs-discotecas-agresiones-heridos-122383367.html

 

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/santiago/2025/01/20/catorce-acusados-trapicheo-drogas-santiago-aceptan-penas-dos-cuatro-anos-medio-carcel/00031737390193820431574.htm

 

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/santiago/2020/12/18/policia-nacional-asesta-gran-golpe-trapicheo-drogas-santiago-elimina-catorce-puntos-venta/00031608278393024749731.htm

 

https://www.g24.gal/-/a-policia-identifica-cen-persoas-nunha-operacion-contra-o-trafico-de-estupefacientes-en-santiago

 

https://www.elcorreogallego.es/santiago/2025/12/03/santiago-supera-100-000-habitantes-124372827.html

 

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/2025/04/01/santiago-consume-tanta-cocaina-hamburgo-lisboa-zagreb/0003_202504S1C1991.htm

 

https://www.elcorreogallego.es/galicia/2016/12/05/clausuran-pub-tita-motivos-tecnicos-110268637.html

 

https://www.lavozdegalicia.es/amp/noticia/santiago/santiago/2022/08/03/vuelta-andadas-torno-bar-stilo-fernando-iii-pelea-detenido/0003_202208S3C2998.htm?utm_campaign=amp

 

https://www.elcorreogallego.es/santiago/2024/09/23/amplio-despliegue-policial-rina-pub-108456091.amp.html

 

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/2019/12/28/stilo-after-desfase-sexo-calle/0003_201912S28C3991.htm

 

https://www.lavozdegalicia.es/amp/noticia/santiago/santiago/2022/08/03/vuelta-andadas-torno-bar-stilo-fernando-iii-pelea-detenido/0003_202208S3C2998.htm?utm_campaign=amp

 

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/2025/11/21/operacion-policial-ensanche-santiago-contra-trafico-estupefacientes/00031763711071705572996.htm

 

https://www.elcorreogallego.es/santiago/2025/11/21/operacion-policial-ensanche-trafico-estupefacientes-123962235.html

Ningún comentario: