17 de xaneiro de 2026

Humanizar a Zona Nova compostelá

 Ante a nova anunciada esta semana polo concelleiro de urbanismo sobre a proposta de humanización das rúas Santiago de Chile e Praza de Vigo, dende AV Raigame temos que dicir o seguinte:

A humanización da Zona Nova é unha asignatura pendente dos distintos gobernos municipais. É necesario actuar en varias rúas que foron quedando atrás nas diferentes reformas que se foron facendo. As rúas Santiago de Chile, rúa Nova de Abaixo, Rep. Arxentina, Avd Rosalía de Castro, Doutor Teixeiro, Hórreo, etc...son rúas que foron esquecidas nas distintas reformas puntuais. Reformas que hoxe xa están obsotelas e tamén precisan de intervencións para eliminar as barreiras arquitectónicas.

Lembramos aquel famoso "Brañas Bulevar" cando no 2010 nos dixeron que sería o exemplo da moderna humanización da cidade. Van aló máis de 15 anos!!. Fixéronse varias probas pero, ao noso parecer, quizáis o modelo que mellor resultado deu ata o momento é o de "apaciguamento do tráfico" coma se fixo nas rúas Montero Ríos e Xeneral Pardiñas. Unha pseudo peatonalización sen barreiras arquitectónicas pero que permita a carga e descarga e a parada exprés á clientela.

Pero hai cousas urxentes que facer coma atallar os problemas que ameazan con devaluar, empobrecer e degradar a Zona Nova.

Tamén é urxente a municipalización dos aparcamentos soterrados da Praza de Vigo e a Praza de Galicia con prezos populares.

Pero a rúa Santiago de Chile ten un gran dinamismo comercial que seguramente sexa debido á posibilidade de aparcamento nun dos dous carriles que esa rúa ten. É frecuente ver coma o carril da dereita sempre ten coches parados en dobre fila. Isto é algo que se debería ter moi en conta se non queremos rematar con este dinamismo. Varias zonas de parada de 10 min seguindo o modelo do segundo tramo da Avd. de Vilagarcía cremos que podería ser unha boa solución para a clientela destes comercios. Tamén é preciso darlle unha alternativa ao aparcamento de superficie, por iso é necesario municipalizar primeiro o aparcamento da Praza de Vigo

Tamén é certo que é unha rúa que soporta unha gran densidade de tráfico de paso a outros puntos da cidade. Problema iste que se podería arranxar cunha boa planificación deste "tráfico de paso". 

Os atrancos frecuentes no cruce Santiago de Chile/Rep. Arxentina debido aos problemas que se atopan os autobuses interurbanos de gran tamaño tamén sería doado de arranxar se se trasladara a parada "provisional" da rúa da Rosa que vai camiño de ser permanente. Así solucionaríamos tamén os problemas que esta situación causa á veciñanza da rúa da Rosa.

Urxe tamén solucionar á acumulación desmesurada de lixo que desborda os contedores ubicados nos tres tramos da rúa Santiago de Chile e que debe ser solucionado antes de calquera outra cousa.

 Praza de Vigo: Ulo Rosalía?

En relación á reurbanización da Praza de Vigo, sorprende enormemente que o concelleiro de urbanismo esqueza o lugar de nacemento de Rosalía de Castro. Máis aínda nos sorprende que esqueza a entrevista que mantivemos en febreiro de 2024 coa alcaldesa e o concelleiro na que lle presentamos o proxecto dun concurso internacional de ideas para realizar unha interveción artística e urbanística na Praza de Vigo entorno á figura de Rosalía de Castro xa que este foi o seu lugar de nacemento o cal celebramos cada 23 de febreiro co apoio da Fundación Rosalía.

Esta é unha vella reivindicación de AV Raigame que busca tamén crear un punto de visita obrigada que axude a dinamizar comercialmente a Zona Nova e desconxestione a Zona Vella.

Outra demanda dende hai 8 anos é o arranxo do pavimento da beirarrúa da Avd de Vilagarcía e a eliminación do verdín do cal recibimos moitas queixas veciñais polos resbalóns que provoca. Esperemos que non se espere á realización das obras da Praza de Vigo para solucionar este problema que arrastramos dende aquela.

Os anuncios de humanización están ben pero hai cousas máis urxentes que facer. Esperemos que se fagan agora que as miradas da Alcaldía están postas na Zona Nova.




Ningún comentario: