31 de decembro de 2025

Balance do 2025 e desexos para 2026

Se temos que resumir o 2025 diríamos que o camiño que iniciamos para defender os nosos dereitos e o traballo realizado por mellorar a convivencia na Zona Nova deu os seus pequenos froitos. Pero quedan outros moitos por colleitar no 2026.

Pero dúas cousas quedaron claras este pasado ano: que os nosos dereitos hai que defendelos e que os problemas que non se visibilizan non existen.

Os dous pequenos froitos foron as dúas resolucións do Departamento de Disciplina Urbanística do Concello de Santiago. 

A primeira resolución veu en marzo despois de dous anos de trámites administrativos, que de pouco lle valeu ao veciño que interpuxo denuncia ao Guayaba polos ruídos xenerados por este negocio de ocio e que non lle permitían durmir. A el non lle valeu de moito xa que tivo que marchar polo insoportable que se lle fixo vivir enriba. Pero sentou precendente para todos nós xa que este traballo lento finalmente deu os seus froitos. Lamentablemente o dono do Guayaba optou por pechar as portas deste emblemático negocio de ocio no canto de acometer as obras necesarias para cumprir a normativa.

A segunda resolución chegou onte 30 de decembro. Esta obrigaba a empresa a retirar a pantalla luminosa instalada na rotanda da Pontepedriña. A veciña que interpuxo a denuncia tivo que insistir repetindo a denuncia ata tres veces e así conseguir que lle fixeran caso e obrigar ao Departemento de Disciplina Urbanística a actuar.

Outro exemplo de resistencia foi tamén o conseguido pola AV Río Sarela na defensa dos dereitos da veciñanza frente ás graves molestias e ruídos xerados polo negocio de ocio Malatesta.

Ou o logro conseguido pola AV Fonseca na defensa dos dereitos dunha veciña da Algalia de Arriba contra os ruídos xerados pola Pub Lío que rematou tamén co peche deste negocio por incumprimento da normativa e dun dereito fundamental.

Son exemplos de resistencia que acaban dando os seus froitos e que nos mostran cal é o camiño a seguir.

Finalmente temos que recoñecer que o modelo de negocios de ocio que utilizan a rúa coma unha extensión gratuita dos seus locais, son incompatibles con unha zona residencial. 

E que este tipo de situacións se dean hoxe en día habendo normativas municipais que o regulan, só se pode explicar pola inacción das autoridades competentes en facelas cumprir.

Esperemos que o 2026 tamén nos dea outros froitos en beneficio da convivencia da Zona Nova e da nosa cidade.  

Desexamos que neste novo ano se cumplan os vosos desexos e tamén os vosos dereitos.






Ningún comentario: